A mediados do pasado febreiro estourou de vez a crise interna do PP, con acusacións cruzadas de corrupción e guerra sucia entre o equipo do daquela líder orgánico da formación, Pablo Casado, e o gabinete da presidenta da Comunidad de Madrid, Isabel Díaz Ayuso. Ao contrario que noutras ocasións, Alberto Núñez Feijóo deu en intervir publicamente na crise para reclamar a Casado que non provocase un "incendio" no partido aínda que recease da honestidade de Ayuso nos negocios do Executivo madrileño co irmán da mandataria.
Feijóo avoga por acompasar a sucesión no PP e na Xunta, con finais de maio como horizonte para a mudanza efectiva
Poucos días despois, Feijóo reclamaba "decisións urxentes" no seo dun PP en "colapso" e antes de fin de mes, a rebelión xa lograra desbancar a Casado e abrir a porta a Feijóo ao presidente da Xunta a unha elección por aclamación á que se brindou o 2 de marzo e que culminou o 2 de abril. Tras todos estes sucesos, o aínda presidente vén sinalando que "en semanas" abandonará o Goberno galego para centrarse no seu partido, sinalando o mes de maio como horizonte para a remuda mentres no PP de Galicia se multiplican os movementos cara á sucesión orgánica e gobernamental.
Neste escenario, o pasado venres Feijóo concedía unha entrevista a La Voz de Galicia tras o Consello da Xunta celebrado na Coruña, onde admitiu que aínda non falara con algunha das catro presidencias provinciais do PPdeG sobre o xeito de artellar as dúas sucesións. Nas súas respostas deu en decantarse por concretar o traspaso de poder na Xunta e no PP mediante un novo congreso do partido, desbotando a vía da designación a dedo que el mesmo alimentara en días pasados. Tamén por acompasar ambos procesos, cuxos prazos levarían a mudanza efectiva na presidencia da Xunta á contorna de finais de maio. En contas redondas, un trimestre de Goberno provisional.
Ana Pontón (BNG) sinala que Feijóo está traballando "para o PP mentres cobra un salario dos galegos e galegas", que precisan "un Goberno centrado en dar solucións á crise de prezos" e teñen "un Executivo do PP paralizado polas liortas internas" da sucesión
Co mapa bosquexado e mentres Feijóo defende que o Goberno galego "non sufriu un só minuto de atraso a consecuencia" da súa marcha en diferido, as forzas políticas da actual oposición reclaman acelerar a remuda e non estender a interinidade. Nesta liña, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reitera que "Galiza precisa un goberno centrado en dar solucións á crise de prezos", pero o que ten é "un Executivo do PP paralizado polas liortas internas para determinar quen queda coa cadeira vacante de Feijóo", resumiu en respostas á prensa durante unha visita á Confraría de Noia para abordar a situación do sector marisqueiro.
"Feijóo hai tempo que xa está en Madrid, mesmo fisicamente", ilustra Pontón, quen lembra que o aínda presidente comezou a semana na sede central do seu partido, presidindo unha xuntanza do Comité de Dirección -á que este luns se incorporou presencialmente a aínda secretaria xeral de Medios da Xunta, Mar Sánchez, como parte da nova cúpula popular-. "É dicir, está traballando para o PP mentres cobra un salario dos galegos e galegas, pero este país non pode estar paralizado ata xuño", sinala, polo que o que cómpre é "non alongar máis o proceso de sucesión" tras dous meses "cun presidente que ten como prioridades tapar a corrupción do seu partido, xustificar os seus pactos coa extrema dereita e calmar as augas internas do PPdeG".
Formoso (PSdeG) ve "importante que no PP se aceleren os prazos" mentres subliña que Feijóo se estrea como líder do seu partido avalando o bipartito coa extrema dereita en Castilla y León
A eses pactos coa extrema dereita referíase tamén este luns o secretario xeral do PSdeG. No inicio do debate de investidura que culminará coa constitución do bipartito do PP con Vox en Castilla y León, Valentín González Formoso chama a confrontar o aval de Feijóo a esta coalición coa "unión e contundencia" das forzas políticas francesas tras a primeira volta das eleccións presidenciais "para que a ultradereita non teña a posibilidade" de gobernar.
Alén desta cuestión, Formoso tamén ve "importante que no PP se aceleren os prazos" para a remuda en Galicia non "por unha cuestión orgánica", senón porque "Galicia require dun goberno e duns liderados políticos contundentes, que sexan quen de entenderse e propoñer medidas que favorezan a economía". Nun sentido semellante, o voceiro parlamentario do PSdeG, Luis Álvarez, tamén urxe acelerar a sucesión, porque Galicia "non pode ser o taboleiro do xogo de tronos do PP" mentres a Xunta está "paralizada".