A dirección federal do PSOE destituíu este luns o comité organizador do vindeiro Congreso Nacional do PSdeG designado por Gonzalo Caballero para nomear unha nova comisión proposta polo novo secretario xeral, Valentín González Formoso.
Foi nunha resolución asinada con data deste luns polo secretario de Organización do PSOE, Santos Cerdán, na que a Comisión Executiva Federal recorda que Formoso foi proclamado novo secretario xeral dos socialistas galegos pola Comisión Nacional de Ética da formación o pasado 5 de novembro, data na que propuxo a creación desta comisión, tal e como permiten os estatutos.
Fontes socialistas aclaran que a "decisión fulminante" de destitución chegou tras comprobar que había traballos "sen atender" de cara ao congreso
O novo órgano estará composto polo alcalde de Vilagarcía e presidente da Fegamp, Alberto Varela; presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o alcalde de Ames, Blas García; o administrador-xerente do partido, Luís Ángel Lago Lage; o rexedor de Valdoviño, Alberto González; a edil pontesa, Ana Pena; e a ex-xefa de gabinete na presidencia da Xunta, Teresa Facal; e a deputada e secretaria provincial do PSOE de Lugo, Patricia Otero.
Segundo fontes socialistas, esta nova comisión organizadora será a encargada da "xestión ordinaria" do PSdeG ata a celebración do Congreso, pero tamén da dirección dos recursos humanos do grupo parlamentario e do PSdeG, así como da comunicación e das redes sociais. Ademais, aclaran que esta resolución da dirección federal serve para que non quede "dúbida ningunha" de que a executiva galega que lideraba Gonzalo Caballero "deixou de ter competencias".
Pero antes, a nova comisión ten o obxectivo de preparar "en tempo récord" un Congreso que, segundo as mesmas fontes, "está en cueiros", unha situación que levou a dirección federal a adoptar unha "decisión fuliminante".
Entre os motivos que aceleraron a decisión foi detectar que os traballos do proceso congresual "estaban sen atenderse" tras comprobar, por exemplo, que non se redactara aínda a ponencia-marco co Congreso nin se iniciaran os traballos de redacción malia que o día 10 deste mes era o elixido para que o documento fose enviado ás agrupacións municipais.
Tamén se encargará a nova comisión organizadora de coordinar as comisións executivas provinciais para planificar a convocatoria de cadanseus procesos congresuais que serán convocados tras o Congreso Nacional. Coa resolución de Ferraz, estes conclaves quedarán todos para finais de xaneiro --en contra dalgunhas intencións previas-- para, xa en febreiro ou marzo, abordaren os socialistas galegos a renovación das súas estruturas municipais.
"Restar e purgar en vez de sumar"
Poucas horas despois de se coñecer a decisión da dirección federal, o secretario de Acción Electoral do PSdeG, Martin Seco, membro da dirección galega en funcións do partido, reprobou “a falta de aposta pola integración” de Valentín González Formoso, cuestionando así a “nula veracidade” do discurso de integración co que se presentou ás primarias o secretario xeral electo. "Opta por restar e purgar en vez de por sumar", dixo. O equipo de Caballero mantén, ademais, que os traballos do relatorio-marco do Congreso si que avanzaran segundo o previsto.