O Consello da Xunta aumentou os acordos propagandísticos sen valor legal tras lanzar Rueda en setembro a precampaña

Rueda na arenga aos seus altos cargos o 18 de setembro e evolución dos informes propagandísticos divulgados tras o Consello da Xunta CC-BY-SA Praza Pública - Xunta de Galicia

Os informes que o presidente emprega nas súas comparecencias para introducir na axenda pública asuntos do seu interese -ocultando pola contra decisións reais polémicas- incrementáronse desde a arenga que lanzou tras o verán ao seu Goberno

O pasado xoves o Consello da Xunta non aprobou a convocatoria de 2.300 prazas de emprego público. En reunións previas aprobáronse ofertas públicas de emprego e as oposicións serán convocadas máis adiante, pero na súa última reunión, malia o que tentou transmitir, o Goberno galego non tomou ningunha decisión executiva con validez legal ao respecto. O que fixo foi analizar un suposto informe sobre futuras convocatorias, o que permitiu ao presidente, Alfonso Rueda, pronunciarse sobre a cuestión. 

Un xeito de proceder, o de divulgar informes de finalidade propagandística pero sen alcance legal real, que se vén incrementando durante os anos de goberno do PP e aínda máis desde que o pasado setembro o propio Rueda lanzou a precampaña das eleccións galegas cunha arenga aos altos cargos do Goberno galego pedíndolles máis intensidade política.

Os consellos da Xunta, as reunións semanais do Goberno galego, poden aprobar proxectos de lei, decretos ou acordos de todo tipo, pero tamén divulgan informes, documentos que a diferenza das figuras anteriores non teñen validez legal pero que adoitan ser empregados para que o presidente introduza no debate público asuntos do seu interese. Os informes convértense así en instrumentos de propaganda cos que o Goberno galego gábase das súas propias actuacións, pasadas ou futuras, aínda que estas non fosen aprobadas no Consello da Xunta no que se divulgan.

Durante os mandatos de Manuel Fraga chegou a haber reunións do Consello da Xunta nas que se divulgaron ata unha vintena de informes. Durante o goberno de coalición de PSdeG e BNG o seu uso reduciuse a menos de un por consello. Pero durante os gobernos de Feijóo o incremento dos informes foi progresivo. Se no primeiro mandato adoitaba publicitar unha media de tres informes por consello, no seu cuarto mandato a media aumentou a cinco por reunión.

Rueda intervén no acto 'Fitos, obxectivos, futuro' co que o 18 de setembro arengou os altos cargos da Xunta e lanzou a precampaña CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

O anterior goberno de PSdeG e BNG divulgaba menos dun acordo propagandístico por Consello, Feijóo comezou cunha media de 3 na súa primeira lexislatura e nas últimas semanas a cifra chega aos 4,6 

A chegada de Rueda á presidencia da Xunta hai ano e medio supuxo nas primeiras semanas unha relativa redución do número de informes propagandísticos en cada reunión do Consello, o que permitiu reducir a media, pero co paso dos meses as cifras foron aumentando. Así, no que vai de lexislatura, entre os gobernos de Rueda e Feijóo veñen divulgando unha media de 4,4 informes propagandísticos por Consello. 

Pero esa cifra aumentou aínda máis nas últimas semanas, cun total de 60 informes en 13 consellos (4,6 de media) desde que o 18 de setembro Rueda pediu máis intensidade política aos seus altos cargos de cara ás inminentes eleccións galegas. 

Os consellos da Xunta presididos por Rueda aínda non chegaron ao récord de divulgar 12 informes sen contido legal real como fixo Feijóo nunha reunión de abril do pasado ano, xusto antes de deixar a presidencia. Pero nestas últimas semanas houbo un consello con 8 informes propagandísticos e outras dúas reunións con 7 informes cada unha.

Un axente da Unidade de Policía Adscrita (UPA) á Xunta saúda ao paso de Rueda e dous dos seus asesores antes do inicio dun Consello da Xunta CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Fronte ao aumento dos informes propagandísticos a Xunta segue a ocultar decisións efectivamente tomadas nos consellos 

Fronte a esta proliferación de informes, os gobernos do PP tamén veñen decidindo a ocultación aos medios de comunicación doutros acordos polémicos si realmente tomados nos consellos da Xunta pero que non son incluídos nos listados de asuntos que se facilitan posteriormente. 

Pasou recorrentemente con Feijóo -perdón dunha multa de 3 millóns ao promotor e alcalde popular Telmo Martín, decisión de non levar a xuízo á empresa Brenntag por contaminación no río Umia ou ocultación doutro tipo de acordos millonarios- e no caso de Rueda el mesmo defendeu que só revelaría nas súas comparecencias “os acordos que consideramos máis relevantes desde o punto de vista da comunicación pública”. Así o dixo tras saberse que evitara divulgar decisións como a autorización da universidade de Abanca ou un novo sistema de nomeamento de cargos de confianza

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.