As chamadas á unidade marcan o inicio do congreso do PSdeG no que Formoso asume o mando

Formoso, cos ex-presidentes Laxe e Touriño e o secretario de organización do PSOE, Santos Cerdán, no inicio do XIV Congreso Nacional do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

"Non brindar as diferenzas internas" aos opoñentes políticos" e deixar de lado a pugna interna, sen "forzar as discrepancias" para "buscar o que nos une" e así "aspirar a gobernar en Galicia". Valentín González Formoso dirixiuse este 7 de decembro de 2021 por primeira vez a un Congreso Nacional do PSdeG como secretario xeral electo do partido e fíxoo evidenciando o seu primeiro reto, suturar as fendas que persisten tras as primarias nas que, o pasado outubro, logrou o triunfo con case o 60% dos votos.

Na véspera da elección dunha Executiva Nacional na que a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, se perfila como 'número dous', Formoso pide "non forzar as discrepancias" e "buscar o que nos une" para así poder "aspirar a gobernar Galicia"

No que a efectos prácticos é o derradeiro día da dirección que encabezou Gonzalo Caballero, Formoso subliña que "as políticas non as fan os estatutos nin os regulamentos, senón as persoas" e é nese plano, o persoal, "no que me entendo ben" co "compañeiro Gonzalo". O novo líder socialista abordaba así ante o plenario do XIV Congreso a tensión que aínda persiste co secretario xeral saínte, a composición dunha nova Executiva Nacional na que se perfila como número dous Lara Méndez, alcaldesa de Lugo, ocupando a vicesecretaría xeral. 

Advirte Formoso de que os socialistas "non podemos brindar as nosas diferenzas a un Feijóo que escolleu non ser o presidente dos galegos e galegas", senón que optou "polo papel de ser líder da oposición ao Goberno do Estado no peor momento", a pandemia. Tampouco "podemos brindalas ao nacionalismo que se deita de noite sendo amable e se ergue proclamando a república independente de Galicia", dixo en referencia ao BNG. Porque no PSdeG "non sobra ninguén". 

Formoso diríxese ao plenario do XIV Congreso Nacional do PSdeG, este 7 de decembro en Santiago CC-BY-NC-SA PSdeG

Caballero sinala atrancos para presentar unha lista alternativa

Minutos antes, o secretario de organización do PSOE, Santos Cerdán, deixara unha mensaxe na mesma clave: os socialistas "aceptamos os resultados" dos procesos internos "e poñémonos á disposición de quen gañou, onde nos toque", advertiu. Caballero e dirixentes próximos, pola súa banda, aseguran que a nova dirección non propicia a unidade porque por exemplo, acusan, dificultan a presentación dunha lista alternativa para a Executiva. O secretario xeral saínte dirixiu este reproche á presidencia do Congreso, que encabeza o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo.

A unidade, proclamou Formoso, é a mellor vía para volver achegar o PSdeG á "altísima responsabilidade de gobernar Galicia", obxectivo estratéxico do seu mandato, porque "non me vou conformar" con asumir que "Galicia é un territorio do PP". "Como vai ser do PP o territorio que deu o seu apoio" ás candidaturas socialistas "para gobernar o 60%" do territorio, preguntouse en referencia ás alcaldías e presidencias de Deputación que ostenta o partido. "Galicia non é de ninguén, é de quen a atenda, a entenda e a defenda".

"Aposta socialdemócrata para Galicia e dende Galicia"

O ex-presidente Touriño aconsella impulsar un PSdeG "non subalterno nin dependente de ninguén" e brinda a súa "lealdade" ao novo líder ante un plenario que brindou unha pechada ovación a Besteiro, con quen Formoso evidenciou a súa proximidade

González Formoso bosquexaba así a súa "aposta socialdemócrata para Galicia e dende Galicia" e recollía, en certo xeito, a luva que lanzara minutos antes dende a tribuna o ex-presidente Emilio Pérez Touriño. Un PSdeG "non subalterno nin dependente de ninguén", que "só se deba aos galegos e ás galegas", "con voz propia" e "vocación de maioría" é o que poderá volver achegarse "á responsabilidade de gobernar este país". "Sempre Galicia, sempre pensando neste país", proclamou o ex-presidente, que antes brindara a súa "lealdade" a Formoso e lembrara que foi en tempos de "unidade e cohesión" cando a formación "foi quen de presidir a Xunta".

Touriño levou do plenario unha pechada ovación, o mesmo que tamén logrou outro ex-secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro. Besteiro recibiu o apoio da concorrencia dende o seu asento na primeira ringleira do plenario. Practicamente liberado xa das causas xudiciais que provocaron a súa saída da primeira liña política, o propio Formoso evidenciou dende o atril a proximidade política e persoal entre ambos: "É unha marabilla poder volver ver a José Ramón Gómez Besteiro en público", congratulouse o novo secretario xeral.

Formoso, flanqueado polos dous ex-presidentes socialistas, no inicio do Congreso Nacional do PSdeG, este 7 de decembro en Santiago CC-BY-NC-SA PSdeG

Formoso abría así un congreso que, alén da súa propia ratificación como secretario xeral e da elección da nova Executiva Nacional, aborda tamén un relatorio político que aposta por acentuar o perfil galeguista como "partido ao servizo do noso país". "Esquerda, socialdemocracia, galeguismo e feminismo", din os textos, deben son os "parámetros ideolóxicos" a seguir nun momento no que a "esquerda política non pode permanecer no conservadurismo nin comportarse de forma meramente reactiva". "Non cabe a resignación", agregan, porque "a construción nacional de Galicia formúlase en base ao talento e ás capacidades do noso pobo".

O relatorio político do congreso fixa "esquerda, socialdemocracia, galeguismo e feminismo" como "parámetros ideolóxicos" dun PSdeG centrado "na defensa de Galicia, dos nosos intereses como territorio, pobo e nación dentro da España plural"

Segundo o relatorio político a debate, o PSdeG asume neste congreso "o reto de impulsar un proxecto político para Galicia autónomo centrado en defender os intereses dos galegos e galegas" por "riba de calquera outro", dende a "defensa de Galicia, dos nosos intereses como territorio, como pobo e nación dentro da España plural e diversa". "Somos galeguistas e como tales, non podemos deixar o espazo do compromiso co país nas mans doutras formacións políticas" que tenten "patrimonializalo", indican.

As políticas en clave feminista, a "modernización económica de Galicia", a "cohesión social" ou a política territorial conforman outras das áreas de debate dun congreso nacional do que, di o PSdeG, debe saír "un modelo de partido" concibido como "ferramenta útil ao servizo do pobo galego". "As fortalezas institucionais e a implantación territorial do PSdeG contrastan coa febleza da estrutura galega do partido" e a "ausencia de planificación estratéxica".

 "É imprescindible cambiar o paso", "reiniciar o PSdeG"  para "ser unha organización forte a nivel galego" e así, advirten, "recuperar a confianza cidadá e as opcións de gobernar". O presidente do Goberno de España e secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, clausura este mércores o Congreso Nacional do PSdeG.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.