Feijóo incorpora á súa directiva no PP estatal a varios dos principais dirixentes do PPdeG

Feijóo ante o congreso extraordinario do PP do que saíra como presidente do partido © PP

Diego Calvo, presidente do PP da Coruña, será presidente do comité electoral, e os outros tres presidentes provinciais estarán tamén no comité executivo, no que faltan por coñecerse outras responsabilidades sectoriais

Alberto Núñez Feijóo, que este sábado será oficialmente novo presidente do PP estatal, presentou a última hora da tarde deste venres a composición da súa directiva, con numerosos cargos do PPdeG nela. 

O comité executivo, órgano de administración do partido, no que están de xeito nato, entre outros, os presidentes das comunidades autónomas ou os voceiros no Congreso, Senado e Parlamento Europeo, conta tamén con 35 postos elixidos polo congreso do partido, como o que esta fin de semana se celebra en Sevilla, e outros cinco de libre designación do presidente.

Membros do comité executivo e da xunta directiva elixidos polo congreso extraordinario do PP, que se suman aos postos natos que ostentan outros cargos públicos CC-BY-SA Praza Pública

Entre esas 40 persoas estarán, de Galicia, os presidentes do PP en Lugo, Ourense e Pontevedra, Elena Candia, Manuel Baltar e Alfonso Rueda, ademais do vicepresidente segundo da Xunta, Francisco Conde, e José Manuel Romay Beccaría, pai político de Feijóo. O cuarto presidente provincial, o da Coruña, Diego Calvo, tamén estará no comité executivo, pero polo cargo que lle vén de dar Feijóo de presidente do comité electoral do partido, posto nato. Do resto de integrantes do comité executivo está por definir quen deles estará ademais á fronte dalgunha área sectorial.

Pola súa banda a xunta directiva, máximo órgano de dirección entre congresos, órgano moito máis numeroso no que están de xeito nato todos os deputados e senadores ou os presidentes e secretarios autonómicos do PP, tamén conta con 30 vocais elixidos polo congreso. Entre esas persoas a representación galega elixida por Feijóo conta coas conselleiras Ángeles Vázquez e Fabiola García. 

Está por definir quen deles estará ademais á fronte dalgunha área sectorial. Canto á xunta directiva, máximo órgano de dirección entre congresos, incorpora ademais ás conselleiras Ángeles Vázquez e Fabiola García.

[Máis información do congreso extraordinario do PP este sábado]

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.