Feijóo non considera prioritario facer novos nomeamentos e esperará a que se concrete como e cando se realizarán as eleccións
A Xunta está a afrontar a crise do coronavirus fundamentalmente a través do denominado Centro de Coordinación Operativa da situación de emerxencia sanitaria, creado o venres e ampliado lixeiramente este domingo, no que están integrados só algúns conselleiros e altos cargos. O resto do Goberno galego segue a xestionar as súas áreas adaptándoas ás novas necesidades pola actual crise, pero teno que facer cunha ducia de cargos baleiros e coas súas competencias delegadas en funcións noutros responsables.
Son os doce altos cargos que deixaron a Xunta o 2 de marzo para poderen ir nas listas electorais do PP aos comicios galegos do 5 de abril xa que excepto no caso dos conselleiros e conselleiras, é incompatible manter o cargo público e ser candidato ou candidata.
Este luns o presidente Feijóo restou importancia a esta situación incidindo en que as competencias deses cargos están delegadas noutros. O presidente dixo que esperará a coñecer como se concreta xuridicamente a suspensión das eleccións acordada polas principais forzas políticas e, en función do tempo que puidese pasar ata elas, decidir se realiza novos nomeamentos para eses postos ou non.
As funcións que desempeñaban eses cargos veñen sendo realizadas nas últimas semanas por responsables doutras áreas nas que foron delegadas esas competencias, polo que acumulan máis traballo
Os cargos que cesaron hai máis de dúas semanas foron os cinco delegados territoriais da Xunta (Corina Porro en Vigo, José Manuel Cores Tourís en Pontevedra, Ovidio Rodeiro na Coruña, José Manuel Balseiro en Lugo e Marisol Díaz Mouteira en Ourense). Tamén o secretario xeral da Presidencia, Álvaro López, unha das persoas da máxima confianza de Feijóo desde hai dúas décadas.
A eles engadíranse o secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda; a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella; o secretario xeral técnico da Consellería de Economía, Borja Verea; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; o director xeral de Gandaría, Silvestre José Balseiros; e a directora xeral de Administración Local, Marta Fernández Tapias.
As funcións que desempeñaban eses cargos veñen sendo realizadas nas últimas semanas por responsables doutras áreas nas que foron delegadas esas competencias, polo que acumulan máis traballo. Por exemplo, as competencias de Igualdade, con rango de secretaría xeral, pasaron a ser asumidas por un cargo de rango inferior, a directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, ao igual que as delegacións territoriais recaeron nas secretarías territoriais inferiores.