0 Gardados para despois

Privatizar a extinción de incendios con helicópteros custará ata 34 millóns

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Un prezo de 12,4 millóns de euros ata 2014 que poderán chegar ata 34,7 se é prorrogado ata 2016 e, ademais, é esgotado o límite de horas de voo contratadas. É o impacto que terá nas contas públicas galegas a privatización do servizo de extinción de incendios a través de helicópteros, operación autorizada polo Consello da Xunta a pasada semana e que vén de iniciar a súa tramitación administrativa co envío do correspondente anuncio ao Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) e a publicación de documentos na Plataforma de Contratación. 

A Consellería de Medio Rural comezou xa o procedemento para realizar dúas contratacións, unha de "helicópteros de tipo lixeiro" e outra de "helicópteros de tipo medio" con cadansúas brigadas asociadas. Ao contrario do que aconteceu en anos anteriores o Goberno galego non só contrata o servizo de helicópteros propiamente dito, senón todos os labores de extinción que se realizan dende eles. Nomeadamente, segundo os pregos de condicións "as misións a desenvolver" pola empresa adxudicataria son o "transporte das brigadas e equipos de extinción ata os incendios", a "extinción mediante lanzamento de auga (...) cou ou sen retardantes" e "calquera outra misión relacionada coa prevención e defensa contra incendios".

O contrato é licitado por 12,4 millóns, que poderán chegar a 34,7 se é prorrogado ata 2016 e son esgotadas as horas de voo contratadas

Catro helicópteros no primeiro lote e cinco helicópteros, no segundo, son elemento central dun contrato a través do cal a compañía ou compañías que o xestionen achegarán ao servizo ata agora público un total de tres brigadas durante a precampaña de incendios e de seis na campaña. As brigadas asociadas aos helicópteros "de tipo lixeiro" estaŕan formadas por doce persoas e as dos helicópteros "de tipo medio", por vinte e dúas e voarán en helicópteros que estarán identificados coa imaxe corporativa da Xunta. Concretamente, portarán "unha pegatina en cada lateral e na parte inferior co logotipo da Xunta". "O rótulo da empresa adxudicataria do serivzo deberá ser dun tamaño inferior á cuarta parte do rótulo da Consellería" e "a súa exhibición deberá ser aprobada, previa petición", polo Goberno, especifica o prego de condicións.

A través deste documento tamén é posible coñecer as esixencias de formación para o persoal das brigadas que se incorporarán ao servizo a través da empresa privada. Ademais da formación específica en ámbitos como a pilotaxe dos helicópteros Medio Rural salienta tamén certas características no caso de que se contrate "persoal estranxeiro". No caso dos pilotos, "para realizar a prestación de servizos deberán dominar o castelán". Para as brigadas é "imprescindible que todo o persoal que forme parte das brigadas" fale e escriba "castelán e/ou galego" e, no persoal de terra das bases helitransportadas, "se recomendará" o "coñecemento" do castelán, pero non será "obrigado".

Protestas do persoal

As organizacións que representan o persoal das brigadas veñen alertando dende hai días dos prexuízos asociados  esta privatización. Dende a asociación de traballadores e traballadoras do servizo público contra incendios, Apropiga, sinalan que a conselleira Rosa Quintana "continúa na súa teima de desmantelar e privatizar o servizo público" e "pretende dar continuidade a un modelo de prevención e extinción fraccionado e dividido en varias empresas públicas e privadas convertendo nun negocio a prevención e extinción de incendios en Galicia a costa da precarización das condicións de traballo dos profesionais e prestando un servizo deficiente ós cidadáns".

Pola súa banda, a federación da CIG na Administración autonómica considera clara a intención de Medio Rural de "precarizar cada vez máis o servizo" para "así ter unha escusa perfecta para proceder á súa total privatización e posta en mans de empresas privadas, cuxa única fin é lucrarse e gañar cartos, co subrecusto engadido que esto supón para o erario público". "Con actuacións deste tipo -afirman- a Xunta súmase, unha vez máis, á política de privatizacións e recortes que o desgoberno do PP de Rajoy está a levar a cabo para arrasar con todo aquelo que teña carácter público, para deixalo en mans das empresas dos amiguetes".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.