O pasado 3 de setembro pechabas súas portas o Hospital Xeral de Vigo, completándose o traslado dos seus servizos ao novo Álvaro Cunqueiro e ficando practicamente baleiro e con poucos usos. Veciños e veciñas do barrio no que se ubica o antigo Hospital Xeral, comerciantes da zona, Xunta de Persoal e colectivos en defensa da sanidade pública reclaman que se aproveite esta infraestrutura para dar resposta ás evidentes eivas que en materia sanitaria presenta a área viguesa sen ter que recorrer aos centros privados.
Unha concentración pedirá que se "paralice o desmantelamento e destrución do actual edificio para evitar o deterioro social e económico do barrio" e se manteña o seu "uso sanitario"
Todos estes colectivos convocaron unha concentración, esta tarde ás 20 horas, ante o edificio, para pedir que se "paralice o desmantelamento e destrución do actual edificio para evitar o deterioro social e económico do barrio" e se manteña o seu "uso sanitario", de xeito que que as súas instalacións acollan varios servizos esenciais para os usuarios e usuarias da cidade: Centro de Alta Resolución, Servizo de Urxencias de Atención Primaria, Cirurxía Menor e Cirurxía Minimamente Invasora sen Hospitalización, Unidade de Fecundación in vitro, Unidade de Saúde Mental, Centro de Orientación Familiar, Servizo de Rehabilitación e Centro de Atención Primaria.
O Xeral foi inaugurado en 1955 co nome de Residencia Sanitaria Almirante Vierna. A torre, de 75 metros de altura, é un dos edificios máis altos de Galicia e gañou o nome de Pirulí, podendo verse dende unha gran distancia. É precisamente a torre a parte do Xeral que foi completamente baleirada e ficou sen uso, para ser entregada ao seu propietario, a Tesouraría da Seguridade Social, que decidirá, de acordo co Concello, o seu futuro. No Xeral si está activo o chamado Anexo 2, que funciona como centro de sáude, PAC, centro de orientación familiar e unidade de fecundación in vitro.
A proposta realizada por SOS Sanidade Pública pide a posta en marcha no edificio dun Centro de Alta Resolución que integre a Atención Primaria con Atención de Procesos que requiran hospitalización (asistencia, diagnóstico precoz, e resolución nun acto único) para evitar a saturación do Novo Hospital de Vigo e reducir as listas de espera. Así mesmo, demanda un Bloque de Consultas de Atención Especializada con gabinetes de exploracións diagnósticas e terapéuticas que achegue a atención aos pacientes, sen ter que acudir ao Novo Hospital. E aposta porque o Xeral acolla un Servizo de Urxencias de Atención Primaria que integre os actuais servizos, dotado de laboratorio básico, diagnóstico por imaxe (Radioloxía, Eco, TAC ) e camas de observación con capacidade diagnostica e terapéutica "que desconxestione o servizo de urxencias do Novo Hospital".
SOS Sanidade Pública sinala que os servizos ofrecidos no Xeral poderían "desconxestionar o servizo de urxencias do Novo Hospital"
Propón igualmente que se ofrezan servizos de Cirurxía Menor e Cirurxía Minimamente Invasora que non requira Hospitalización, utilizando o bloque cirúrxico existente. Cres que se podería centralizar no xeral o Servizo de Rehabilitación "actualmente diseminado en varios hospitais, centros de especialidades e centros de saúde". E que tamén se podería crear aquí unha Unidade de Saúde Mental, lembrando o recente pecha dos centros de especialidades de Coia e Dobrada.
Sos Sanidade Pública lembra que "os centros sanitarios crean cidade ao seu redor atraendo servizos, centros comerciais, cafeterías, restaurantes, tendas, etc., pola circulación de persoas que acoden a recibir asistencia ou a acompañar aos seus familiares" e que isto "xera emprego, actividade económica e potencia mellóraa do urbanismo da zona". "Os edificios que perden a súa actividade sofren rapidamente un gran deterioro que se estende ao espazo social e urbano que os rodea", advirte.
A CIG alerta do peche dunha planta do Hospital do Salnés
CIG-Saúde alertou este mércores da posibilidade de que nos vindeiros días volva pechar o terceiro andar de hospitalización do Hospital Comarcal do Salnés, denunciando o prexuízo que isto tería tanto para os usuarios e usuarias coma para os traballadores e traballadoras. Dende a dirección do centro hospitalario comarcal sinálase que non hai ningunha decisión tomada ao respecto.