Feijóo manifesta o seu desexo de "volver vivir a Madrid" porque "non cambiou" dende a súa etapa como alto cargo do Goberno de Aznar. "É unha cidade acolledora, aberta, un lugar próspero que ama a liberdade; por iso quero volver vivir a Madrid", proclamou o aínda presidente da Xunta nun mitin da campaña interna como candidato único ao liderado do PP onde recibiu o aval da presidenta da Comunidad de Madrid, Isabel Díaz Ayuso.
Fálase
O capitán do Villa de Pitanxo revela que seis dos tripulantes morreron a bordo dunha das balsas salvavidas. Juan Padín aborda as circunstancias do accidente nunha entrevista co Faro de Vigo, a primeira que concede tras o naufraxio. Este venres, 18 de marzo, celebrarase en Marín un funeral polos 21 falecidos, no Templo Novo e oficiado polo arcebispo de Santiago, Julián Barrio.
Feijóo defende nun acto da campaña interna polo liderado do PP que "o Goberno [de España] se está forrando co incremento dos prezos da luz e da gasolina". As declaracións do aínda presidente da Xunta, que recolle a SER, refírense a recadación do Estado por impostos coma os que gravan os hidrocarburos, a electricidade ou o IVE. Parte desta recadación financia servizos públicos que presta o Goberno de España e outra parte, servizos públicos da Xunta, que xestiona o 50% do IVE, o 58% do imposto de hidrocarburos e o 100% do imposto da electricidade.
A Xunta fai oficial a creación de cinco prazas de persoal de apoio á súa nova delegada en Ferrol, que custarán 220.000 euros ao ano e serán de libre designación. O Goberno galego publica no DOG a relación de postos de traballo, avanzada por Praza.gal.
Morre nun accidente náutico en Florida Juan Carlos Escotet Alviárez, fillo do presidente de Abanca. O falecemento foi comunicado pola Organización Nacional de Salvamento e Seguridade Marítima dos Espazos Acuáticos de Venezuela, coa que colabora a familia. Tiña responsabilidades directivas na rama internacional de Banesco e na filial dos Estados Unidos.
Felipe VI e Pedro Sánchez presidiron na tarde deste sábado na Palma unha homenaxe á cidadanía da illa afectada polo volcán na que participan os presidentes autonómicos, entre eles Feijóo. Este domingo reuniranse alí nunha nova Conferencia de Presidentes. Feijóo aproveitou a viaxe para facer campaña interna cara á presidencia do PP estatal cun acto na mañá do sábado en Tenerife.
Gabriel Boric toma posesión como novo presidente de Chile. Boric, que concorreu ás eleccións encabezando a alianza de esquerdas Apruebo Dignidad, venceu na segunda volta dos comicios ao aspirante da extrema dereita e chega á presidencia unha década despois de ser un dos líderes estudantís que impulsou as protestas sociais para reclamar mellores condicións de vida e avances democráticos. Á súa toma de posesión acudiu unha delegación do Goberno de España encabezada pola vicepresidenta Yolanda Díaz e tamén a voceira do BNG ante as institucións europeas, Ana Miranda.
Persoal de residencias e centros de día privados da terceira idade maniféstanse en Vigo "para reclamar un convenio colectivo digno que remate coa precariedade laboral no sector". A mobilización, convocada por CIG, CCOO e UGT, prodúcese en vésperas do inicio da folga indefinida, que finalmente comezará o día 17 deste mes. [Imaxe: CIG]
O ‘número 2’ do PPdeG fai responsable a Casado de que Mañueco tivese liberdade para pactar con Vox en Castela e León e lembra que Feijóo aínda non é presidente do PP. Tras as críticas que está recibindo Feijóo polo pacto, que el mesmo xustifica como “lexítimo”, Miguel Tellado lembra agora que tras as eleccións do pasado a dirección estatal de Casado autorizou a Mañueco a negociar o goberno tras as eleccións do pasado 13 de febreiro e que Feijóo aínda non é o presidente do PP senón que "o presidente do PP chámase Pablo Casado".
Os letrados da Administración de Xustiza destinados nos xulgados de instrución da Coruña súmanse á reclamación dos xuíces á Xunta para que mellore o servizo. Reclaman que o Goberno galego facilite os medios para implantar gardas rotatorias de 24 horas. Na imaxe, da Xunta, a inauguración da nova sede xudicial da Coruña hai cinco anos.