O presidente dos populares da Coruña, Diego Calvo, arrefría a elección de Rueda como sucesor malia o apoio expreso que lle amosou Baltar, mentres Feijóo advirte de que pode ser a actual directiva e non un novo congreso quen decida
As dimisións de Feijóo como presidente do PPdeG -xa concretada- e da Xunta -aínda pendente- van da man. E da man van tamén as negociacións no seo do PP para decidir o próximo presidente da Xunta e o próximo presidente do PPdeG, cargo este último que leva aparellada a candidatura nas próximas eleccións galegas.
Hai quen pensa que un e outro cargo deben ser para a mesma persoa, e hai quen considera que non, que ben pode haber unha bicefalia cun presidente na Xunta os dous próximos anos e un presidente do PPdeG distinto que sexa o próximo candidato. E dentro desas posibilidades, que a nova presidencia popular se decida xa, cun congreso extraordinario inmediato, ou se deixe para máis adiante. Pero todas as posibilidades implican un acordo ou desacordo previo dos principais dirixentes do PPdeG, que é no que están agora en privado mentres en público marcan límites coas súas propias preferencias.
O primeiro en posicionarse abertamente sobre a sucesión de Feijóo foi o presidente do PP e da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, que antes mesmo do nomeamento oficial de Feijóo como presidente estatal da súa formación xa deu por feito que Alfonso Rueda, vicepresidente primeiro da Xunta, é a persoa máis indicada para continuar á fronte do Goberno galego. Iso si, advertindo de que el mesmo fará valer o peso do PP de Ourense nun futuro congreso do partido.
Rueda admite diálogos "privados" e negociacións aínda non pechadas: “acordaremos entre todos e o daremos a coñecer”
Pero este mércores o seu homólogo no PP da Coruña, Diego Calvo, vicepresidente do Parlamento de Galicia, nunha entrevista no Faro de Vigo e La Opinión, arrefriou esa posibilidade, non tanto por negala como por non dala por feita. Preguntado por Rueda, a resposta de Calvo é que “o importante é buscar unha persoa que integre todas as sensibilidades, que estea a gusto todo o partido con el e que traballe en equipo”. Por outra banda, tanto Calvo como Baltar defenden que o futuro do partido saia un congreso, pero Calvo parece máis interesado en que ese conclave se celebre canto antes.
Canto a Rueda, á súa vez presidente do PP de Pontevedra, as súas reaccións están a ser de perfil baixo. Nas últimas xornadas viña agradecendo as palabras de quen xa o ve como próximo presidente da Xunta, pero este mércores engadiu un agradecemento aos “apoios públicos e privados”, deixando claro que máis alá das declaracións aos medios tamén está a haber conversas do segundo tipo. Por se houbera algunha dúbida, el mesmo deixouno claro: “Acordaremos entre todos e o daremos a coñecer”.
Esas negociacións para tentar deixar atada desde xa a sucesión inminente na Xunta, o futuro do PPdeG e a próxima candidatura nas eleccións galegas, serían segundo varias voces as que están a condicionar a data en que Feijóo fará oficial a súa dimisión como presidente do Goberno galego. O luns 18 de abril é a data simbólica da súa primeira toma de posesión, en 2009.
As negociacións , segundo varias voces, están a condicionar a data en que Feijóo fará oficial a súa dimisión como presidente da Xunta
Ese día cumpriríanse 13 anos xustos de goberno, e daría tempo a que se completase antes de maio o proceso sucesorio no Parlamento e o nomeamento do novo Goberno. Pero está por ver que para esa data, para a que quedan 12 días, coa Semana Santa polo medio, haxa un acordo que deixe aos principais dirixentes satisfeitos da súa cota de poder inmediata ou a medio prazo.
Neste contexto este mércores Feijóo xa advertiu de que o nomeamento do próximo presidente do PPdeG non ten por que saír dun congreso extraordinario senón que pode ser decidido pola actual dirección do partido saída do anterior congreso ordinario, celebrado hai menos dun ano. Unhas declaracións que combina con outras, como as que fixo o pasado xoves, tentando distanciarse do que poida pasar no partido.