A saída do responsable da loita contra o lume desde 1996, Fernández-Couto, súmase á do director de Minas, Tahoces, ou o xerente do Sergas, Fernández-Campa, en diversos cargos ata agora desde mediados daquela década, a finais da cal foron nomeados Alfonso Rueda, Rosa Quintana ou Jesús Gamallo
O 4 de xullo de 1991 o Goberno de Manuel Fraga nomeou secretario xeral técnico da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes a Alberto Núñez Feijóo. Nese cargo e posteriormente na secretaría xeral de Sanidade estaría ata maio de 1996, cando marchou a Madrid co Goberno de José María Aznar, catro anos aos que hai que sumar outros dous anos e medio como conselleiro de Política Territorial entre xaneiro de 2003 e agosto de 2005, que sumados aos máis de once anos que leva como presidente da Xunta o converten no máis veterano alto cargo do fraguismo que aínda continúa na cúpula da Xunta.
Nas últimas semanas o presidente vén prescindido de varios altos cargos que estaban na cúpula da Xunta, cunha ou outra denominación ou competencias, desde a época de Fraga, salvando a paréntese do goberno de coalición de PSdeG e BNG entre 2005 e 2009. A saída este xoves do responsable da loita contra o lume desde 1996, Tomás Fernández-Couto, súmase á do xa ex-director xeral de minas e enerxía, Ángel Bernardo Tahoces, unha semana antes, ou a mediados de setembro a de toda a cúpula de Sanidade, entre eles quen era xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, os dous tamén en altos cargos desde mediados dos 90.
Tahoces fora nomeado secretario xeral de Agricultura en decembro de 1997 e durante o goberno bipartito foi un destacado deputado do PP na oposición, ademais de responsabe do PP en Santiago. Pola súa banda, Fernández-Campa foi nomeado en maio de 1996 director xeral de Recursos Económicos do Sergas, durante o bipartito seguiu en postos intermedios como alto funcionario de carreira que é e desde 2009 foi nomeado sucesivamente secretario xeral de Cultura, secretario xeral de Sanidade en 2012 e xerente do Sergas en 2014 e ata o pasado setembro. Agora foi recolocado como director da Axencia de Coñecemento en Saúde da Xunta.
O vicepresidente Rueda foi nomeado director xeral de Administración Local en xullo de 2000 e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro en decembro de 2001
Despois destas saídas, e doutras similares nas cúpulas de Educación ou Política Social de cargos que nalgún caso estaban neles desde o comezo dos gobernos de Feijóo en 2009, o seguinte con máis veteranía de xeito continuado por tras do presidente sería o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, que xa era subdirector xeral cando en agosto de 1999 foi nomeado secretario xeral de Relacións coa Unión Europea e Acción Exterior, cargo que ocuparía ata o remate dos gobernos de Fraga e ao que volvería en 2009 con Feijóo.
En xullo de 2000 era nomeado director xeral de Administración Local Alfonso Rueda Valenzuela, conselleiro desde 2009 e agora vicepresidente. Rueda é unha das dúas únicas persoas que seguen á fronte dunha consellería desde o primeiro goberno de Feijóo, xunto coa titular de Mar, Rosa Quintana. No seu caso, foi nomeada directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro en decembro de 2001 tras ser previamente delegada territorial en Vigo da Consellería de Pesca.
Outro conselleiro de Feijóo, Valeriano Martínez, titular de Facenda desde 2015 tamén ocupou altos cargos cos gobernos de Fraga en épocas alternas. Foi nomeado director xeral de Recursos Humanos do Sergas en maio de 1996, cargo que ocupou ata decembro de 1997. E en febreiro de 2003 sería recuperado por Feijóo como director xeral de Transportes.
Tamén en épocas alternas levan ocupando altos cargos desde a época de Fraga outros directores xerais actuais. O de Xustiza, Juan José Martín Álvarez, foi nomeado para ese posto en febreiro de 2002, e a el volveu en 2009 tras a paréntese do bipartito. O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, foi nomeado director xeral desa área en maio de 2003, coa chegada do bipartito marchou á Comunidad de Madrid, recuperouno Feijóo en 2009, foi presidente do Consello Superior de Deportes en 2016 e foi recuperado novamente para a Xunta tras a caída do Goberno de Mariano Rajoy en 2018.
E desde setembro é director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación José Luis Mira Lema, que xa ocupou un cargo semellante en xuño de 1996, cando Fraga o designou director xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos. En 2000 marchou ao Ministerio de Educación, volveu á Xunta para ocupar a mesma dirección xeral que agora entre 2009 e 2012, nese ano pasou a ocupar postos en embaixadas españolas e hai dous meses volveu ser recuperado para Educación.
Dos 68 altos cargos actuais de Feijóo (11 conselleiros e 57 secretarios o directores xerais), só oito seguen nos mesmos ou similares postos desde 2009
Tras as últimas mudanzas, entre as que tamén hai que destacar a saída do ata agora director xeral de Comunicación, Lucas Martinón, persoal de confianza do presidente desde a súa época de conselleiro, dos 68 altos cargos actuais de Feijóo (11 conselleiros e 57 secretarios o directores xerais), só oito seguen nos mesmos ou similares postos desde 2009: o agora secretario xeral da Presidencia e antes director do gabinete de Feijóo, Álvaro Pérez; a secretaria de Vicepresidencia, Beatriz Cuiña; o director de Xustiza, Juan José Martín; o director de Relacións Exteriores, Jesús Gamallo; o director de Función Pública, José María Barreiro; a directora de Ordenación do Territorio, Encarnación Rivas; o secretario de Universidades, José Alberto Díez; e a directora de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez.