Feijóo di que dimitirá en "semanas" e esgrime que Pontón tardou máis en dicir se continuaba como líder do BNG

Feijóó ao inicio da sesión de control deste 5 de abril de 2022, a primeira tras ser proclamado novo líder do PP CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Os grupos parlamentarios acudiron este 5 de abril á sesión de control do Parlamento preguntándose se sería a derradeira con Alberto Núñez Feijóo como presidente da Xunta e saíron dela coa mesma dúbida. O aínda xefe do Goberno galego e novo líder estatal do PP evitou aclarar o calendario da súa dimisión e sucesión, máis alá de reiterar que acontecerá "en semanas" e esgrimir, ademais, que tardará menos que Ana Pontón cando, o pasado 2021, dedicou un "período de reflexión" a decidir se continuaría como portavoz nacional do BNG en vésperas da asemblea da formación.

O aínda presidente da Xunta afirma que o membro do PP que o suceda exercerá o posto "ata 2024" e mantén que a sucesión aberta "nada ten que ver co funcionamento ordinario" do Goberno, que BNG e PSdeG ven "paralizado" en plena crise de prezos

Tanto o voceiro parlamentario do PSdeG como a propia Pontón inquiriron a Feijóo sobre os seus plans, toda vez que ambos consideran que o Goberno galego está "paralizado" e sen "respostas á peor crise de prezos en 37 anos", censurou Pontón. "Por respecto á cidadanía debe aclarar ata cando vai manter un Goberno interino e paralizado", considerou a nacionalista, a cuxo xuízo o país non pode agardar a que o actual titular do Executivo dea cadrado o "sudoku das baronías do PP".

"Cando abriu un proceso de reflexión para ver se ía ser ou non voceira do BNG, abriuno en agosto e pechouno en outubro" e mentres, "ninguén se meteu con vostede", retrucou Feijóo, quen asegura que o feito de que a súa sucesión estea aberta "nada ten que ver co funcionamento ordinario do Goberno", porque "este goberno goberna" e mantén "Galicia por riba de todo". Así e todo, asegura, a súa convicción é que a presidencia da Xunta debe ser exercida "sen perder un minuto" e "a tempo completo", porque "para min Galicia é todo".

Feijóo responde a Pontón (BNG) durante a sesión de control deste 5 de abril CC BY-SA Praza.gal | Imaxe: Sinal institucional Parlamento

En calquera caso, advirte á líder soberanista, "non me vai marcar o que teño que facer" porque leva máis dunha década "facendo o que considerei oportuno e os galegos aválanme" nas urnas. "Vostede dedicou meses, eu vou dedicar semanas", reiterou, tras as cales chegará o debate de investidura cun "presidente ou presidenta do PP de Galicia ata 2024", sinalou, no que viría ser o primeiro sinal público de que a pretensión dos conservadores é esgotar a lexislatura. "Non vou esgotar o tempo que vostede estivo reflexionando se se presentaba para lideresa do BNG", acrecentou.

A xuízo de Pontón, "o que nos volven demostrar é que poñen o PP por riba de Galiza" tanto no "vello PP de Feijóo" coma no "novo PP de Feijóo". Pero "os galegos e galegas poden ter a tranquilidade" de que "hai unha alternativa de futuro" que, asegura, é o propio Bloque, porque "para traballar por este país" non lles cómpre "escoller". "Estivemos, estamos, e estaremos sempre en Galiza", concluíu.

Críticas ao Goberno de España

O novo líder do PP volve dedicar boa parte da súa intervención parlamentaria a cargar contra Sánchez, a quen acusa de crear "folgas" e "desabastecemento" e de "utilizar os impostos" para atender "socios absolutamente independentistas"

Alén da cuestión sucesoria, tanto BNG como PSdeG cuestionaron a Feijóo sobre as medidas da Xunta para afrontar a crise de prezos e tanto Pontón como Luis Álvarez recibiron como resposta que o Executivo galego foi o primeiro en tomar medidas, argumento envolto en amplas críticas ao Goberno de España. "Cales son as solucións propostas pola Xunta e o seu gran xestor?", cuestionou Álvarez, a quen Feijóo respondeu culpando o gabinete de Pedro Sánchez  de "causar a maior crise do transporte en vinte anos" coa "súa soberbia", así como de "crear folgas, conflitos, desabastecemento" e de "colapsar a Axencia Tributaria" coa xestión dos descontos de 20 céntimos por litro nos combustibles.

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, durante a sesión de control deste 5 de abril CC BY-SA Praza.gal | Imaxe: Sinal institucional Parlamento

Entre reproches a Sánchez por non "baixar os impostos", Feijóo asegura que o que el "non faría nunca" como presidente do Goberno central sería "mentir aos españois" nin realizar a "peor política económica de Europa" que, acusa, si aplica Sánchez. Neste sentido, como en anteriores ocasións, o aínda presidente da Xunta teoriza que os socialistas non atenden a súa reclamación de rebaixas impositivas para "deixar o diñeiro á xente" porque teñen que "utilizar os impostos para facer unha política de coalición cun goberno populista e cuns socios absolutamente independentistas". "Necesitan todo o diñeiro posible para poñelo nos seus territorios", afirma.

Para o socialista Álvarez, abonda comparar o recente real decreto de medidas urxentes do Goberno de España e as últimas edicións do Diario Oficial de Galicia -que ilustrou amosando unha páxina en branco- para acreditar que, na actual conxuntura, Feijóo xa só está "de corpo presente". Tamén Pontón reprocha que o Goberno galego non tomase "ningunha medida" relevante "cando os barcos estaban amarrados ou a xente estaba tirando o leite". 

A "súa gran achega é baixar os impostos aos que máis teñen", lamenta, pero "non quere oír falar" dunha tarifa eléctrica galega ou de "subir impostos ás eléctricas", porque "si que hai quen se forra nesta crise, os amigos do PP". "Me imputa a min o impacto inflacionista cando sabe que as políticas económicas do seu socio son un disparate", respondeu Feijóo en referencia ao PSOE, antes de instar a Pontón a "asumir a súa responsabilidade" e instar ao secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, a deixar os postos de alcalde das Pontes e presidente da Deputación da Coruña por ostentar o liderado do seu partido en Galicia.

Luis Álvarez, voceiro parlamentario do PSdeG, durante a sesión de control deste 5 de abril CC BY-SA Praza.gal | Imaxe: Sinal institucional Parlamento

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.