Se te achegas escoitar o Fálase, o podcast informativo de Praza.gal, é, posiblemente, porque les de cando en vez este xornal e porque che interesa a actualidade. E tamén é probable, daquela, que estes días esteas a comprobar como abondan as crónicas, as análises e os debates que translocen sorpresa por algunhas das afirmacións, dos tons ou das acusacións que lanza Alberto Núñez Feijóo nos seus mitins da campaña interna do PP, na que el é o único candidato e que vai finalizar coa súa elección como novo presidente do partido en substitución de Pablo Casado.
A quen leve algún tempo seguindo a actividade política do aínda presidente da Xunta, as afirmacións destes días resúltanlle un tanto máis familiares e téñenlle un aquel de viaxe no tempo, porque están inzadas de ecos da campaña electoral galega de 2009. Foi a primeira con Feijóo como candidato á presidencia da Xunta polo PP, na que conseguiu, tamén á primeira, desbancar o goberno de coalición de PSdeG e BNG.
Aquela fora unha carreira electoral moi dura, na que as acusacións no ámbito estritamente político ou as críticas á xestión do Goberno que encabezaban Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana convivían na estratexia do PP con insinuacións sobre a vida persoal de ambos líderes socialista e nacionalista. Todo, nunha campaña na que chegaran a circular anónimos, fotos de orixe descoñecida, e na que houbera boicots á propaganda electoral dos que eran socios de Goberno.
Neste novo episodio do Fálase, conducido por David Lombao, lembramos brevemente aquela campaña e, sobre todo, tiramos fíos entre aquel Feijóo de hai trece anos e o actual. Para facermos ese particular regreso ao futuro acompáñanos David Reinero, xornalista de Praza.gal que segue habitualmente a información da presidencia da Xunta e do PP.
Do que se fala en VINTE
No Fálase tamén nos gusta tamén falar do que se fala en VINTE da man da súa directora, María Yáñez. Do que se fala, do que se ve e do que se escoita, a comezar pola música que nos chegou dende Portugal, dende o Festival da Canção. E a seguir con dous descubrimentos: o primeiro sinxelo do novo traballo dos coruñeses Moura, e outro primeiro sinxelo, Planeador, co que Jëan Fixx foi á periferia da cidade da Coruña e a converteu nunha pista de baile un tanto distópica.
Da música pasamos ás letras e ao mundo gráfico porque, esta mesma semana, en VINTE puidemos descubrir como fixo o ilustrador Iván R. para ilustrar en apenas un mes o libro gañador do último Premio Merlín, O neno de lume, de Ledicia Costas. Ademais, achegámonos a Rompente, a curta de Eloy Domínguez Serén que se estrea no Festival de Málaga, ao novo episodio do Café Derby 21, con Guadi Galego, e a unha primicia que está por vir.
Todos os episodios de Fálase chegan primeiro ás socias e socios de Praza.gal e, a continuación, están dispoñibles para o resto da audiencia. Poderás escoitalos tanto en Praza.gal como en Ivoox, en Google Podcast, Apple Podcast e mais en Podgalego.