Feijóo avala a Fernández-Couto porque “as cousas se fixeron correctas”

Fernández-Couto, Feijóo e Rajoy, nunha visita á zona afectada polos incendios Dominio Público La Moncloa

O presidente pon o foco na denuncia inicial da CIG e obvia que xuíz, fiscal e Consello de Contas ven irregularidades na xestión do seu alto cargo

“Creemos, polo que me din na Asesoría Xurídica, que as cousas se fixeron correctas, polo tanto esperamos que así se vexa tamén no xulgado”. Así reaccionou este xoves o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cando se lle preguntou pola imputación de quen é o seu director xeral de Política Forestal, Tomás Ferández-Couto, desde 2009 e antes con Manuel Fraga por ilegalidades na adxudicación de helicópteros contra incendios. Feijóo puxo o foco na denuncia inicial da CIG que deu pé a investigación e obvia que xuíz, fiscal e Consello de Contas ven irregularidades na xestión do seu alto cargo.

Os feitos remóntanse ao ano 2012, cando a Xunta contratou a dedo á empresa Inaer os helicópteros de loita contra o lume e traslado de brigadistas. “Tivemos dificultades daquela para incrementar os medios de extinción de lumes, o secretario xeral da consellería que tamén está na mesma situación [Vidal Pardo, dimitido en agosto de 2013 e tamén imputado] considerou oportuno facelo de acordo cun procedemento, houbo unha denuncia e esa denuncia está neste momento en tramitación”, argumentou Feijóo. Para o presidente, “é moi difícil de explicarlle á familia dun alto cargo que se ve envolto en ter que declarar no xulgado como consecuencia de ter que cumprir co que el ou eles consideraban que era o seu deber de urxencia”.

Feijóo lamenta o dano á familia dos imputados por "ter que cumprir co que el ou eles consideraban que era o seu deber de urxencia"

Feijóo tamén dixo que a imputación de Fernández-Couto, Vidal Pardo e un subdirector xeral “non é ningunha novidade para o Goberno porque o outro día, na comparecencia [o martes no Parlamento a conta da vaga de incendios] o dixen, dixen que cando algún comenta se había poucos medios, que esperaba que non se plantexaran denuncias aos directores da consellería responsable de lumes como consecuencia de declarar urxentes determinadas compras”.

En efecto, o martes, durante a súa comparecencia, e en resposta á portavoz do BNG, Ana Pontón, Feijóo lembrou que a Xunta ampliou durante o pasado mes de outubro diversos dispositivos de loita contra o lume, entre eles os medios aéreos. Foi daquela cando o presidente realizou unha críptica alusión á investigación: “Contratamos tres medios aéreos a maiores. Xa sei que despois hai algún sindicato que denuncia á consellería, o conselleiro e o director xeral, por contratar de forma excepcional. Alá eles e a súa conciencia. Ten que ir o persoal de extinción de lumes aos xulgados ante as denuncias de contratar de forma excepcional a efectivos e medios aéreos. Alá eles e a súa conciencia. Alá eles e a súa conciencia. Nós o fixemos. Ao mellor nos volven a denunciar. Espero que non señoría. Se vostede pode interceder, agradeceríallo”, díxolle a Pontón, en alusión á CIG, que foi quen denunciou inicialmente o caso en 2012.

A CIG non está persoada na causa senón que a súa denuncia foi asumida como propia pola Fiscalía e os indicios de delito avalados polo xuíz instrutor

A esa denuncia da CIG inicial agárrase Feijóo para presentar o caso como unha acusación de parte con motivacións políticas. Porén, o presidente obvia que a CIG non está persoada na causa. A súa denuncia foi investigada pola Fiscalía, que a asumiu como propia e instou a apertura dunha causa. As imputacións actuais contan, ademais, co aval do xuíz. E á instrución axudou un informe do Consello de Contas no que se critican numerosas irregularidades na contratación de diversos servizos de helicópteros por parte da Xunta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.