Disparouse a expectación entre parte da prensa con sede en Madrid cando, contra últimas horas do domingo, comezou a correr a advertencia de que Alberto Núñez Feijóo ía ofrecer "unha rolda de prensa" ás dez e media da mañá deste luns, case ao mesmo tempo que Pablo Casado reunía á dirección do PP para avaliar como afrontar a profunda crise da formación. En rigor, o convocado era unha visita de Feijóo como titular da Xunta á inauguración da segunda liña de refinación de Aceites Abril en San Cibrao das Viñas, a onde non obstante acudiu cun argumento preparado para ofrecer ante as preguntas dos xornalistas sobre a fenda do seu partido.
O presidente da Xunta e do PP en Galicia ve o seu partido en "convulsión" e sinala a Casado como principal responsable de atopar unha saída
Como a pasada semana no atril do Consello do Goberno galego e ao contrario que noutros episodios do pasado, Feijóo non retrucou con lugares comúns nin se cinguiu ao obxecto da visita. Por segunda vez, o presidente do Executivo e do PP en Galicia falou en termos de crise profunda, un "momento de convulsión" que, admite, ten dous "protagonistas", Isabel Díaz Ayuso e Pablo Casado, se ben descarga unicamente en Casado a toma de "decisións" que "non serán doadas", pero que "deben ser urxentes".
Di Feijóo ter o convencemento de que na dirección e Casado xa está en marcha a "reflexión" porque ten a obriga de "atopar unha solución urxente" para que o PP poida seguir sendo "referente do centro dereita reformista", toda vez que actualmente o que define como "único partido de alternancia" ao actual Goberno de España "está nunha situación de colapso". Rexeita, non obstante, dicir ás claras en público se a solución pasa por precipitar o congreso do partido para remudar o liderado, como el mesmo vén suxerindo nos últimos días. Como debe "lealdade" a Casado en tanto presidente do partido, "deille a miña opinión de forma nidia" ao respecto.
Tamén evita Feijóo, cando menos de momento, aclarar se responderá ás chamadas internas que o volven sinalar a el como remuda. "Eu non veño falar de min, veño falar do PP e de España porque creo no PP en España", afirmou durante a visita oficial á factoría ourensá como presidente da Xunta. Non vai, mantén, contribuír a "dar espectáculos falando de persoas" porque "o problema non é menor" e "non podemos seguir así durante moitas semanas".
"Máis pendente das liortas internas que dos problemas de Galiza"
Mentres a cuestión interna adquire un protagonismo pouco habitual na actividade pública de Feijóo como presidente -nunha situación só equiparable á de xuño de 2018, tras a marcha de Rajoy-, a oposición galega xa ve o presidente do Goberno galego máis centrado no seu partido que no país. "Se ata agora tiñamos un presidente sen alternativas nin propostas para solucionar os problemas de Galiza, que pasará cun presidente máis procupado por resolver as liortas internas e do seu futuro persoal?", pregúntase a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quen advirte de que "os galegos e galegas non lle pagamos para tapar a corrupción do PP nin para arranxar a guerra interna".
O BNG advirte a Feijóo de que "os galegos e galegas non lle pagan para tapar a corrupción do PP nin para arranxar a guerra interna"; o PSdeG cre que debe explicar "que vai facer para reparar o inmenso dano que o PP está a causar á democracia"
A xuízo da líder do Bloque, cómpre destacar a "naturalidade coa que o presidente do PPdeG normaliza un suposto novo caso de corrupción no seu partido" e, ao tempo, como "a única preocupación que amosa" está vinculada a "como meter o caso" das supostas irregularidades de Ayuso "debaixo da alfombra". Feijóo, cre Pontón, debera aclarar decontado se vai ou non optar a suceder a Casado e mentres, conclúe, "vendo os aires que chegan de Madrid, queda máis claro ca nunca que temos que mirar máis para Galiza, confiar no potencial no país e nas súas propias forzas".
Por parte do PSdeG, despois de que nas últimas horas o seu secretario xeral, Valentín González Formoso, considerase que Feijóo xa "non é digno de gobernar Galicia" por "renunciar a representar" o país para "incorporarse ao "mundo escuro e destrutivo de Mañuecos, Ayusos, Egeas e Casados", o seu portavoz parlamentario, Luis Álvarez, afondaba na mesma tese este luns. Ao tempo, reclama a Feijóo que "explique que vai facer para reparar o inmenso dano que causou o PP á democracia" con este "espectáculo difícil de cualificar". Os populares, coida, viraron nun "partido destrutivo e polo que se ve, autodestrutivo" que se "radicaliza" sen "importar o dano que cause na credibilidade das institucións".