A Xustiza critica a “imposición política” dos xuíces de paz en Galicia

Entrada dos Xulgados de Santiago CC-BY-SA Praza Pública

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de lanzar unha crítica contra a “imposición política” dos xuíces de paz, persoas que non teñen por que dispor de estudos de dereito pero que se encargan de trámites xudiciais menores nos pobos máis pequenos e cuxo traballo repercute na axilidade da xustiza e a súa proximidade ao cidadán. Elixidos polas corporacións municipais, o alto tribunal galego critica que estas os seleccionan baixo o seu “libre albedrío” e obvian os principios de igualdade, mérito e capacidade, ademais da condición de “home bo” que deberían cumprir.

O Tribunal Superior de Xustiza censura por primeira vez o seu nomeamento a dedo polos gobernos locais sen respectar o criterio de que sexan “homes bos”

A crítica do TSXG contra a inxerencia política das corporacións municipais na xustiza e o propio sistema de elección dos xuíces de paz aparece recollida este ano por primeira vez na súa memoria anual, que vén de facer pública logo de ser aprobada polo pleno da súa sala de goberno o pasado 15 de xuño. O galego é ademais o único tribunal superior de España que amosa as súas críticas por esa “imposición política” dos xuíces de paz.

Os xuíces de paz, moitos deles leigos, son responsables do Rexistro Civil e de trámites xudiciais menores, como comunicacións, nos concellos que non dispoñen de xulgado de Primeira Instancia e Instrución. En Galicia hai 270 e son máis de 7.000 en toda España, que nos municipios máis pequenos son axudados polo persoal municipal mentres que nos de máis de 7.000 habitantes contan con persoal da propia administración de xustiza, 77 no caso de Galicia. En anos anteriores o TSXG limitábase a apelar na súa memoria anual á necesidade de que os xulgados de paz cumprisen adecuadamente coas funcións de apoio que teñen encomendadas. Pero este ano carga por primeira vez contra a súa forma de elección.

"Óbvianse os principios básicos de igualdade, mérito e capacidade", censura o TSXG

O TSXG pide unha “revisión en profundidade” do regulamento de 1995 que establece que os xuíces de paz son elixidos polas corporacións municipais para un mandato de catro anos. O tribunal superior galego critica que “na súa redacción actual, na que exclusivamente se indica que non deben incorrer en causa algunha de incompatibilidade ou incapacidade e coa única esixencia de ser maiores de idade, óbviase ante a concorrencia competitiva entre diversos candidatos o principio básico de igualdade, mérito e capacidade, sen esquecer a condición de 'home bo' que inspira a figura do xuíz de paz”.

O TSXG di que a elección dos xuíces de paz queda así “ao libre albedrío de corporacións municipais que ou ben declinan a realización dos trámites para a súa designación ou, no seu caso, fano, pero en certos supostos, elixindo a un candidato por imposición política desprezando calquera outro valor, sen que a Sala de Goberno respectiva poida facer outra cousa que ratificar a mesma, pois carece de mecanismos legais, salvo que o elixido incorrese en causa de incapacidade ou incompatibilidade, ou non o fose por maioría absoluta do Pleno”. “Parece evidente que o procedemento debe modificarse, mantendo a non necesidade de ser licenciado en dereito, pero si regulando un mecanismo no que ademais do foro do domicilio, rexan os principios xa sinalados de igualdade, mérito e capacidade”, conclúe o TSXG.

O galego é o único tribunal superior de España que amosa o seu malestar pola "imposición política" dos xuíces de paz

As críticas do TSXG contra a “imposición política” dos xuíces de paz en Galicia supoñen unha novidade na súa memoria deste ano e son únicas en toda España. Nas memorias anuais do resto de tribunais superiores de xustiza as referencias aos xulgados de paz limítanse a pedir melloras no seu funcionamento. En Canarias critícanse as demoras que rexistran, en Cantabria o tribunal superior pide que se agrupen para mellorar o seu traballo, en Valencia censúrase a súa falta de medios materiais e en Navarra pídese que se mellore a súa formación aínda que sigan sendo leigos. O tribunal superior de La Rioja é o que máis se achega ás críticas galegas ao suxerir que o seu mandato pase de catro a seis anos “polas dificultades dos concellos para atopar candidatos idóneos”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.