Ao longo da súa traxectoria o alto cargo máis veterano da Xunta defendeu o eucalipto e gastar máis no lume que en ordenar o monte, e viu como a xustiza e o Consello de Contas censuraron actuacións súas
O 27 de xuño de 1996 o Goberno de Manuel Fraga nomeou como director xeral de Montes a Tomás José Fernández-Couto Juanas. Este xoves o presidente Feijóo informou do seu cesamento agradecéndolle “máis que moito os servizos prestados durante todo este tempo”, no que foi o máximo responsable, cunha ou outra denominación do cargo ou rango (secretaría ou dirección xeral), da loita da Xunta contra os incendios forestais, coa única paréntese do bipartito PSdeG-BNG entre 2005 e 2009.
Fernández-Couto, que ocupaba actualmente a agora denominada Dirección Xeral de Defensa do Monte, acumulou ao longo da súa carreira, a máis veterana no mesmo cargo dos actuais altos cargos da Xunta e durante a que estivo ás ordes de oito conselleiros distintos, todo tipo de polémicas e censuras públicas pola súa xestión, na que defendeu tanto o eucalipto como gastar máis no lume que en ordenar o monte, e viu como a xustiza e o Consello de Contas censuraron actuacións súas.
Segundo o Consello de Contas, durante estes anos a Xunta veu gastando uns 150 millóns de euros ao ano en políticas forestais, dos que uns 100 millóns van destinados a actuacións contra os incendios fronte a menos de 50 millóns anuais destinados á ordenación das producións forestais, relación que inverte o previsto nos plans forestais da propia Xunta, que apostaron por gastar moito máis no fomento das políticas forestais que nos incendios.
Fernández-Couto xustificou gastar máis na loita contra o lume (100 millóns ao ano) que en ordenación do monte (50 millóns) para dar "confianza" aos propietarios, pero o Consello de Contas considerouno unha "opinión"
O propio Fernández-Couto respondeu no seu momento a Contas coa seguinte argumentación: “De que sector forestal estariamos falando, se o éxito na loita contra os incendios forestais non devolvera aos galegos a confianza das potencialidades do monte, fronte ao desánimo que reinaba nos propietarios forestais no arranque do Plan Forestal de Galicia [1992] polo convencemento de que o lume daría ao traste con todos os seus esforzos. O despregue do dispositivo que sostén o programa [de prevención e loita contra o lume] permite que esteamos a falar de Galicia como a maior potencia forestal do Estado”. O Consello de Contas desbotou a súa explicación por consideralo unha simple "opinión".
O agora cesado defendeu aumentar un 8% a superficie do eucalipto como un "control" da súa expansión "sen demonizalo"
Cando a Xunta revisou aquel plan forestal que Contas criticaba que viña incumprindo, incluíu un aumento do 8% da superficie dedicada ao eucalipto que o propio Fernández-Couto defendeu como un “control” da súa expansión “sen demonizalo”. Ese novo plan forestal é, segundo Fernández-Couto, un documento que “debuxa con valentía e xenerosidade un modelo claro de futuro para o monte galego”.
Un xuíz certificou que Fernández-Couto encargou en 2012 helicópteros de loita contra o lume sen ningún contrato polo medio pero limitouno a unha "mera ilegalidade administrativa" e arquivou a causa por prevaricación pola que fora imputado a petición da Fiscalía
Contas tamén certificou que Fernández-Couto encargou en 2012 helicópteros de loita contra o lume sen ningún tipo de contrato polo medio á empresa de cabeceira da Xunta, Inaer (mercada posteriormente por Babcock), despois de que caducara o contrato anterior sen que se puxera en marcha un novo concurso público. Por aqueles feitos Fernández-Couto foi acusado pola Fiscalía dun delito de prevaricación e estivo imputado, xunto con outros dous altos cargos da consellería, ata que o xuíz instrutor do caso o arquivou por considerar que, malia que efectivamente encargara o servizo “sen contrato”, non había prevaricación porque non o fixera de forma “caprichosa” senón por unha suposta situación “excepcional” de incendios forestais.
“Mera ilegalidade administrativa” foi a expresión empregada polo xuíz para cualificar o acontecido ao darlle a dedo o servizo a Inaer despois de que o departamento de Fernández-Couto non sacase a concurso o contrato malia saber que ía caducar.
Feijóo defendeu ata agora as actuacións de Fernández-Couto nunha relación que saltaba por riba dos conselleiros ou conselleiras de cada momento
Durante este tempo as actuacións de Fernández-Couto foron defendidas persoalmente polo propio Feijóo, que en diversas ocasións saltou por riba dos conselleiros ou conselleiras baixo os que se situaba o director ou secretario xeral. Tras anunciarse a súa marcha, o actual conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez, publicou un chío en Twitter no que di que “Tomás Fernández-Couto foi, é e seguirá sendo un dos maiores servidores públicos deste país. Un profesional que dedicou gran parte da súa carreira a combater unha das maiores lacras de Galicia. Como persoa, a súa calidade humana é inconmensurable. Grazas por todo”.
González Vázquez foi o último dos oito conselleiros de Medio Rural que viu pasar Fernández-Couto, desde o seu nomeamento por Tomás Pérez Vidal, pasando por Cástor Gago, Juan Miguel Diz Guedes e José Antonio Santiso Miramontes durante os gobernos de Manuel Fraga e Samuel Juárez, Rosa Quintana e Ángeles Vázquez, antes do actual, durante os gobernos de Feijóo. Polo medio, entre 2005 e 2009, co nacionalista Suárez Canal como conselleiro, o seu cargo foi ocupado por Alberte Blanco.
Fernández-Couto, dixo este xoves Feijóo, levaba “12 anos sen vacacións que acreditan que estamos ante un cargo moi relevante”. O presidente anunciou que será substituído por Manuel Rodríguez Vázquez, que foi cesado o 18 de setembro como director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria. O cesamento de Fernández-Couto chega unha semana despois do de outro veterano alto cargo, o responsable de enerxía e minas Ángel Bernardo Tahoces.