O xoves 13 de setembro o Consello da Xunta dispuña o cesamento de sete altos cargos do Goberno galego a través de senllos decretos. O director xeral do gabinete da Presidencia, Álvaro Pérez, a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, a secretaria xeral de Turismo, Carmen Pardo, a directora xeral de Comercio, Nava Castro, as delegadas da Coruña e Lugo, Belén do Campo e Raquel Arias, e o delegado de Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, abandonaban os seus cargos para integrárense nas listas electorais do PP. Pero eses decretos non levaban a data do propio xoves. Tal e como figura no Diario Oficial de Galicia (DOG) a decisión non tivo "efecto" ata este luns, día 17. Estes directivos estiveron, polo tanto, nunha caste de limbo durante tres días, xusto ata a xornada na que expira o límite para rexistrar as candidaturas do 21-O na Xunta Electoral, onde é incompatible a condición de alto cargo coa de candidato ou candidata. Pero ese limbo non implicou que cesasen as súas actividades oficiais.
Malia atopárense na porta de saída da Xunta para pasaren a ter unicamente a condición de candidatos boa parte dos directivos cesados empregaron o tempo de desconto para protagonizaren actos públicos, algúns deles bordeando as prohibicións electorais que impiden salientar logros da xestión gobernamental en período electoral. Así, por exemplo, mentres o Consello estaba a aprobar o seu decreto de cesamento a dende este luns ex titular de Igualdade, Susana López Abella, recibía en San Caetano a representantes da Asociación de Empresarias de Galicia e o delegado pontevedrés, Cores Tourís, "mantiña unha xuntanza" no colexio Bouza Brey de Ponteareas, segundo publicitou a propia Xunta.
O día de maior actividade destes altos cargos foi o venres. Vinte e catro horas despois de que se dispuxese o seu cesamento a secretaria xeral de Turismo, Carmen Pardo, visitou as obras de restauración dun futuro restaurante nas minas de San Finx, en Lousame, nas que colabora a Xunta, que tamén deu cumprida conta aos medios sobre este acto. O mesmo día a delegada da Coruña Belén do Campo, visitou unhas adegas en Ribadulla, no Concello de Vedra, e Tourís "supervisou", segundo información do Executivo, as "obras de limpeza do río Bermaña", en Caldas de Reis. Pola súa banda a secretaria de Comercio, Nava Castro, asistiu en representación da Xunta á entrega dos premios xornalísticos Manuel Portela, na Estrada.
As actividades dos conselleiros candidatos
Mentres estes altos cargos deixan dende estes luns a Xunta a todos os efectos non acontece o mesmo cos conselleiros e conselleiras que tamén forman parte das candidaturas conservadores, pero que non teñen a obriga legal de abandonar San Caetano para optar a un escano no Parlamento. Nesta situación atópanse todos os membros do Goberno agás a titular de Sanidade, Rocío Mosquera, única conselleira excluída das listas. Así e todo, non todos desenvolven actividades públicas coa mesma intensidade.
Mato participou na festa dos maiores de Monfero días despois de que o PSdeG levase á Xunta Electoral a súa visita a un centro de menores de Rábade
Nas mesmas xornadas en que os cargos cesados desenvolvían os seus derradeiros actos dende o devandito limbo cinco conselleiros celebraron actos públicos, algún dos cales espertou fortes suspicacias entre os grupos da oposición. Deste xeito, o titular de Infraestruturas e número seis por Pontevedra, Agustín Hernández, reuniuse en Abegondo co alcalde da vila, José Manuel Santiaso, para tratar "asuntos de interese municipal". En días anteriores mantivo xuntanzas semellantes noutros concellos. En Santiago a titular de Traballo, Beatriz Mato, presentaba na universidade un sistema de teleprevención para maiores e no Grove a titular de Mar e número dous pola Coruña, Rosa Quintana, asistiu á solta dunha boia de produción enerxética.
Na xornada do sábado Quintana e Mato volveron ser das máis activas. A conselleira do Mar asistiu á inauguración dunhas xornadas cooperativas. Mentres, a de Traballo participou no Encontro dos Maiores do Concello de Monfero, un evento que incluíu un xantar e no que se dirixiu aos presentes nunha intervención na que destacou os esforzos da Xunta en materia de benestar social. Días antes, o 5 de setembro, Mato protagonizara un acto semellante nun centro de menores de Rábade, preto de Lugo, se ben neste caso a súa intervención rematou perante a Xunta Electoral en virtude dunha denuncia do PSdeG, que tamén lembrou a súa disconformidade co feito de que Alfonso Rueda continúe á fronte da Consellería de Presidencia -encargada de organizar as eleccións- mentres dirixe a campaña do PP.