Miguel Tellado, actual secretario xeral do PPdeG, será o novo vicesecretario de Organización do PP
O novo presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, anunciou este domingo os nomes das persoas que conformarán o seu núcleo duro na dirección do PP, uníndose a Cuca Gamarra (secretaria xeral) e Elías Bendodo (coordinador). Entre as novas designacións destaca a de Miguel Tellado, actual secretario xeral do PPdeG como responsable da Vicesecretaría de Organización Territorial.
Ademais de Tellado, Feijóo sitúa na Vicesecretaría Institucional a Esteban González Pons, na Vicesecretaría de Políticas Sociais e Carmen Navarro, na Vicesecretaría de coordinación autonómica e local a Pedro Rollán e na Vicesecretaría económica a Juan Bravo, nun reparto de poder entre Madrid, Andalucía e Galicia, principalmente.
O feito de que Tellado sexa neste momento secretario xeral do PPdeG e de que asumira de forma automática a Presidencia da formación trala renuncia de Feijóo este mércores achega a convocatoria dun congreso extraordinario no PPdeG
Porén, a designación de Tellado como vicesecretario de Organización ten unha importancia maior alén do propio ascenso persoal do político ferrolán ou da vontade de Feijóo de situar un home de confianza nunha área imprescindible para o control do partido.
O feito de que Tellado sexa neste momento secretario xeral do PPdeG e de que asumira de forma automática a Presidencia da formación trala renuncia de Feijóo este mércores achega a convocatoria dun congreso extraordinario no PPdeG. A cita, que viña sendo reclamada dende distintos ámbitos no seo do partido, debe decidir o futuro dos populares galegos e a súa dirección. Ese futuro congreso elixiría o novo presidente do PPdeG e, de forma implícita ao cargo, o candidato á presidencia da Xunta.
Mar Sánchez pasa a ser a responsable da Área de Proxección e Imaxe e Marta Varela convértese na Directora de Gabinete de Núñez Feijóo en Madrid
Así mesmo, Mar Sánchez (actualmente secretaria xeral de Medios da Xunta) pasa a ser a responsable da Área de Proxección e Imaxe. De igual xeito, Marta Varela (a actual xefa de Gabinete na Xunta) convértese na Directora de Gabinete de Núñez Feijóo en Madrid.
Ademais de Tellado, nos últimos días anunciouse que outros dirixentes e cargos do PPdeG e do propio Goberno galego van adoptar responsabilidades no equipo de Núñez Feijóo na dirección do Partido Popular a nivel estatal. Diego Calvo, presidente do PP da Coruña, será presidente do comité electoral, e os outros tres presidentes provinciais estarán tamén no comité executivo.