Alberto Núñez Feijóo estivo do venres ao domingo en Sevilla, onde foi proclamado como novo presidente do PP e onde nomeou a nova dirección do partido. Tamén designou nomes do seu gabinete para dirixir a formación, no que incluíu postos clave da actual estrututura da Presidencia da Xunta, caso da súa principal asesora e secretaria xeral de Medios, Mar Sánchez, ou da actual directora xeral do gabinete do xefe do Goberno galego, Marta Varela.
Tras ser proclamado en Sevilla novo presidente do PP, Feijóo presidiu este luns a reunión da dirección do seu partido en Madrid, onde volverá mércores e xoves para ser recibido polo rei e por Pedro Sánchez
Este luns, Feijóo comezou a semana presidindo a primeira reunión do novo Comité de Dirección do seu partido na sede central da formación, na madrileña rúa de Génova -a mesma que Pablo Casado prometera vender para distanciarse dos casos de corrupción como o pagamento da reforma de parte do edificio con diñeiro negro-. Dende alí, o seu equipo confirmou que o mércores será recibido polo rei en calidade de presidente do primeiro partido da oposición no Congreso e que o xoves terá audiencia co presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez.
Mentres todo isto sucede, o calendario para a marcha oficial de Feijóo da presidencia da Xunta segue no aire. Este luns era preguntado ao respecto o vicepresidente primeiro e potencial sucesor, Alfonso Rueda, quen en resposta aos xornalistas se limitou a sinalar que, unha vez concluído o congreso do PP, é cando toca "empezar a falar" dos cambios que "se poidan producir" no Goberno galego. Mantén Rueda que facelo "a partir desta semana" era precisamente o previsto, toda vez que Feijóo xa bosquexara que sería "a partir de abril" cando formalizaría a súa dimisión.
Rueda sostén que "a partir desta semana" comezarán os pasos para elixir nova presidencia da Xunta e mantén que o Goberno non deixa de "xestionar"
Mantén Rueda que, con independencia de cando marche Feijóo, o relevante é que o Goberno non deixou en ningún momento de "xestionar". En semanas previas, o actual número dous da Xunta xa anticipara que, mentres desenvolvía a campaña interna como paso previo á súa proclamación, Feijóo ía gobernar "en contacto telefónico permanente".
Á espera de se, este martes, na sesión de control do Parlamento -o motivo oficial do adianto foi que o mércores se entregan as medallas da Cámara, cadrando co aniversario da promulgación do Estatuto de Autonomía-, Feijóo ofrece algún detalle máis sobre o momento en que se converterá no primeiro presidente da Xunta en dimitir do cargo, as forzas da oposición reiteran as críticas á actual interinidade con afirmacións. Pero tamén dan por amortizado o ciclo político que encarnou o aínda titular do Executivo.
BNG e PSdeG coinciden en criticar a interinidade na presidencia, pero sinalan o PP como pasado de Galicia
Así, por exemplo, o pasado domingo, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, aproveitaba a manifestación convocada pola súa formación por mor da crise de prezos para identificar o PP co "pasado de Galiza" porque "non é que levemos un mes sen presidente, é que levamos trece anos sen goberno" e a novidade agora é que a presidencia dependerá dun "dedazo", polo que cómpre aínda máis o "cambio para construír esa outra Galiza posíbel" co BNG á fronte. O PP, lamentou, só está guiado polo afán de "manterse no poder a costa do que sexa" e aínda que implique non "tomar decisións para saír desta crise".
Este luns, pola banda do PSdeG, Valentín González Formoso subliñaba que o Goberno galego está "desaparecido" o "momento máis crítico". A actual Xunta "leva semana máis preocupada pola marcha de Feijóo que por adoptar medidas que alivien a situación dos sectores máis afectados pola crise" e mentres, asegura, o PSdeG está "comprometido única e exclusivamente co seu país, que se chama Galicia" e, augura, vai "liderar a alternativa de Goberno".