Imputado o máximo responsable forestal da Xunta pola adxudicación de helicópteros contra incendios

Fernández-Couto, á dereita, coa daquela conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, e o seu secretario xeral, Francisco Vidal Pardo Dominio Público Xunta de Galicia

O director xeral de Ordenación Forestal da Xunta, Tomás Fernández-Couto, que leva 17 anos como máximo responsable autonómico da loita contra os incendios forestais, está imputado por presuntas irregularidades na contratación de helicópteros para a loita contra o lume. A investigación, do xulgado de instrución número 3 de Santiago a instancias da Fiscalía, foi aberta a raíz dunha denuncia por prevaricación presentada en 2012 pola CIG e que desde aquela vén avanzando a ritmo dispar. Nas últimas semanas, tras a vaga de incendios do pasado 15 de outubro, a oposición reclamou expresamente ao presidente da Xunta o cesamento de Fernández-Couto pero Feijóo continúa avalando a quen é un dos altos cargos nos que máis confianza vén depositando. Fernández-Couto, segundo confirmaron a Praza.gal dúas fontes da Fiscalía, xa foi citado a declarar en calidade de investigado, antigo imputado.

A investigación ten a súa orixe nunha denuncia por prevariación presentada en 2012 pola CIG contra a cúpula de Medio Rural e reactivouse en 2015 tras un crítico informe do Consello de Contas contra o xeito en que a Xunta contrata helicópteros

A investigación ten a súa orixe nunha denuncia por prevaricación presentada en 2012 pola CIG contra a daquela conselleira de Medio Rural e hoxe de Mar, Rosa Quintana; o seu daquela secretario xeral, Francisco José Vidal Pardo (que meses despois dimitiu por “motivos persoais”), e Fernández-Couto, director ou secretario xeral a cargo da política forestal galega desde 1996, coa única paréntese do bipartito PSdeG-BNG entre 2005 e 2009. Vidal Pardo figura tamén na causa como investigado e, xunto a el, o daquela subdirector xeral de prevención e defensa contra os incendios, José Carlos Costas.

O sindicato puña o foco na adxudicación a dedo por 6,6 millóns de euros do servizo de transporte aéreo en helicópteros das brigadas de loita contra o lume á empresa Inaer. A Xunta argumentou que a proximidade da época de incendios impedíalle convocar un concurso público ou pedir outras ofertas e encargoullo directamente a Inaer a través dunha "encomenda de xestión", segundo a expresión empregada daquela pola propia conselleira. Esa firma, adxudicataria tamén dos servizos de salvamento marítimo e emerxencias sanitarias da Xunta, foi adquirida hai tres anos pola británica Babcock. Xa viña prestando ese servizo de transporte dos operarios en anos anteriores, pero nese asumiu tamén a xestión das brigadas, que antes realizaba a Xunta e que Inaer subcontratou á súa vez a outra empresa, Natutecnia.

Un ano despois, en 2013, a Xunta si convocou un concurso público para prestar ambos servizos ese ano e o seguinte. Xunto con Inaer, tamén se presentou outra empresa que xa realizara ese traballo en Castela e León, pero o Goberno galego argumentou que as dúas ofertas incumprían os pregos de condicións, declarou deserto o concurso e convocou un procedemento negociado no que elixiu a dedo as empresas invitadas a participar. Xa só concorreu Inaer, que levou o contrato cunha rebaixa sobre o prezo de partida de só 8.000 euros sobre os 12,3 millóns de euros da licitación.

A comezos de 2015 a investigación reactivouse tras un informe crítico do Consello de Contas que vía "infracción dos principios de publicidade e transparencia" na contratación da Xunta

A finais de 2014 un informe do Consello de Contas criticou que a Xunta “demorou en exceso a convocatoria” do concurso orixinal e que posteriormente houbo unha “modificación substancial das condicións iniciais” que ao seu ver “constitúe un obstáculo legal para a posterior convocatoria deste procedemento negociado sen publicidade, con infracción dos principios de publicidade e transparencia”. Contas considerou que o Goberno galego debeu convocar un novo concurso público e non adxudicar a Inaer de xeito negociado.

Segundo fontes xudiciais, ese informe do Consello de Contas, no que se relataban outras varias irregularidades na contratación de helicópteros por parte da Xunta, permitiu reactivar a instrución e a principios de 2015, cando transcendeu que estaba en marcha a investigación, polo menos dous interventores da Xunta declararan xa no xulgado. Porén, posteriormente o xulgado cancelou declaracións de testemuñas xa previstas e a causa volveu sufrir un estancamento. En abril deste ano tomáronse as últimas declaracións, entre elas a de Fernández-Couto, e o instrutor está agora á espera dun informe do Servicio de Protección de la Naturaleza (Seprona) da Guardia Civil.

Tras a última vaga de incendios a oposición pediu a destitución de Fernández-Couto pero Feijóo en persoa avalou a súa continuidade no cargo

Nos últimos días, tras a vaga de incendios do pasado 15 de outubro, os partidos da oposición pediron a destitución de Fernández-Couto tanto por ser o máximo responsable de incumprir o plan forestal autonómico, como certificou tamén o Consello de Contas, como por ser o responsable dos dispositivos de loita contra o lume. Porén, Feijóo, que segundo diversas fontes ten a Fernández-Couto como un dos seus altos cargos mellor valorados, e de feito é dos poucos que se manteñen desde o seu primeiro goberno, vén insistindo en avalar o seu traballo. “Cre que sería lóxico que a vaga de lumes de 48 horas fixésemos responsables ás persoas que traballaron durante os últimos nove anos? Sería o máis fácil”, respondeu o propio Feijóo este martes no Parlamento cando se lle volveu a pedir a destitución de Fernández-Couto na súa comparecencia monográfica sobre os incendios.

Inaer, agora parte de Babcock, é adxudicataria tamén dos helicópteros de salvamento ou emerxencias da Xunta e socia, xunto con Indra, da base de drons de Rozas

Por outra banda, Inaer, hoxe integrada en Babcock, non só é adxudicataria dos principais servizos da Xunta prestados a través de helicópteros, con irregularidades diversas xa advertidas polo Consello de Contas, en moitas ocasións sendo a única oferta que se presenta aos concursos e sen ofrecer un só euro de rebaixa sobre o prezo de licitación, senón que tamén é socia industrial do Goberno galego, xunto con Indra, na base de investigación de aeronaves non tripuladas que está a desenvolver no aeródromo lucense de Rozas.

Investigacións penais similares por contratos para servizos aéreos de extinción de incendios estanse levando a cabo noutras comunidades autónomas, no marco do que se denomina como “cartel do lume”.

Fernández-Couto, Feijóo e Rajoy, nunha visita á zona afectada polos incendios Dominio Público La Moncloa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.