Os doce cargos cesaron a comezos de marzo para concorrer ás eleccións de abril e Feijóo repúxoos en canto as desconvocou, só tres días despois de restar importancia ás súas vacantes
O 2 de marzo doce altos cargos da Xunta deixaron os seus postos para poder optar a un escano polo PP nas eleccións galegas fixadas para o 5 de abril, xa que excepto os conselleiros e conselleiras é incompatible manter o cargo e ser candidato ou candidata. O 20 dese mesmo mes, só tres días despois de que o presidente Feijóo restase importancia a esas vacantes en pleno estado de alarma polo coronavirus, e dous días despois de que desconvocase as eleccións, volveron ser nomeados para os seus anteriores postos a través dunha edición extraordinaria do Diario Oficial de Galicia. Neste tempo, malia que previamente para Feijóo non eran importantes, o Goberno galego atribuíu a varios deles diversas funcións na loita contra o coronavirus, pero agora volverán deixar vacantes eses postos.
O pasado mércores o número 2 do PP galego, Miguel Tellado, confirmou en rolda de prensa que o partido non mudará en absoluto para o 12X as listas electorais que xa presentara para as eleccións do 5A. Iso implica que seguirán indo nelas os anteditos doce altos cargos da Xunta, que deberán cesar en pouco máis de dúas semanas, cando remate o prazo de presentación de candidaturas.
Os implicados son os cinco delegados territoriais da Xunta (Corina Porro en Vigo, José Manuel Cores Tourís en Pontevedra, Ovidio Rodeiro na Coruña, José Manuel Balseiro en Lugo e Marisol Díaz Mouteira en Ourense). Tamén o secretario xeral da Presidencia, Álvaro López, unha das persoas da máxima confianza de Feijóo desde hai dúas décadas. A eles súmanse o secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda; a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella; o secretario xeral técnico da Consellería de Economía, Borja Verea; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; o director xeral de Gandaría, Silvestre José Balseiros; e a directora xeral de Administración Local, Marta Fernández Tapias.
Varios dos cargos afectados seguiron celebrando actos oficiais ata o último momento antes do seu anterior cesamento en marzo, cando a Xunta pasou a dar visibilidade na súa axenda oficial a postos inferiores supostamente técnicos
Os delegados territoriais veñen protagonizando en persoa todo tipo de entregas a concellos de materiais para a loita contra o coronavirus e a Xunta situounos na presidencia dos denominados postos de mando avanzado de cada provincia na súa estrutura de loita contra o coronavirus, que segundo di teñen por obxecto “coordinar a mellor resposta para a prevención e seguimento da pandemia”. Outros cargos como a directora de Turismo ou a secretaria de Igualdade veñen sendo presentadas pola Xunta como responsables do impulso e a coordinación das medidas do Goberno galego para paliar o impacto económico ou social da crise do coronavirus nesas áreas.
Cando a finais de febreiro o Consello da Xunta decidiu o anterior cesamento deses cargos para que puidesen ir nas listas do PP, varios deles celebraron actos oficiais ata o último momento, e despois o Goberno galego pasou a publicitar na súa axenda, como en anteriores comicios, a cargos inferiores que segundo os populares deberan ter rango técnico.