Os informes que o presidente esgrime nas súas comparecencias para introducir no debate público asuntos do seu interese aumentaron aínda máis desde que iniciou a súa marcha a Madrid, ao tempo que seguen ocultándose decisións conflitivas
Os consellos da Xunta, as reunións semanais do Goberno galego, poden aprobar proxectos de lei, decretos ou acordos de todo tipo, pero tamén adoitan divulgar informes, documentos que a diferenza das figuras anteriores non teñen validez legal pero que adoitan ser empregados para que o presidente introduza no debate público asuntos do seu interese. Os informes convértense así en instrumentos de propaganda cos que o Goberno galego gábase das súas propias actuacións, pasadas ou futuras, aínda que estas non fosen aprobadas no Consello da Xunta no que se divulgan os informes.
Durante os mandatos de Manuel Fraga chegou a haber reunións do Consello da Xunta nas que se divulgaron ata unha vintena de informes. Durante o goberno de coalición de PSdeG e BNG o seu uso reduciuse a menos de un por consello. Pero durante os gobernos de Feijóo o incremento dos informes vén sendo progresivo. Se no primeiro mandato adoitaba publicitar unha media de tres informes por consello, neste cuarto mandato que está a piques de finalizar coa súa dimisión a media é de cinco informes por consello. Unha cifra que se disparou ata os oito informes por consello nos dous últimos meses, desde que se iniciou a crise do PP e Feijóo iniciou a súa carreira para converterse no líder da oposición a nivel estatal mesmo empregando para iso a presidencia da Xunta.
Os informes que divulga o Goberno galego tras cada Consello da Xunta non adoitan ter máis validez que a dunha nota de prensa. Só nunhas poucas ocasións, que non foron incluídas na contabilidade desta información, os informes son preceptivos, por exemplo cando dan conta ao Consello da Xunta de obras ou contratos de emerxencia que deberan ser autorizados polo Goberno galego en pleno pero que pola súa urxencia foron validados por unha consellería.
Os 12 informes divulgados tras o Consello da Xunta celebrado en Vigo o pasado xoves 21 de abril supoñen o récord deste tipo de propaganda durante os 13 anos de gobernos de Feijóo
Na gran maioría do resto de ocasións, as contabilizadas nesta información, os informes son empregados para publicitar decisión previas ou futuras das consellerías que non deben ser adoptadas polo Consello da Xunta pero que son aproveitadas polo presidente para presentalas como propias. Para elaborar un informe propagandístico non se require, ao contrario que para un acordo ou un decreto, ningún traballo xurídico previo. Nin teñen que ser aprobados formalmente polo Consello da Xunta, que en ocasións se limita a declararse coñecedor de informes mesmo verbais. Pero a súa divulgación posterior, xa sexa polo propio presidente nas súas roldas de prensa ou polo departamento de comunicación da Xunta, permite colocar nos medios de comunicación mensaxes desexadas polo Goberno galego.
Nos dous últimos meses, desde o comezo da crise do PP e o inicio da campaña de Feijóo por converterse no líder da oposición estatal, os informes veñen multiplicándose coincidindo coa xira de despedida do presidente polas principais cidades galegas. Neses “consellos itinerantes”, como el mesmo os definiu, está aproveitando para facer repaso a proxectos xa executados ou prometidos para o futuro en cada cidade que teñen o seu reflexo nos seus respectivos informes. Isto fixo que o consello celebrado en Vigo o pasado xoves 21 de abril batese todos os récords anteriores de número de informes nunha mesma reunión do goberno, con 12. [Aquí o PDF coa lista de acordos feita pública pola Xunta].
Pola contra, entre o realmente aprobado nese Consello da Xunta só dous asuntos aprobados formal e legalmente se referiron a Vigo: un acordo co Colexio de Arquitectos para un concurso de ideas para o vello edificio dos xulgados que agora quedará sen uso e outro para investir 3,5 millóns en diversas actuacións de humanización do borde litoral da cidade da man da Autoridade Portuaria.
Fronte ao aumento dos informes propagandísticos a Xunta segue a ocultar decisións efectivamente tomadas nos consellos pero que poden resultar polémicas e vén reducindo a súa produción lexislativa
Antes do novo récord acadado no consello celebrado en Vigo outras reunións do Goberno galego con cifras igualmente elevadas de informes foron, con 11, a do 3 de marzo pasado celebrada en Ourense, a do 17 de marzo en Lugo e outra do 1 de xullo de 2021, mentres que con 10 informes se saldaron o consello da Coruña do pasado 8 de abril e outro o 4 de maio de 2016.
Igualmente, o aumento da divulgación de informes propagandísticos nos últimos anos coincide cunha menor produción lexislativa por parte da Xunta. Fronte á redución de acordos formais sobre o inicio da tramitación ou a aprobación definitiva de proxectos de lei, o Goberno galego vén incluíndo como informes nos seus consellos pasos intermedios como a elaboración de borradores previos, as exposicións públicas ou a obtención de informes.
Ao tempo que o Goberno veu aumentando a divulgación destes informes, tamén ocultou acordos controvertidos si realmente adoptados no Consello, como o perdón dunha multa a un alcalde do PP, parques eólicos ou decisións sobre xuízos
Pero ao tempo que os gobernos de Feijóo veñen aumentando a divulgación de informes propagandísticos sen validez legal, tamén deciden a ocultación de cara aos medios de comunicación doutros acordos polémicos si realmente tomados nos consellos da Xunta pero que non son incluídos nos listados de asuntos que se facilitan posteriormente. Só nos dous últimos meses o Consello da Xunta aprobou sen comunicalas nas roldas de prensa posteriores nin incluílas nas referencias de asuntos facilitadas aos xornalistas as autorizacións para un parque eólico contestado socialmente en Barro, Campo Lameiro e Moraña, expropiacións para que a empresa Aluminios Cortizo poida estender novamente as súas instalacións en Padrón ou a perda da condición de utilidade pública dun monte en Cuntis, xunto con varias modificacións de postos laborais en diferentes consellerías, decisións todas elas que só se coñeceron días despois coa súa publicación posterior no DOG.
O proceder de ocultar acordos efectivamente tomados polo Consello da Xunta pero que poderían resultar polémicos non é novo e vense repetindo desde o primeiro mandato de Feijóo. Así ocorreu coa decisión do Consello da Xunta de perdoar a finais de 2011 unha multa de tres millóns de euros ao promotor inmobiliario e alcalde popular de Sanxenxo Telmo Martín.
Tampouco divulgou a decisión tomada polo Goberno galego en pleno de non levar a xuízo á empresa Brenntag por un vertido contaminante no río Umia. E co mesmo segredo de cara aos medios de comunicación ao tempo que divulga informes propagandísticos, a Xunta tamén vén autorizando nas súas reunións semanais a regularización de vivendas e piscifactorías ilegais, o incremento de taxas ou o impulsou de todo tipo de proxectos polémicos.