O 12 de xullo de 2020 celebráronse eleccións galegas, as primeiras do Estado en celebrarse -xunto ás vascas- en plena pandemia. Aquel 12X acudiron ás urnas o 58,8% das persoas censadas en Galicia con dereito a voto, uns cinco puntos menos que catro anos antes. Unha vez incorporados os votos provenientes do estranxeiro, os do censo de residentes ausentes (CERA), a participación caeu por baixo do 50% e quedou no 48,9%, tamén uns cinco puntos menos que nas anteriores, pero co significativo matiz de que o electorado que se abstivo foi máis que o que votou.
Unha vez incorporado o voto CERA, a participación nas eleccións galegas de 2020 quedou no 48,9%. Nas catalás tamén roldará o 50% unha vez sumado o sufraxio exterior
Nas eleccións catalás celebradas este 14 de febreiro, a pandemia foi tamén clave á hora de fixar a data, que mesmo foi obxecto de varios pronunciamentos xudiciais. O electorado censado en Catalunya que acudiu ás urnas foi o 53,54%, vinte e cinco puntos menos que catro anos antes. Unha vez incorporados os sufraxios do estranxeiro, tendo en conta que chegaron apenas 16.729 peticións sobre un CERA de 255.087 persoas, a participación non vai pasar do 51%. Isto é, superará un chisco a das eleccións galegas do 12X ou será moi semellante a ela.
Con este pano de fondo, o presidente da Xunta e do PP en Galicia, Alberto Núñez Feijóo, expuxo este luns ante a prensa a súa valoración duns comicios que, cre, son merecentes dunha "reflexión" no seu partido, o de menor representación no novo Parlament catalán ao quedar con só 3 escanos, un menos dos que tiña, e retroceder 0,39 puntos, ata o 3,85% dos votos a candidaturas. Segundo Feijóo, eses datos de participación "acreditan" que "estas eleccións non deberon producirse" por mor da "situación de pandemia" nun contexto que non ve equiparable ao galego porque aquí, xustifica, "baixou a participación 5 puntos" e en Catalunya, uns 25.
Tamén atribúe Feijóo á participación o feito de que as formacións independentistas sumen maioría. "Ante unha alta participación, o constitucionalismo gaña; ante unha baixa participación, o independentismo gaña". Nas eleccións de 2017 as formacións independentistas non superaron o 50% dos votos, como veñen de lograr, pero si sumaron maioría absoluta no Parlament, con catro escanos menos que os obtidos agora.
O liderado de Pablo Casado
Feijóo di considerar que Casado é "tan responsable do resultado catalán como o foi o presidente Sánchez" no que denomina "descalabro" do PSdeG o 12X
Nun contexto no que o mal resultado electoral volve cuestionar o labor de Pablo Casado como presidente do PP, Feijóo admite a reapertura do debate ao aludir explicitamente ao "liderado" do "presidente Casado". Segundo Feijóo, Casado "é tan responsable do resultado catalán" do PP "como o foi o presidente Sánchez no descalabro do Partido Socialista nas autonómicas galegas". O 12-X, o PSdeG logrou 14 escanos, os mesmos que tiña, e aumentou en 1,52 puntos o seu resultado a respecto dos comicios anteriores, se ben as súas expectativas estaban moi por riba. Abonda Feijóo que fai esa referencia para ilustrar que se trata dunha responsabilidade "medida e distante".
O presidente da Xunta e do PPdeG di que o partido debe "facer unha reflexión" para amosar que é "útil" en Catalunya e di estar "satisfeito" por que no Parlamento galego "non haxa determinados partidos que teñen representación en Catalunya", en referencia a Vox
Así e todo, o titular do Goberno galego di "estar de acordo" co candidato do PP catalán, Alejandro Fernández, -en cuxa campaña participou activamente- en que "o PP debe facer unha reflexión" e "ser capaz de transmitir á sociedade catalá" que a súa presenza no novo Parlamento vai ser "útil". "Sen ruídos, con ideas, sen descualificativos, con propostas", recomendou antes de amosarse moi "satisfeito" de que "en Galicia non teñamos a situación de ruptura de Cataluña e non haxa determinados partidos que teñen representación en Cataluña", afirmou no que semella unha referencia a Vox.
Neste contexto, e mentres asegura estar "preocupado" por que "gañase o independentismo", Feijóo di ver tamén demostrado que "cando se combate con ideas e con decisións, ao separatismo pódeselle gañar" pero "cando se alimenta o separatismo" ou "cando se abandona, como Ciudadanos", as opcións independentistas "medran". Así, di considerar que o PSC "ten a responsabilidade de liderar o constitucionalismo e combater o independentismo con firmeza"