Gabriel Boric toma posesión como novo presidente de Chile. Boric, que concorreu ás eleccións encabezando a alianza de esquerdas Apruebo Dignidad, venceu na segunda volta dos comicios ao aspirante da extrema dereita e chega á presidencia unha década despois de ser un dos líderes estudantís que impulsou as protestas sociais para reclamar mellores condicións de vida e avances democráticos. Á súa toma de posesión acudiu unha delegación do Goberno de España encabezada pola vicepresidenta Yolanda Díaz e tamén a voceira do BNG ante as institucións europeas, Ana Miranda.
Fálase
Persoal de residencias e centros de día privados da terceira idade maniféstanse en Vigo "para reclamar un convenio colectivo digno que remate coa precariedade laboral no sector". A mobilización, convocada por CIG, CCOO e UGT, prodúcese en vésperas do inicio da folga indefinida, que finalmente comezará o día 17 deste mes. [Imaxe: CIG]
O ‘número 2’ do PPdeG fai responsable a Casado de que Mañueco tivese liberdade para pactar con Vox en Castela e León e lembra que Feijóo aínda non é presidente do PP. Tras as críticas que está recibindo Feijóo polo pacto, que el mesmo xustifica como “lexítimo”, Miguel Tellado lembra agora que tras as eleccións do pasado a dirección estatal de Casado autorizou a Mañueco a negociar o goberno tras as eleccións do pasado 13 de febreiro e que Feijóo aínda non é o presidente do PP senón que "o presidente do PP chámase Pablo Casado".
Os letrados da Administración de Xustiza destinados nos xulgados de instrución da Coruña súmanse á reclamación dos xuíces á Xunta para que mellore o servizo. Reclaman que o Goberno galego facilite os medios para implantar gardas rotatorias de 24 horas. Na imaxe, da Xunta, a inauguración da nova sede xudicial da Coruña hai cinco anos.
O TSXG autoriza a Xunta a prorrogar ata o 26 de marzo a esixencia do certificado COVID (de vacinación, recuperación ou proba negativa) para visitas e acompañamentos en hospitais e residencias da terceira idade. O Tribunal considera que a medida "protexe persoas especialmente vulnerables" nun contexto no que a COVID, malia á tendencia "decrecente", aínda ocupa "significativos recursos do sistema público de saúde".
Morre aos 78 anos Magín Froiz, fundador da cadea de supermercados Froiz. O Concello de Poio fixo públicas as súas condolencias traslada "á familia, amizades e achegados e achegadas de quen foi un dos grandes embaixadores" da vila, indica. Pontevedra Viva traza o perfil do empresario [Imaxe: Concello de Poio]
O PP pecha un pacto con Vox para gobernar en Castilla y León. O acordo chega menos de vinte e catro horas despois de que Feijóo formalizase a candidatura a presidir o seu partido como remuda de Pablo Casado. Foi confirmado polo presidente en funcións desa comunidade autónoma, Alfonso Fernández Mañueco, que con este bipartito coa formación de extrema dereita garante a súa continuidade no cargo. Na imaxe, Feijóo e Mañueco nun acto da campaña electoral castelá e leonesa.
- AMPLIAMOS 👉 Feijóo culpa o PSOE do bipartito de PP e Vox en Castela e León e pide non recibir críticas preventivas como en 2009
- HEMEROTECA | O PP logra seguir no goberno do seu feudo de Castela e León, agora nas mans da extrema dereita
- HEMEROTECA (2019) | Feijóo considera o pacto con Vox “homologable a calquera goberno europeo”
Coincidindo do 50 aniversario das protestas dos traballadores de Ferrol, vén de publicarse o trailer do filme '10 de marzo', que afonda nos feitos que deron orixe ao Día da Clase Obreira Galega. A longametraxe, dirixida por Roi Cagiao, chegará ás salas de cinema nos últimos meses deste ano
Feijóo rexistra na sede central do PP en Madrid a súa candidatura a presidir o partido en substitución de Pablo Casado e di ofrecer "moderación e serenidade". [Imaxe: PP]
A Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo manifesta que unha parte “importante” da frota pesqueira da área viguesa, incluída a do cerco, vese obrigada “a paralizar a súa actividade e permanecer no porto debido ao incremento incesante do gasóleo”. Así, trasladan ao Goberno de España a “necesidade, imperiosa e urxente, de que se proceda á activación das axudas de 'minimis”, cuxa cuantía xa foi incrementada pola situación derivada da COVID. Con todo, aseguran que estas medidas “non serán suficientes”. [Imaxe: CEPESCA]