O Goberno galego evitou divulgar decisións como a autorización da universidade de Abanca ou o novo sistema de nomeamento de cargos de confianza impedindo así que o presidente fose preguntado por esas cuestións, en liña co que viña facendo Feijóo
Catro meses despois de tomar posesión como presidente da Xunta, Alfonso Rueda vén potenciando na súa axenda pública todo tipo de actos amables, principalmente vinculados co turismo e a gastronomía, que lle permiten darse a coñecer á cidadanía eludindo cuestións conflitivas. Cando os xornalistas poden preguntarlle por calquera tema, xeralmente nas roldas de prensa posteriores ás reunións os xoves do Consello da Xunta, Rueda atende todo tipo de preguntas, como facía Feijóo, pero ao igual que o seu antecesor tamén el e o seu equipo veñen ocultando decisións polémicas tomadas neses mesmos encontros semanais, o que impide que se lle pregunte por elas e as súas consecuencias.
Este xoves, preguntado por este xeito de proceder similar ao de Feijóo, Rueda asegurou que el mesmo só vai revelar nas súas comparecencias “os acordos que consideramos máis relevantes desde o punto de vista da comunicación pública”, atribuíndose así a Xunta ese criterio en lugar de deixalo en mans dos e das xornalistas.
Un exemplo de ocultación dunha decisión relevante produciuse no Consello da Xunta do 4 de agosto, que aprobou un decreto cos novos procedementos de nomeamento de persoal de confianza como as xefaturas de servizo. Os decretos son a segunda figura en importancia xurídica que pode aprobar o Consello da Xunta, só por detrás dos proxectos de lei, pero estes últimos aínda teñen que ser aprobados polo Parlamento para entrar en vigor mentres que os decretos son directamente executivos.
Malia esa relevancia da norma, nada dixo Rueda sobre a súa aprobación na súa comparecencia posterior ante os medios de comunicación aquel 4 de agosto. Tampouco o seu equipo o incluíu na referencia ou listado de decisións adoptadas en cada consello que envía posteriormente aos xornalistas. Foi case mes e medio despois, coa súa publicación no DOG hai uns días, cando transcendeu a aprobación desa nova norma.
O mesmo ocorreu no Consello do 27 de xullo, cando nin Rueda nin o seu equipo comunicaron que nesa reunión a Xunta aprobara o decreto que autorizou o inicio de actividades da universidade privada impulsada por Abanca. Acabaría coñecéndose dúas semanas máis tarde.
Case parecido foi o proceder do presidente cando no Consello do 19 de maio detallou diversos novos nomeamentos na estrutura da Xunta pero nada dixo dun dos de maior rango, unha secretaría xeral, que foi para a ex-conselleira de Facenda e ex-candidata do PP en Vigo Elena Muñoz. Nomeamento sobre o que Rueda evitou pronunciarse e ningún medio puido preguntarlle e que só foi coñecido cando unhas horas despois o seu equipo si o incluíu na referencia de asuntos trasladada aos medios de comunicación.
Feijóo xa ocultaba acordos controvertidos do Consello como o perdón dunha multa a un alcalde do PP, parques eólicos ou decisións sobre xuízos
Durante os gobernos de Feijóo xa foi habitual que tanto o presidente como as referencias de asuntos aprobados que o servizo de comunicación da Xunta traslada aos medios ocultasen todo tipo de decisións polémicas. Así ocorreu coa decisión do Consello da Xunta de perdoar a finais de 2011 unha multa de tres millóns de euros ao promotor inmobiliario e alcalde popular de Sanxenxo Telmo Martín. Tampouco divulgou a decisión tomada polo Goberno galego en pleno de non levar a xuízo á empresa Brenntag por un vertido contaminante no río Umia. E co mesmo segredo de cara aos medios de comunicación a Xunta tamén vén autorizando nas súas reunións semanais a regularización de vivendas e piscifactorías ilegais, o incremento de taxas ou o impulsou de todo tipo de proxectos polémicos.
Ao tempo que se ocultan decisións polémicas a Xunta vén aumentando a divulgación de informes propagandísticos sen valor xurídico
Só durante os dous últimos meses do Goberno de Feijóo o Consello da Xunta aprobou sen comunicalas nas roldas de prensa posteriores nin incluílas nas referencias de asuntos facilitadas aos xornalistas as autorizacións para un parque eólico contestado socialmente en Barro, Campo Lameiro e Moraña, expropiacións para que a empresa Aluminios Cortizo poida estender novamente as súas instalacións en Padrón ou a perda da condición de utilidade pública dun monte en Cuntis, xunto con varias modificacións de postos laborais en diferentes consellerías, decisións todas elas que só se coñeceron días despois coa súa publicación posterior no DOG e polas que non se lle puido preguntar ao presidente nas roldas de prensa das reunións en que se aprobaron.
Ao tempo, durante os mandatos de Feijóo duplicouse a divulgación no Consello da Xunta de informes propagandísticos sen máis valor xurídico que o dunha nota de prensa, proceder que se segue a manter con Rueda, con cinco informes semellantes divulgados tras a reunión deste xoves.