As eleccións galegas convocadas para o 5 de abril quedan adiadas pola crise do coronavirus. É a decisión na que "coinciden" todos os participantes do encontro convocado para este luns pola Presidencia da Xunta, a través de videoconferencia, entre os líderes dos principais partidos políticos. O presidente e candidato do PP, Alberto Núñez Feijóo, confirma que a decisión que sae da conversa con Gonzalo Caballero (PSdeG), Ana Pontón (BNG), Antón Gómez-Reino (Galicia en Común) e Beatriz Pino (Ciudadanos) é o adiamento dos comicios ata que remita a epidemia.
Segundo informou Feijóo, quedan "sen efecto as eleccións convocadas" e o plan é "reactivalas de acordo cunha normativa que estamos construíndo" e que se porá "á disposición" do resto de forzas políticas, xunto cun informe xurídico, nunha nova conversa que se desenvolverá este martes. Nun contexto "construtivo" por todas as partes, admite Feijóo, o actual titular do Goberno asegura que levaba "días, e algunhas semanas" dando as eleccións por "desconvocadas" e se ben "algúns partidos" optan por fixar xa un novo horizonte temporal, el cre que polo momento "non parece posible" fixala.
Feijóo evidencia que cómpre "construír" dende cero o mecanismo legal para adiar as eleccións, toda vez que a lei non contempla a posibilidade de frear un proceso electoral en marcha
Alén da cuestión da data exacta, o propio Feijóo admite que "todos coincidimos en que non se poden celebrar, en ningún caso e por iso a Xunta vai activar un mecanismo legal que cómpre elaborar dende cero, porque é inédito. Nese sentido, na súa comparecencia posterior para a prensa -tamén a través de internet-, o secretario xeral e candidato do PSdeG, amosouse "aberto a buscar o mecanismo legal que dea maior solidez e garantías a un proceso inédito". Neste sentido, advirte o "consenso" entre forzas é clave, tal e como sinalou a Xunta Electoral.
O que defenderá Caballero na conversa deste martes será que se non é posible indicar unha data, cando menos debera quedar fixado "un sistema de como se marca a data". Para o líder socialista, unha boa opción sería ter como "referencia" o que sería o final da lexislatura -o 5A era un anticipo electoral-, isto é, ata finais de setembro, e "se hai condicións e consenso entre as forzas políticas", abrir a porta a celebralas antes.
PSdeG e BNG sinalan a necesidade de fixar un "criterio" claro para fixar a nova data e Galicia en Común inciden en que o "consenso" que presidiu a decisión do adiamento se manteña para retomar o proceso
Tamén a portavoz nacional e candidata do BNG concorda na necesidade de ofrecer "certezas en canto ao horizonte", isto é, deixar fixado "un criterio sobre como se retoma a convocatoria electoral". Por exemplo, suxire, establecer un prazo determinado dende o remate do estado de alarma e da emerxencia sanitaria. A discusión, remarca Ana Pontón foi "moi positiva" e primou o "consenso".
Por parte de Galicia en Común o seu candidato, Antón Gómez-Reino -que garda corentena e está pendente do resultado do test do coronavirus- tamén insiste na necesidade de manter o "consenso" acadado sobre a suspensión electoral á hora de fixar os termos da reactivación dos comicios. A coincidencia foi total ao considerar que "non se dan as garantías" para votar o 5A, sinala Gómez-Reino, se ben cómpre acordar que sucede con prazos como os relativos ao voto por correo -sinalado tamén por Caballero e Pontón-, sobre a campaña e a propia xornada da votación. Ciudadanos, pola súa banda, coincide en que "o prioritario é a saúde dos galegos", di Beatriz Pino.
O papel do Parlamento no período transitorio
O aprazamento electoral sitúa Galicia nun escenario institucional inédito. O Goberno que preside Alberto Núñez Feijóo ten plenos poderes, toda vez que non estará en funcións ata que se celebre a cita coas urnas. Non obstante, como as eleccións si chegaran a convocarse, o Parlamento está disolto, polo que as posibilidades de control da Cámara galega sobre a acción do Executivo se limitan á Deputación Permanente, o órgano que substitúe ao pleno en períodos inhábiles.
Nesa necesidade de control parlamentario do Goberno se a situación se prolonga inciden especialmente os líderes de PSdeG e BNG. "Se vai haber un período longo" co Executivo en plenas funcións pero co lexislativo disolto, a Deputación Permanente debe pasar a ter "mecanismos reforzados" de "control e acción política". Tamén, advirte, para que o Goberno "teña toda a lexitimidade" no seu labor para afrontar o coronavirus.
O escenario institucional é inédito, cun Goberno en plenas funcións pero coa Cámara disolta
Para Pontón, resulta clave tamén que a Deputación Permanente teña máis mecanismos que os ordinarios, toda vez que, por exemplo, que os membros do Goberno comparezan ou non para dar conta da súa xestión depende estritamente do que vote a maioría, neste caso nas mans do PP. A "capacidade de control" ao Executivo nesta situación excepción "non pode depender do que decida a maioría parlamentaria", tal e como sucede cando o Parlamento está a funcionar, sinala a nacionalista.
A decisión galega chega pouco despois de que, tras un diálogo con lehendakari, Íñigo Urkullu, todas as formacións vascas tomasen a mesma determinación para os seus comicios, previstos para o 5A e cuxo adianto precipitara a convocatoria dos galegos. "Celebrar as eleccións neste contexto pode ser prexudicial tanto para a saúde pública como para a democracia e o normal exercicio do dereito de sufraxio", indica o informe xurídico no que o Goberno vasco apoia o adiamento. Ese informe será tamén analizado polo Goberno galego -Urkullu e Feijóo falaron nos últimos días- para determinar un aprazamento que, en última instancia, terá que pasar tamén polo Executivo central.