Dez datas que explican o ascenso de Feijóo ás alturas do PP

Imaxes de varios fitos da vida política de Feijóo sobre una fotografía dun mitin do PP en Ourense en marzo de 2020 CC-BY-NC-SA Praza.gal

Alberto Núñez Feijóo vén de acadar a cúspide do poder no PP. O partido aclamouno esta fin de semana en Sevilla nun congreso sen rivais precipitado tras a defenestración de Pablo Casado que propicia, ademais, o peche dun ciclo de década e media na política galega. Este abril de 2022 pasa a incorporarse ao calendario de datas que explican o ascenso do aínda presidente da Xunta ás alturas dos populares. Pero o que agora acontece non pode entenderse sen, cando menos, outra decena de datas anteriores.

13 de novembro de 2002

Un petroleiro monocasco que transporta 77.000 toneladas de fuel lanza un SOS a unhas trinta millas de Fisterra. Era o Prestige, unha ferralla flotante con bandeira de conveniencia das Bahamas. Apenas unha semana despois, cando a primeira marea negra xa chegara ás costas galegas, o buque parte en dous e afunde. O 1 de decembro, unha enorme manifestación convocada pola Plataforma Nunca Máis, acabada de nacer, evidencia a forte presión política sobre os gobernos de Galicia e España, ambos do PP, formación na que medra a tensión polo xeito de xestionar a catástrofe. Alberto Núñez Feijóo é presidente da Sociedad Estatal de Correos y Telégrafos S.A., dependente do Ministerio de Fomento que dirixe Francisco Álvarez-Cascos, á súa vez un dos máximos responsables da xestión do naufraxio.

16 de xaneiro de 2003

Manuel Fraga asina o cesamento de Xosé Cuíña como conselleiro de Política Territorial. O noutrora considerado sucesor natural do fundador do PP, clave para entender a hexemonía que o PPdeG lograra consolidar durante a década anterior, cae tras publicar a Cadena SER que unha das empresas da súa familia, Gallega de Suministros Industriales, vendera 8.520 traxes de augas e 3.000 pas para o dispositivo de recollida do chapapote por 40.000 euros a unha compañía provedora da semipública Tragsa, que á súa vez fornecía dos materiais á Xunta.

Feijóo e José Manuel Barreiro, como deputados na oposición no Parlamento tras a marcha de Fraga © Parlamento de Galicia

A venda nunca chegara aos tribunais e Cuíña esgrimira un informe para certificar que non implicara beneficios á empresa da súa familia. Pero a súa defenestración propiciou que Fraga remodelase o Goberno na liña da dirección de Aznar e Rajoy. O elixido para substituír a Cuíña foi Feijóo, noutrora máximo responsable do Sergas que chegaba, como marchara, apadriñado por José Manuel Romay Beccaría, o seu mentor político.

10 de setembro de 2004

O Diario Oficial de Galicia publica o decreto de nomeamento de Alberto Núñez Feijóo como vicepresidente primeiro da Xunta, ditado un día antes por un Fraga enfraquecido física e politicamente que ofrece, con este movemento, un novo sinal de cambio de ciclo. Como vicepresidente segundo é designado o lucense José Manuel Barreiro. A operación é interpretada como o primeiro acto da sucesión de Fraga, cunha vicepresidencia para o sector do birrete de Romay e outra, para o sector da boina. Todo, apenas medio ano despois de que os populares perdesen o Goberno de España e mentres o PSOE volvía vivir unha etapa ascendente da man do xa presidente José Luis Rodríguez Zapatero.

19 de xuño de 2005

Dende a súa chegada á presidencia da Xunta, Fraga sempre fora partidario de convocar as eleccións ao Parlamento contra o outono. Así o prefería tamén no ano electoral de 2005, pero a dirección central do PP, xa encabezada por Rajoy, premeu para un adianto ás portas do verán. Fraga chamou ás urnas para o 19 de xuño e, tras unha campaña inzada de esvaróns, perdeu o goberno por un escano. PSdeG e BNG lograron sumar a maioría absoluta (25+13) para investir a Emilio Pérez Touriño como novo presidente e o PP pasaba á oposición, formalmente liderada durante uns meses por un Fraga en retirada mentres Feijóo exercía de número dous de facto. Coa perda da Xunta abríase de vez a carreira sucesoria.

Feijóo e Rueda, nun acto durante a súa etapa na oposición CC-BY-SA PPdeG

15 de xaneiro de 2006

O compostelán Palacio de Congresos de Galicia é o escenario elixido para o congreso sucesorio do PP de Galicia o proceso comezara con catro candidatos, pero finalizara cun aspirante único, Feijóo, que acudiu ao conclave para ser aclamado, como sucede neste 2022 a nivel estatal. O primeiro en caer foi Enrique López Veiga, antigo conselleiro de Pesca que se retirou tras non dar cadrado "as contas" despois da elección dos delegados con dereito a voto no congreso. 

Despois retirouse Cuíña, quen sinalara a súa intención de refundar o partido "en clave galega sen paliativos e radicalmente democrática". Fixérao tras constatar que o ourensán José Luis Baltar renunciara a poñer o PP de Ourense á disposición da súa candidatura despois de que Rafael Louzán puxera as súas cartas na candidatura de Feijóo, o apadriñado por Romay. Acto seguido, o candidato que quedaba, Barreiro, diluíu a súa lista na de Feijóo. O elixido pola dirección de Aznar para ser inserido no Goberno de Fraga xa era presidente do PP de Galicia.

28 de agosto de 2008

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, convoca unha declaración institucional na residencia oficial de Monte Pío, posterior á conferencia de prensa do Consello. O líder socialista dá en pechar as especulacións das semanas e meses anteriores para deixar claro que desbota un adianto electoral en Galicia. Non chamara ás urnas para o outono daquel 2008, o que implica desouvir as recomendacións da dirección federal do PSOE. O aparello do partido que comandaba o lucense José Blanco manexaba estudos demoscópicos que apuntaban a unha maior probabilidade de revalidar a Xunta votando no outono e non na primavera de 2009, cando a situación económica sería previsiblemente peor e o PP tería máis armas para culpar do deterioro ao Goberno de esquerdas. Quince días máis tarde quebraba o xigante financeiro estadounidense Lehman Brothers e nas portas do outono comezaba o estrago económico e laboral do que Feijóo e o seu equipo comezaron a facer responsable en primeira persoa a Touriño.

1 de marzo de 2009

Finalmente, Touriño non esgotou por completo a lexislatura e chamou ás urnas cun trimestre de adianto, para o 1 de marzo de 2009. Tras unha durísima campaña, na que o PP como partido e Feijóo como candidato combinaron a crítica política ao Goberno de coalición PSdeG-BNG con acusacións e insinuacións sobre as vidas persoais tanto do líder socialista como do nacionalista Anxo Quintana, os populares lograron a Xunta pola mesma marxe que a perderan, un escano, outorgándolle tamén a Rajoy a súa primeira vitoria relevante dende que asumira o liderado da formación. PSdeG e BNG, mentres, ficaran estupefactos pola perda do efémero Goberno e víronse abocados a cadansúas prolongadas crises internas, o cal contribuíu ás haxiografías segundo as cales a primeira vitoria de Feijóo fora esmagadora.

Feijóo e a cúpula do PPdeG, celebrando a vitoria electoral de 2009 © PPdeG

25 de setembro de 2016

Tras revalidar a Xunta en 2012 en pleno ciclo expansivo do PP e cunhas forzas da esquerda en profunda crise, Feijóo chegou ás eleccións galegas de 2016 tras sufrir un duro pau nas municipais do ano previo, na que o ascenso das mareas municipais, combinado coa resistencia de diversos feudos de PSdeG e BNG, privara os conservadores de amplas cotas de poder local, coa simbólica perda das alcaldías das tres cidades da provincia da Coruña e mais das deputacións coruñesa e pontevedresa. Pero a retirada obrigada do socialista José Ramón Gómez Besteiro e a accidentada constitución de En Marea como partido combináronse coa fortaleza de Feijóo como cartel electoral para que as expectativas de cambio batesen contra unha nova maioría absoluta do PP. Aquel novo triunfo serviu, ademais, para que os populares desen por definitivamente amortizado o transo da saída á luz da amizade de Feijóo co contrabandista Marcial Dorado nos anos 90 a través das fotografías das vacacións que ambos compartiran, publicadas polo diario El País.

18 de xuño de 2018

O 1 de xuño de 2018, Pedro Sánchez gaña a moción de censura formulada polo PSOE contra o Goberno de Mariano Rajoy tras a sentenza da primeira época do caso Gürtel, que describiu financiamento irregular do partido dende a súa fundación. Aos poucos días, o PP activou a sucesión de Mariano Rajoy e moitos focos políticos e mediáticos viraran cara a Feijóo, que deu en alimentar as expectativas ata que, o 18 de xuño, confirmou nun acto de partido que non competiría pola sucesión, desatando a euforia no PPdeG. As hipóteses sobre aquela negativa foron diversas, dende un suposto temor a ataques provenientes do seo do propio partido ata o feito de que Rajoy non o sinalase como sucesor, o que o obrigaría a participar nunha competición entre varias candidaturas que o titular da Xunta optou por evitar. Tras o paso atrás, Feijóo apostou por Dolores de Cospedal, aínda que durante o proceso foi mudando de postura sen chegar a brindar o seu apoio explícito a ningunha das candidaturas, mentres o seu núcleo máis próximo se decantaba por Pablo Casado.

17 de febreiro de 2022

En pleno enfrontamento aberto entre Pablo Casado e a presidenta da Comunidad de Madrid, Feijóo toma partido reclamando á dirección da formación que "non provoque ningún incendio" aínda que dubide da honestidade de Isabel Díaz Ayuso, a quen a cúpula popular acusa de irregularidades na compra de máscaras durante as primeiras semanas da pandemia. Nos días seguintes, o aínda presidente da Xunta clama por decisións "urxentes" ante un PP en "colapso" e o día 24, tras unha reunión con Casado e outros líderes territoriais do partido, a contorna de Feijóo xa dá por feito que substituirá sen rivais ao desbancado. O 2 de marzo confirma o seu "si" e xustifícao afirmando que "a Galicia non lle é indiferente España", dando paso a unha xira de mitins de campaña interna por todas as comunidades autónomas que culminou, este sábado, coa súa proclamación como novo presidente do PP.

Feijóo, o pasado 15 de marzo durante un mitin da súa campaña interna en Madrid

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.