O propio Feijóo anunciou o xoves a saída, pero esta non se concretou no Diario Oficial de Galicia ata este luns, permitindo que os implicados asistisen a festas ou encontros con todo tipo de colectivos
O pasado xoves o propio presidente Feijóo anunciou, na rolda de prensa posterior á reunión semanal do Consello da Xunta, que o Goberno galego viña de decidir apartar dos seus postos a doce altos cargos para que poidan formar parte das listas do PP para o 5A, xa que a lei impide compatibilizar os dous postos salvo aos conselleiros. Porén, eses cesamentos, asinados o mesmo xoves, non foron publicado no Diario Oficial de Galicia ata este luns, día límite para que se rexistren as listas electorais, o que permitiu que durante estes días seguisen a desenvolver axendas oficiais como cargos do Goberno galego. Agora, a súa saída oficial deixará a Xunta sen dirección nesas áreas durante máis de dous meses.
Asistencia a festas, reunións con todo tipo de colectivos e presentación de novos proxectos que xa non dará tempo a que desenvolva o actual Goberno galego foron algúns dos actos desenvolvidos nos últimos días por eses cargos tras ser sinalados por Feijóo como candidatos do PP. Un xeito de proceder que xa se rexistrou en anteriores convocatorias electorais.
Especialmente significativa foi a axenda da directora de Turismo, Nava Castro, que asistiu o venres á presentación da Festa da Arribada en Baiona, recibiu a representantes das novas festas de interese turístico, promoveu unha actividade do Xacobeo e participou nunhas xornadas sobre vivendas turísticas. Agora o cargo quedará baleiro máis de dous meses, durante a Semana Santa e o período de preparación da temporada turística do verán.
Pola súa banda, a secretaria de Igualdade, Susana López Abella, participou o venres na presentación dunha exposición e o sábado na apertura dunha xornada de formación. O cargo estará baleiro este próximo domingo, o Día da Muller.
Canto aos delegados, o de Lugo, José Manuel Balseiro, reuniuse o venres con empresarios para presentarlles a proposta do Goberno galego de que o Estado constrúa un Parador na cidade e asistiu a unha cata en Portomarín e a un acto do Xacobeo en Monforte. O sábado asistiu a unha concentración de caravanas en Baralla e visitou unha residencia de maiores.
A delegada en ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou o venres unha plantación de trigo e unha explotación de vacún e participou nun encontro con autónomos. E o delegado na Coruña, Ovidio Rodeiro, asistiu o domingo á Festa da Filloa de Lestedo, da que mesmo salientou que sería o seu “último acto como delegado territorial” malia que o Consello da Xunta xa acordara o seu cesamento tres días antes.
En 2016 o cesamento dos delegados fixo aumentar a proxección política do seguinte nivel, os xefes territoriais, que o PP argumentara que ían ser postos técnicos pero que participan en mitins populares
Nas últimas eleccións galegas, as de 2016, a decisión de Feijóo, como agora, de prescindir dos delegados territoriais da Xunta para que poidan ir nas listas electorais do PP fixo aumentar durante varios meses a proxección política do seguinte nivel da administración, os xefes territoriais. Unha figura que o Goberno galego creou en 2009 co argumento de que serían postos técnicos, non políticos, que permitirían aforrar e eliminar a anterior estrutura dunha delegación territorial por consellería para pasar a cinco delegacións de toda a Xunta. A realidade é que neste tempo os xefes territoriais veñen revelándose como persoas de confianza do PP, con presenza nos seus mitins e aos que mesmo se eloxia en público neles.