O PSdeG está a concluír a súa xeira de congresos provinciais, celebrados xusto a continuación das primarias e do Congreso Nacional no que Valentín González Formoso foi elixido secretario xeral. Os procesos nas provincias saldáronse con dous pactos entre candidatos (Lugo e Pontevedra) e dúas votacións (A Coruña e Ourense) para designar catro secretarías provinciais: David Regades e Rafael Rodríguez Villarino continúan en Pontevedra e Ourense e Bernardo Fernández e José Tomé estrean cargo orgánico na Coruña e Lugo.
Co remate destes procesos -nos que as as candidaturas a priori máis afastadas ao secretario xeral só triunfaron en Ourense, que celebra o congreso a vindeira semana- finaliza o groso dunha renovación orgánica tras a cal, augura Formoso, vai chegar o "rexurdimento" da súa formación. Lograrán, di, "chegar á Xunta" e así "pasar páxina dun Feijóo máis preocupado" da crise interna do PP que "de defender a Galicia".
O congreso de Lugo, que ratificou a elección de Tomé como secretario provincial, conclúe a xeira de conclaves provinciais dos socialistas
No peche do congreso lucense, o secretario xeral do PSdeG sinalou aos seus que, unha vez finalizados os procesos internos, é o momento de "ilusionar a este país, reactivalo" e amosar que "somos merecedores" da confianza do electorado dunha Galicia que "non ten dono". Nun ton máis contundente que noutras ocasións, Formoso coida que o actual contexto político está a deixar claro que Feijóo "non é digno de gobernar Galicia" por ter "a desfachatez de insultar os galegos e galegas", aos que "deixou de representar", toda vez que "escolleu o papel de ser o representante da oposición no Estado".
O secretario xeral do PSdeG coida que Feijóo "deixou de representar" os galegos ao "escoller ser o representante da oposición no Estado" e "renunciar a representar a Galicia para incorporarse ao "mundo escuro e destrutivo de Mañuecos, Ayusos, Egeas e Casados"
Para o secretario xeral socialista, o actual presidente da Xunta "renunciou a impulsar Galicia" para "facerlle as grazas e incorporarse ao mundo escuro e destrutivo de Mañuecos, Ayusos, Egeas e Casados". Pola contra, di estar convencido de que "Galicia agarda por nós, como agardou Portugal, Alemaña e cada vez máis países da UE nos que volveu gobernar a socialdemocracia, coa honestidade de ser fieis á nosa orixe e gobernar para a xente máis feble".
O contraste de modelos, coida, tamén fica claro co propio Feijóo, "a poñer paus nas rodas" xa sexa "rexeitando a reforma laboral e a actualización das pensións" ou "anunciando que non aplicará a lei de vivenda". Isto sucede, cre, porque "está do lado dos que van a Europa a pedir que non nos entreguen os fondos europeos de recuperación".
Defende Formoso que Lugo é precisamente unha boa mostra do que o PSdeG pode facer se logra regresar á Xunta. Xa sexa na cidade, "cunha alcaldesa que preserva o patrimonio e a converte nunha das cidades máis fermosas de Galicia", dixo en referencia a Lara Méndez, tamén vicesecretaria xeral da formación; ou na Deputación, "obsesionada en asistir os concellos con menos recursos". Alén dos membros da nova dirección, o congreso provincial lucense contou con presenzas significativas como a do ex-alcalde Xosé López Orozco ou a do ex-secretario xeral e antigo presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro.