Tras facer el mesmo campaña nas galegas de xullo e substituír o conselleiro de Sanidade en setembro, o presidente critica a “aqueles que abdican das súas responsabilidades de goberno para facer campaña no peor momento sanitario”
“Un bo goberno non pode estar liderado por aqueles que abdican das súas responsabilidades de goberno para facer campaña no peor momento sanitario que está vivindo España e polo tanto Catalunya”. Con esa frase estreouse este luns o presidente Feijóo na campaña electoral catalá nunha intervención por videoconferencia na que amosou o seu apoio ao candidato popular, Alejandro Fernández: “Sodes o mastro e a bandeira da liberdade”, dixo.
Nas eleccións galegas do 12 de xullo o presidente Feijóo participou só na primeira semana de campaña en 26 mitins do PP, o que non lle impediu asegurar que estaba centrado na xestión da pandemia do coronavirus. Pola contra, o feito de que hai un mes se anunciase que o xa ex-ministro de Sanidade Salvador Illa sería o candidato do PSC ás eleccións catalás vén servindo para que os populares, e o propio Feijóo entre eles, acusen os socialistas de primar os seus resultados electorais por riba da loita contra a COVID.
As críticas de Feijóo a Illa por abandonar as súas funcións no ministerio en plena pandemia producíronse malia a que el mesmo mudou o pasado setembro de conselleiro de Sanidade e prescindiu por dúas ocasións durante varios meses da pandemia de varios altos cargos con funcións na loita contra o virus para que puidesen facer campaña pola súa candidatura nas eleccións galegas.
Pablo Casado di que Feijóo e a presidenta de Madrid "o están facendo exactamente igual" na xestión da pandemia
Neste contexto é no que este luns o presidente Feijóo participou de xeito telemático no mitin do PP catalán. Fíxoo ás 12.30 da mañá, despois de ofrecer tamén unha entrevista a El Programa de Ana Rosa, de Telecinco, no marco do seu novo esforzo por participar na axenda mediática estatal. Facíao ao tempo que o seu xefe de filas, Pablo Casado, aseguraba na Cadena Ser sobre as medidas fronte á pandemia que están a implantar Feijóo e a presidenta da Comunidad de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, que “o están facendo exactamente igual”.
No mitin catalán, no que Feijóo foi eloxiado por “gobernar para todos”, o presidente galego cargou contra os socialistas, dos que tamén dixo que gobernan grazas ao independentismo, e dixo que o seu partido defende “con orgullo esa España que respecta as linguas e as identidades dos territorios que as conforman”. O presidente tamén asegurou que “o 98,9% dos galegos saben ler e escribir perfectamente en galego” e gabouse de que en Galicia non paguen impostos as herdanzas de ata un millón de euros.