En torno a 10 millóns de euros calcula a Xunta de Galicia o sobrecusto a día de hoxe das obras para facer realidade a Cidade da Xustiza de Vigo. Segundo explicou o pasado luns o vicepresidente, Alfonso Rueda, o orzamento que se destinará finalmente ás obras ascenderá a algo máis de 40 millóns de euros, isto é, un 33,3% máis que a contía prevista inicialmente.
Rueda anunciou o sobrecusto nunha visita ás obras realizada no límite legal para celebrar inauguracións e actos propagandísticos
O Goberno da Xunta quixo aproveitar o último día no que se permitían actos deste tipo para subir á torre do Xeral e falar do proxecto -aínda que non trouxesen un titular moi positivo- xa que a partir do martes, 6 de marzo, a lei electoral impedía calquera acto propagandístico. Nesta visita participou o número dous do Goberno Galego, o arquitecto autor do proxecto, Alfonso Penela, o delegado da Xunta en Vigo e a portavoz popular no concello, Elena Muñoz. Segundo lamentou o deputado socialista Abel Losada, nin o alcalde nin ningún deputado da cidade foron convidados.
O proxecto de rehabilitación do antigo Hospital Xeral de Vigo foi licitado en novembro de 2017 por un importe total (IVE incluído) de 28,5 millóns de euros e foi adxudicado pouco despois á construtora San José, que rebaixou a 27,2 millóns o orzamento necesario para as obras. A estas cantidades hai que sumar os importes das primeira fase da obra, arredor de tres millóns de euros licitados para os primeiros derrubamentos.
A construtora rebaixara de 28,5 a 27,2 o custo das obras para converter o antigo hospital en sede xudicial; agora o Goberno galego asume que o complexo custará "algo máis de 40 millóns de euros"
Agora o representante do Goberno galego vén de asumir unha importante suba de máis do 30% até “algo máis de 40 millóns de euros”, debido a unha modificación do proxecto que é preciso acometer para garantir a seguridade “tras constatar a existencia de notables deficiencias nas construcións auxiliares que obrigarán a demolelas e construílas de novo”.
Pese ao avultado das cifras, Rueda restou importancia ao sobrecusto, que xa conta co visto e prace do Consello Consultivo e prevé acadar a aprobación do Executivo galego na próxima reunión do Consello da Xunta este xoves, 7 de marzo.
Estas incidencias tamén suporán un atraso de seis meses no prazo de finalización, previsto agora para o verán de 2020. A conversión do antigo Hospital Xeral de Vigo en Cidade da Xustiza agrupará nun mesmo espazo as 35 unidades xudiciais da cidade, con 36.000 metros cadrados de instalacións renovadas.