Maxistrados de instrución dos dous partidos xudiciais salientan que son os únicos de todo o Estado que seguen con quendas de gardas semanais e non diarias malia estar avaladas desde hai tres anos e buscar unha mellor “tutela dos dereitos fundamentais”
As xuntas sectoriais de xuíces de instrución da Coruña e Vigo aprobaron por unanimidade que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) inste á Xunta a facer efectiva “de maneira inmediata” a dotación orzamentaria necesaria para a implantación dun novo sistema de gardas de 24 horas en ambos partidos xudiciais, que aseguran que son os únicos do Estado que, coas súas características, carecen dese sistema de quenda rotatoria e seguen aínda no sistema previo de gardas semanais.
As críticas da xudicatura contra a xestión da administración de xustiza que fai a Xunta chegan despois de que o Goberno galego veña priorizando investimentos materiais en obras de mellora das sedes xudiciais.
Os xuíces de instrución da Coruña e Vigo salientan que a iniciativa conta, na actualidade, “co apoio unánime de todos os colectivos implicados na Administración de Xustiza”, así como con dotación económica do Ministerio de Xustiza, pois destacan que está incluída nos Orzamentos Xerais do Estado para 2022. Ademais, inciden en que a súa implementación é “indispensable para superar as disfuncións do sistema actual e procurar a prestación dun servizo público áxil, moderno, eficaz e respectuoso coa tutela dos dereitos fundamentais e as garantías procesuais”.
En Vigo e na Coruña a Xunta vén priorizando a realización de investimentos materiais na construción de novas sedes xudiciais
A Sala de Goberno do TSXG xa cursou en 2019 a solicitude do cambio do sistema ao Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) tras dar o visto e prace á proposta dos xuíces de instrución da Coruña e Vigo, que avogan por modificar as gardas semanais actuais por quendas rotatorias diarias de 24 horas. En abril do ano pasado o CXPX emitiu un informe favorable á implantación da medida, aínda que advertía que o cambio estaba condicionado a que a Xunta e o Ministerio de Xustiza asumisen o seu custo económico. O sistema, segundo indicaba o CXPX, melloraría o servizo que se ofrece á cidadanía.
A crítica dos xuíces chega despois de que nos últimos anos a Xunta viñese priorizando a realización de importantes investimentos materiais na construción de novas sedes na antiga fábrica de tabacos da Coruña, cun investimento de 16 millóns de euros, e o antigo hospital xeral de Vigo, con máis de 40 millóns de euros tras dispararse o seu custo previsto inicialmente.