Tras o Congreso Nacional que, o pasado decembro, culminou a chegada de Valentín González Formoso á secretaría xeral tras a súa vitoria nas eleccións primarias con case o 60% dos votos fronte a Gonzalo Caballero, o PSdeG culminará a renovación dos seus órganos directivos coa celebración, o vindeiro febreiro, dos catro congresos provinciais. Finalmente, tras a recolleita de avais, fica confirmado que nas catro eleccións territoriais haberá dúas opcións de voto, nalgúns casos reproducindo en boa medida as afinidades entre as dúas opcións que concorreron ao Congreso Nacional e noutras, tamén dinámicas territoriais propias.
A Coruña: Bernardo Fernández ou Noa Díaz
Na provincia da Coruña, a remuda á fronte da secretaría xeral provincial era obrigada, toda vez que o actual secretario provincial era precisamente Valentín González Formoso. Ao novo líder do PSdeG substituirano na provincia da Coruña ou o alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández, ou a deputada compostelá Noa Díaz.
Fernández, politicamente afín a Formoso, asegura que a súa candidatura "nace da miña experiencia persoal" e dende a aposta por que "o obxectivo prioritario sexa preparar o partido para as próximas eleccións municipais, onde esperamos aumentar o apoio maioritario" de 2019. "O meu proxecto nace do municipalismo", resaltou tras entregar "máis de 1.600 avais" á candidatura.
Noa Díaz, pola súa banda, é actualmente deputada no Parlamento e próxima á contorna política de Gonzalo Caballero. Tras entregar 587 avais á súa candidatura -"o máximo esixido para concorrer ás primarias", resalta-, a parlamentaria declarouse "moi satisfeita do apoio recibido" e disposta a "poñer o foco en cuestións diferentes ás da outra candidatura, como a necesidade de reforzar o papel da militancia". "Ocupo cargos orgánicos e institucionais dende hai moi pouco tempo, pero levo neste partido dende os anos 90 e sempre fun unha militante de base", resalta.
Lugo: José Tomé ou Xosé María Arias
Tamén en Lugo haberá mudanza na secretaría provincial, actualmente exercida por Patricia Otero. A militancia terá que optar entre o presidente da Deputación e alcalde de Monforte, José Tomé, ou o rexedor de Castroverde, Xosé María Arias, que xa optara ao posto en procesos anteriores.
Tomé resalta que inicia a carreira interna con máis de 600 avais, "máis do dobre da cantidade establecida" -fíxase en función da militancia de cada provincia- que ve "moi importantes dende o punto de vista cuantitativo, pero tamén cualitativo, porque proceden de todo o territorio da provincia, de todas as comarcas". "Quero un partido forte, unido e integrador", sinala o tamén titular da Deputación, que resume o seu programa en "catro liñas de traballo: alargar as bases do partido, ofrecer asesoramento técnico e político" ás agrupacións locais, "fomentar a participación" e "máis coordinación e difusión nas mensaxes".
No caso de Arias, achegou 304 avais para rexistrar a súa candidatura, se ben sinalou que conta cuns 400. Nos últimos días, o rexedor de Castroverde afirmou que a súa aposta por un cambio de rumbo a respecto da anterior dirección provincial xa que, lembra, Tomé formaba parte dela. Neste sentido, sinala que pode achegar á dirección socialista a súa experiencia institucional -e alcalde dende 1999 e tamén deputado provincial-, pero procurando que o partido teña "voz propia", con "forza para a militancia".
Ourense: Rafael Rodríguez Villarino ou Alfredo García
Ourense é unha das dúas provincias nas que o actual secretario xeral do PSdeG no territorio opta a continuar no cargo. Rafael Rodríguez Villarino, actual titular do posto e voceiro socialista no Concello de Ourense, achegou o "máximo de avais requiridos" malia recoller "máis do dobre" e fíxoo, di, "con moito ánimo e enerxía para seguir loitando por un futuro mellor para Ourense".
Quen fora candidato á alcaldía de Ourense en 2019 -naqueles comicios o PSdeG foi primeira forza na cidade- sinala que o obxectivo da súa candidatura interna é "culminar o proxecto de cambio socialista iniciado hai 4 anos, coa mirada posta nas vindeiras eleccións municipais". A intención dos socialistas ourensáns, sinala, ten que ser "acadar máis gobernos na provincia", a comezar por "gobernar o Concello e a Deputación de Ourense e rachar co pacto da vergoña que o impediu", en referencia aos bipartitos do PP con Democracia Ourensana en ambas institucións.
Quen opta a substituír a Villarino na secretaría provincial do PSdeG ourensán é Alfredo García, alcalde do Barco de Valdeorras e antigo presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias. García, que tamén achegou "o máximo de avais permitidos" (236, no caso da provincia ourensá) malia "obter case o dobre". O rexedor do Barco sinala que o PSdeG ourensán debe acometer un "intenso labor de organización e mellora da súa estrutura" para "competir de forma similar a como o facemos nas outras provincias galegas". "É necesario abrir unha nova etapa na provincia, na que estea integrada toda a militancia que poida achegar algo, a partir do labor nos concellos e ampliándoa ao conxunto dos sectores sociais progresistas", resalta.
Pontevedra: David Regades ou Paloma Castro
Tamén quen actualmente é secretario provincial do PSdeG en Pontevedra, David Regades, opta a recuncar no cargo. Regades, concelleiro en Vigo, delegado da Zona Franca e moi próximo politicamente ao rexedor vigués, contou co propio Abel Caballero e mais con Carmela Silva, presidenta da Deputación e da nova Executiva Nacional do PSdeG, na presentación dunha candidatura que, di, ten vontade de integración
Maior participación e formación da militancia son algúns dos eixos dun proxecto que, di o candidato á reelección, é "feminista, progresista e municipalista". Esgrime tamén a súa experiencia e a do partido no goberno local de Vigo e na Deputación como mostra do que o socialistas son "capaces de facer". O avance local, coida, é clave para que o PSdeG poida aspirar a retornar á Xunta.
Con Regades competirá pola secretaría provincial a deputada Paloma Castro, que veu sendo membro do equipo de Gonzalo Caballero. Defende a candidata que "o proxecto que represento é o de Pedro Sánchez, a quen as bses apoiamos maioritariamente tamén nesta provincia cando o retiraran da secretaría xeral" e por iso, mantén, a campaña interna coa que o actual presidente do Goberno de España recuperou o liderado do PSOE será modelo para a súa. "O noso obxectivo é continuar a senda de crecemento electoral que iniciamos coa chegada de Gonzalo Caballero á secretaría xeral" e "integrar" en torno a un "proxecto de esquerdas, feminista e a carón da militancia de base".