Liberdade, menos impostos e caricaturas do rival: frases e fotos de Feijóo na primeira campaña das próximas eleccións xerais

Mitin da campaña interna de Feijóo en Valladolid © PP

Das Fallas de Valencia ao desexo de vivir en Madrid ou a acusación a Sánchez de “forrarse” con impostos, a xira de presentación do popular ante os seus virou en mitins que anticipan unha longa campaña electoral

“Non veño aquí a insultar a Pedro Sánchez, veño a gañar a Pedro Sánchez”. Con esa frase convertía Alberto Núñez Feijóo o acto no que o pasado 2 de marzo anunciou en Santiago a súa aspiración a presidir o PP estatal, algo interno, nunha cuestión externa, no primeiro mitin das próximas eleccións xerais. Unha viraxe que se confirmaría na xira de actos de defensa da súa candidatura por todas as comunidades autónomas, mitins na forma e no discurso que deixaron imaxes e frases que preludian o que será a súa loita pola presidencia do Goberno de España con Pedro Sánchez cando este decida convocar eleccións, non máis tarde do límite legal de finais de 2023.

Feijóo iniciou esta particular campaña contra si só asegurando que non insultaría a Sánchez, pero nos seus sucesivos mitins recorreu á caricatura do presidente e de todo o Goberno de España como recurso retórico para confrontalo consigo mesmo como suposto home de Estado. Nunha xira na que priorizou eses actos de masas e as entrevistas con xornais, radios e televisións de ámbito estatal fronte a unha axenda oficial da Xunta máis reducida, Feijóo presentou o Executivo central como un conxunto de “tertulianos”, un goberno “mediocre”, "déspota", “irresponsable” e “autista” incapaz de actuar fronte ao que se amosa disposto, el si, a tomar decisións polo ben de España.

Feijóo, nunha 'mascletà' das fallas de Valencia nunha imaxe divulgada polo seu equipo do PP no inicio da súa xira de mitins CC-BY-SA PPdeG

Tras aquel primeiro acto de Santiago do 2 de marzo no que anunciou a súa aspiración á presidencia do PP e o seu desexo de deixar a presidencia da Xunta en diferido, a campaña interna iniciouna Feijóo o día 11 en Valencia, coa súa presenza nas festas das Fallas. No acto que alí celebrou asegurou que “Valencia é a comunidade peor financiada por unha decisión do PSOE”, discurso que confronta coa súa postura como presidente da Xunta de que o novo sistema de financiamento autonómico debe primar máis ás comunidades con menos poboación e máis dispersa. A valenciana, de feito, non é das comunidades que fixo lobby con Galicia.

Feijóo iniciou a campaña asegurando que non quería insultar a Sánchez senón gañarlle, e nos actos seguintes cualificouno a el e ao seu Goberno de “tertulianos”, “mediocre”, "déspota", “irresponsable” ou “autista”

Ese mesmo día 11 Murcia foi a segunda parada da súa campaña interna. Alí puxo como exemplo de “política frívola” o intento de moción de censura contra o goberno rexional liderado polo PP que impulsaron hai un ano PSOE e Ciudadanos e que fracasou polo transfuguismo de varios deputados desta última formación. Poucos meses antes, en Galicia, Viana do Bolo ou Castrelo de Miño vían como o PP gañaba novamente mocións de censura grazas ao apoio de edís tránsfugas doutras formacións.

A campaña de Feijóo continuou o día 12 en Tenerife, aproveitando a súa viaxe institucional á illa da Palma pola conferencia de presidentes alí organizada por Sánchez. No acto de partido, nun complexo de ocio, Feijóo deixou unha frase que amosa o contexto de suposta agresividade dunha campaña que el mesmo iniciou. Motivado supostamente polas críticas que recibiu pola súa xustificación do pacto de PP e Vox en Castela e León, o popular lanzou unha peculiar petición: “Xa non pido que me deixen de insultar, senón que o fagan ao seu debido tempo”

Feijóo no mitin de Canarias © PP de Canarias

Un día despois, o 13, na conferencia de presidentes, nunha intervención na que diversos medios dubidaron se estaba a falar como titular da Xunta ou como líder do PP, Feijóo defendeu a proposta da súa compañeira madrileña Isabel Díaz Ayuso de recortar fondos a prestacións de maternidade ou escolas infantís porque o Goberno central os englobara como políticas de igualdade. “Para nós a prioridade é a xente”, dixo.

Ao día seguinte, o 14, en Barcelona, Feijóo incidía na súa reclamación da xornada anterior dunha baixada xeral de impostos e en particular dos que gravan os combustibles e a enerxía acusando ao Goberno de Sánchez de “forrarse” con eles. Uns impostos que suporán para a Xunta este ano unha estimación duns 2.400 millóns de euros, tanto como o que dedica a Educación.

A frase do día 15 que acaparou a atención en Galicia da xira de Feijóo pronunciouna en Madrid. Alí, ao lado de Ayuso, cualificou a cidade como “acolledora”, “aberta”, “próspera” e que “ama a liberdade”. “E por iso quero volver a vivir a Madrid”, engadiu como conclusión o aínda presidente da Xunta.

Pero ese mesmo día 15, en Toledo, Feijóo reivindicou o PP como “o partido que vertebra España e o que seguirá ofrecendo unha visión global do noso país”. Unha identificación entre o PP e España similar á asimilación entre PPdeG, Xunta e Galicia que empregou nas pasadas eleccións galegas. Pola contra, o popular rebaixa o PSOE á consideración de “partido sanchista”, malia que a súa representación si é máis uniforme no conxunto do Estado, especialmente en Euskadi e Catalunya, onde os populares obtiveron nas últimas eleccións autonómicas menos do 8% e do 4% dos votos respectivamente.

O aínda presidente da Xunta dixo en Madrid que quere volver a vivir nesa cidade e presentouse en Santiago como un español que non pode "chegar a fin de mes"

O día 16 o acto de campaña de Feijóo tivo lugar en Santiago, onde preguntou a Sánchez, a conta a anunciada pero aínda non concretada rebaixa de impostos, “por que se empeña en esperar a fin de mes se os españois non podemos chegar a fin de mes”, identificándose a si mesmo coa poboación que pasa apuros económicos.

Entre o mitin de Compostela da tarde do día 16 e os seguintes actos da tarde do día 17 en Asturias e Cantabria o aínda presidente da Xunta tería oco para celebrar a reunión semanal do Consello da Xunta. Elixiu Lugo, de camiño a Asturias, e na súa rolda de prensa quixo saír en defensa dun compañeiro de partido, o conselleiro de Saúde de Andalucía, que dicía preferir falar de violencia intrafamiliar en xeral que de violencia de xénero. O que acabou facendo Feijóo foi lembrar o caso, que non identificou, dun home que en Galicia matara os fillos “por un problema coa parella”. “Iso non é violencia machista, iso é violencia intrafamiliar”, dixo, empregando o argumentario habitual de Vox. Unhas declaracións que, ante o balbordo que provocaron, matizou unhas horas despois pero sen rectificalas.

O día 19 Feijóo estivo en Valladolid e Torremolinos. Na primeira cidade deixaría outra das frases significativas desta a súa campaña en solitario, ao dicir que non cría en persoas superiores ás demais pero tampouco "que aos que teñen máis se lles deba sinalar na rúa por traballar máis", identificando así patrimonio ou capital con esforzo persoal e obviando as herdanzas e outros privilexios.

O día 20 Feijóo desembarcou en Mérida, onde asegurou que “Estremadura non precisa un partido nacionalista ou rexionalista, senón financiamento, servizos públicos, cohesión, infraestruturas e, sobre todo, respecto”, unha sucesión de argumentos similares ás que adoitan formular os partidos nacionalistas ou rexionalistas.

Feijóo en Mérida © PP

E o día 21, xa de novo como presidente da Xunta e de volta en Galicia, aínda tería tempo de cualificar como "autista" ao Goberno de España pola súa suposta falta de reacción ante os problemas. Como ocorreu coas súas verbas sobre a violencia machista, non tardaron en chegarlle as críticas de diversos colectivos como Autismo España.

Un día máis tarde, o 22, era o Parlamento de Galicia o lugar elixido por Feijóo para culminar a campaña contra Sánchez e o seu Goberno cunha comparecencia imprevista na que lle ditou un decálogo de medidas e o presentou como alleo ao sufrimento da cidadanía. “En España non hai política de Estado neste momento, hai políticas de Goberno”, dixo, para presentar a situación actual como de "caos". El, pola contra, é un "gobernante responsable". Só pasaran 20 días desde que anunciara que agora si quere marchar a Madrid.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.