En Marea saíu á carreira electoral do 25S ás présas, cun proceso de elección de candidaturas accidentado e serodio que culminou ás portas da propia campaña. Neste contexto, o partido instrumental acabado de nacer elixiu para optar á Presidencia ao ex-maxistrado Luís Villares, a quen lle correspondeu, como debutante en política activa, enfrontarse ás expectativas que sinalaban a formación como posible líder dunha eventual mudanza de goberno. Esas aspiracións bateron este 25 de setembro cunha realidade máis agre que doce: En Marea estréase como tal para liderar a oposición en votos, mais non en escanos, e na súa primeira intervención pública tras coñecer os resultados Villares reivindicou esa condición cunha mensaxe en clave interna, de continuidade dunha organización que debe, di, "prepararse para 2020".
En Marea mellora os resultados do espazo político do que a organización é herdeira, AGE, á que supera en case 70.000 votos, pero queda notablemente por tras dos sufraxios logrados pola formación cando concorreu como coalición ás xerais de xuño e de decembro do pasado ano. "A cidadanía colocounos como primeira forza da oposición, como segunda forza do Parlamento", constatou Villares, e dende esa condición, afirma, deben procurar "articular o espazo da maioría social, de soñar un mundo máis xusto". "A partir de agora, iniciamos un camiño", agrega.
Luís Villares: "Viñemos para quedar, para construír un proxecto que vai para longo"
Mentres paira sobre En Marea interrogantes como a complexa articulación do seu grupo parlamentario, dos máis reducidos para a primeira forza da oposición na historia da autonomía, o candidato márcase o reto de "articular as maiorías sociais para o futuro". O novo partido, afirma, "naceu para quedar". "Viñemos para quedar, para construír, dende hoxe e para sempre, é un proxecto que vai para longo", agregou en compaña dos alcaldes de Santiago e da Coruña, de Xosé Manuel Beiras e de quen serán membros do seu grupo parlamentario.
Aínda que o segundo posto de En Marea en canto a sufraxios é definitivo, a paridade en escanos co PSdeG prodúcese por unha marxe moi estreita. Os socialistas ficaron a apenas un cento de votos de sumar un escano máis por Ourense, o terceiro nesa circunscrición. No improbable escenario de que os de Xoaquín Fernández Leiceaga lograsen eses sufraxios no voto da emigración, daríase a circunstancia de que En Marea se mantería como segunda forza máis votada, pero como terceira en representación na Cámara da décima lexislatura autonómica.