O 11 de febreiro de 2009, tres días despois de que o PP dese apoio explícito a unha manifestación que defendía a tese dunha suposta "imposición" do galego en Galicia, Alberto Núñez Feijóo asinaba nunha terraza do Hostal dos Reis Católicos con vistas á residencia oficial de Monte Pío o seu Contrato con Galicia. Aquel documento contiña un resumo de compromisos que, aseguraba, cumpriría se tras as eleccións do 1 de marzo daquel ano era elixido presidente da Xunta, como así sucedeu.
Dende os seus tempos de oposición, Feijóo expresa desaprobación advertindo que tal ou cal asunto "non parece razoable". Así ve a mudanza da sede do PP mentres se afasta dos motivos esgrimidos por Casado: o partido adebeda "un porrón de cartos" por non gañar eleccións
Tras revalidar o cargo en 2012, 2016 e 2020, Feijóo aludiu a que aquel contrato lle fora "renovado" pola cidadanía. Así o dixo tamén esta semana nunha entrevista en TVE, cando o xornalista Xabier Fortes lle preguntou pola posibilidade de optar ao liderado estatal do PP en plena resaca do pau electoral do partido en Catalunya. "Revalidáronme o contrato e teño contrato para catro anos", contestou mentres boa parte dos focos apuntaban á sede central do partido, na madrileña rúa de Génova, despois de que Pablo Casado anunciase que a vai abandonar polas súas ligazóns cos casos de corrupción e uso de diñeiro negro.
Pero, ao contrario doutras ocasións, as súas reflexións sobre a vida interna do partido -da que quixo non querer falar, mais falou- non quedaron aí. Nin moito menos. Ata o punto de dar en compararse co Pedro Sánchez de "hai dous anos", cando ninguén podía albiscar que pouco despois acabaría comandando o Goberno de España e o PSOE, como primeira forza política do Estado.
Calquera observador máis ou menos atento das intervencións de Feijóo dende os seus tempos da oposición á coalición de PSdeG e BNG, e especialmente como presidente, saberá que é habitual que exprese desaprobación advertindo que tal ou cal asunto "non parece razoable" para, acto seguido, lanzar un mísil de maior calibre que, segundo proceda, pode ser aéreo ou submarino. E, non en van, considerou que a operación da sede "non parece razoable".
Considerouno, como tamén é habitual, previo paso por lembranzas de asuntos escuros doutras formacións políticas. "Non parece razoable", dixo querer exemplificar, que no seu momento "pechase a sede da Garda Civil polo señor Roldán". Porque, "se cada vez que unha empresa, unha organización, un partido" ten "problemas por algunhas persoas ou dirixentes" que actuasen mal, "igual aquí non quedaba ningunha sede".
Ademais, di intuír que -ao contrario do afirmado por Casado-, a mudanza non está tan ligada á ansia rexeneradora como motivada por razóns económicas. O PP adebeda "un porrón de cartos", "débense millóns de euros que están sen pagar" e "é probable" que "unha das razóns" sexa "a nosa situación económica", moi precaria por mor da sucesión de derrotas electorais. El, lembrou no transcurso da entrevista, encadea catro maiorías absolutas.
Xunto ás consideracións a respecto do mal momento interno do PP, Feijóo lanzou críticas ao Goberno do PSOE e UP que soan semellantes ao seu manual de oposición contra PSdeG e BNG. Como saídas da mesma factoría
Pero a cuestión do edificio non deixa de ser accesoria, como tamén o foi nas súas respostas, por moito que os focos apuntasen cara a ela. Tras os resultados cataláns, o PP debe "aceptar que non nos están saíndo ben as cousas" e ter en conta que "un partido que non ten principios e valores consolidados" corre o risco de "evaporarse". E Feijóo di crer que é momento de "lembrar de onde vimos". Porque, como sostivo apenas doce horas despois en declaracións á Cadena COPE en resposta a Carlos Herrera, "do pasado non se renega; do pasado, apréndese". Na campaña do 14F, Casado desligouse abertamente da xestión de Rajoy en Catalunya e tras o fracaso electoral, dixo querer poñer punto e aparte co pasado do partido fundado por Manuel Fraga.
Os mesmos observadores atentos poderían interpretar nesta reprimenda en público e por duplicado en radio e televisión que, tras o acontecido en Catalunya e a reacción posterior, Feijóo e a súa contorna veñen de decidir que é hora de que vaian emerxendo os discretos movementos que, dende hai meses, existen para propiciar unha eventual proxección estatal do presidente da Xunta. Máis aínda tendo en conta que, xunto ás consideracións sobre a mala situación interna do PP, lanzou críticas ao Goberno de España do PSOE e Unidas Podemos -pola mañá "gobernan" e "pola tarde fan oposición"- que soan semellantes ao seu manual de oposición a PSdeG e BNG, aos que hai agora doce anos caricaturizaba como produto dun batedor de pactos. Como emanadas da mesma factoría.
O líder do PP en Galicia repite que o electorado galego lle vén de "renovar o contrato". Pero tamén di non saber "que vai pasar mañá en España" do punto de vista político. E non esquiva preguntas sobre que tería que facer o PP para volver ser "alternativa" de Goberno en España. Por unha banda, coida que o que denomina "centrodereita" debe volver "estar unido", cos votos que agora se reparten PP, Ciudadanos e Vox de novo na saca dos populares. Por outra, non ser "curtopracista".
"Se vostede lle pregunta ao presidente Sánchez hai un par de anos que lle faltaba ao PSOE para ser alternativa ao PP, sentiríase nunha situación parecida á que me sinto eu. (...) Agora é presidente do Goberno"
Caer no "curtopracismo" sería un "erro", afondou, antes de trazar un paralelismo de alta voltaxe política. "Se vostede lle pregunta ao presidente Sánchez hai un par de anos que lle faltaba ao PSOE para ser alternativa ao PP, sentiríase nunha situación parecida á que me sinto eu", respondeu á xornalista Elsa García de Blas na propia intervención en TVE. Agora, dous anos despois, "é presidente do Goberno", evidenciou Feijóo para culminar a comparación.
Horas despois, a dirección central do PP facía saber aos medios que Feijóo e Casado se reuniran, aproveitando que o líder galego viaxou a Madrid para reunirse coa ministra Teresa Ribera e, de paso, realizar as devanditas intervencións televisiva e radiofónica, onde tamén deu en reflexionar que nos partidos existen mecanismos para remudar un candidato que "non gaña" e adoitan pasar por que sexa "remudado por outro compañeiro". Sobre o papel, o mandato de Casado na presidencia do PP expira a mediados de 2022, ás portas dun novo ciclo electoral que, se todo vai como debe, abrirán as eleccións andaluzas. Sen curtopracismo. Mentres, en Galicia, nas filas da oposición ninguén vai pronunciar aquilo de "Feijóo marcha a Madrid", sexa por non crelo xa, sexa por ser un argumento que quedou esfarelado por tanto usalo a destempo.