O vindeiro maio, Alberto Núñez Feijóo vai deixar de ser presidente da Xunta. Resta por saber o día, pero o xa confirmado é que acontecerá o mes vindeiro, uns tres meses despois do estourido da crise interna do PP que o elevou ao liderado do partido en substitución de Pablo Casado. Daquela converterase no primeiro xefe do Executivo galego que dimite do cargo. Tamén no primeiro que abandona o posto sen sumar unha soa nova competencia ao Goberno de Galicia.
Nas catro eleccións nas que logrou a presidencia da Xunta para Feijóo con cadansúas maiorías absolutas, o PP incluíu a promesa de pular por novos traspasos de competencias ante o Goberno de España. Tamén nos que resultaron ser os derradeiros comicios con Feijóo no cartel electoral, os de 2020, cando o programa popular prometeu esencialmente os mesmos traspasos que en anteriores eleccións (2009, 2012, 2016), toda vez que o contador dos logrados dende 2009 seguía a cero.
A súa intención para esta lexislatura, sinalaba, era volver pedir ao Estado as transferencias que "foron avaladas polo Parlamento galego". Entre elas, citaban algunhas como museos e bibliotecas estatais, arquivos, bolsas de estudo, Inspección de Traballo, servizos meteorolóxicos, varias ligadas á pesca e á ordenación territorial, a sanidade penitenciaria ou as autoestradas AP-9 e AP-53.
O PP descualificara o Goberno de PSdeG e BNG como "sometido a Madrid" por lograr só 12 transferencias, que o futuro presidente Rueda considerara "traspasiños menores"
Ese "aval" parlamentario é o apoio que, na recta final do mandato do Goberno de coalición PSdeG-BNG, a Cámara galega deu por unanimidade á solicitude de 70 competencias abeiradas no Estatuto de Autonomía de 1981 e pendentes de transferir. En 2009, cando volveron á Xunta, os conservadores aseguraron que asumían o mesmo compromiso e se limitarían a priorizar esa listaxe de competencias, a principar polas que xa comezara a negociar o Executivo de socialistas e nacionalistas, as de museos, bibliotecas e arquivos, bolsas de estudo e Inspección de Traballo.
Daquela, dicían, propúñanse inverter a situación xerada polo Goberno bipartito, ao que o programa do PP cualificara de "auténtico antídoto do autogoberno de Galicia" polo que cualificaban como "sometemento a Madrid". Non en van, acusaban, Emilio Pérez Touriño (PSdeG) e Anxo Quintana (BNG) lograran apenas 12 "traspasiños menores", caricaturizara Alfonso Rueda, daquela secretario xeral do PPdeG e xefe da campaña de Feijóo, actualmente vicepresidente e próximo presidente da Xunta.
No seu último programa, o de 2020, o PPdeG consideraba que "o Estado autonómico, no ámbito competencial, está desenvolvido no substancial", se ben "a debilidade parlamentaria do actual Goberno socialista o ten levado (...) abrir o debate sobre novas transferencias ás comunidades autónomas, algunhas delas de dubidosa constitucionalidade", din. Por iso, agregaban, "non aceptaremos que Galicia quede en inferioridade de condicións" pero tampouco traspasos que "poñan en risco a viabilidade de políticas estatais".
Nos anos en que coincidiu no poder con Zapatero e Sánchez, Feijóo atribuíu o bloqueo dos traspasos a razóns partidarias. Nalgunha ocasión, tamén culpou o independentismo catalán
Sexa como for, o certo é que Feijóo deixará a presidencia Xunta con exactamente as mesmas competencias que a atopou en 2009. Neste tempo, o presidente saínte veu defendendo que a súa política económica foi o mellor garante do autogoberno e, nos anos en que coincidiu con presidentes do PSOE no Goberno de España (ata 2011 con José Luis Rodríguez Zapatero, dende 2018 con Pedro Sánchez) atribuíu o bloqueo dos traspasos a razóns partidarias. Así o afirmou, por exemplo, ao reclamar a conveniencia do traspaso da xestión do Ingreso Mínimo Vital ou ao sinalar a lentitude coa que se tramita no congreso a lei da transferencia da AP-9. Tamén, nalgunha ocasión, culpou o independentismo catalán ao respecto.
Mentres, as cero competencias logradas contrastan non só coas que obtiveron os presidentes aos que lles correspondeu asumir o poder nos primeiros anos da autonomía (72 en tempos de Albor, 13 na breve etapa de Laxe ou 53 no tempo de Fraga, cadrando coa segunda etapa de traspasos ao conxunto de autonomías). Tamén é substancial a diferenza cos tres anos e medio do Goberno de coalición que presidía Touriño e a ducia de transferencias que o PP cualificara como "traspasiños". O calendario de ampliación do autogoberno segue, daquela, detido en 2008, cando a Xunta asumiu os traspasos en materia de xestión de asociacións, do hospital da Defensa de Ferrol e do Parque das Illas Atlánticas.