SOS polo barrio do Hospital Xeral de Vigo

Hospital Xeral de Vigo CC-BY-SA HombreDHojalata

Non é a primeira vez que pasa. Despois que o 31 de decembro de 2011 pechase as súas portas o Hospital Xeral de Lugo, trasladados os seus servizos ao novo Hospital Universitario Lucus Augusti, os establecementos comerciais do barrio da Residencia -que mesmo tomara o seu nome das instalacións sanitarias- sufriron unha inmediata crise, que puxo en cuestión a continuidade de moitos deles. De igual xeito, en Vigo o peche o pasado mes de setembro do Hospital Xeral da cidade está a provocar un "deterioro social e económico" do barrio no que se ubicaba, segundo sinalan veciños, veciñas e comerciantes, que levan meses reclamando que se aproveite a infraestrutura para usos sanitarios.

O obxectivo é dobre: por un lado dar resposta ás evidentes eivas que en materia sanitaria presenta a área viguesa. E, polo outro, contrarrestar a perda de actividade humana e comercial da contorna

O obxectivo é dobre: por un lado dar resposta ás evidentes eivas que en materia sanitaria presenta a área viguesa sen ter que recorrer aos centros privados, como sinala a Xunta de Persoal do hospital e tamén colectivos en defensa da sanidade pública. E, polo outro, contrarrestar a perda de actividade humana e comercial que nos últimos tempos está a vivir a contorna, rúas como Pizarro, Vázquez Varela, Padre Feijoo, Santa Rita, Venezuela, México, Bolivia, Nicaragua e unha parte de Gran Vía.

"Apenas 4 meses despois do traslado dos servizos ao Novo Hospital de Valadares e un importante número de negocios empezan a resentirse perdéndose empregos e actividade económica. As empresas afectadas inclúen tendas, bares, cafeterías, restaurantes, farmacias, empresas relacionadas coa sanidade, farmacias, quioscos de prensa, floristerías, taxistas ou pequenas empresas industriais", sinalan dende estes colectivos, que veñen de levar a cabo un estudo para poñer cifras exactas á crise que está a afectar ao barrio e ao seu tecido comercial.

52 das 66 que seguen abertas están en risco de pechar a curto-medio prazo. Poden perder o seu traballo un total de 167 empregados/as

A enquisa realizada por SOS Sanidade Pública, a Xunta de Persoal da Área Sanitaria a Asociación de Veciños e o Colectivos de comerciantes do Área do Hospital Xeral de Vigo, sinala que dende setembro pecharon no barrio 14 empresas (o 17,5% do total), especialmente bares, cafeterías ou restaurantes. En total, perdéronse 33 empregos e, en xeral, os ingresos dos distintos establecementos reducíronse nun 82%. Ademais, explican que "a totalidade do resto de empresas e comercios sufriron unha importante redución de actividade e é moi probable que moitos acaben pechando a curto prazo". En concreto, afirman que 52 das 66 que seguen abertas están en risco de pechar a curto-medio prazo; delas 32 son tendas e 21 bares, cafeterías, restaurantes e hoteis. Están en risco de perder o seu traballo un total de 167 empregados e empregadas, engaden.

SOS Sanidade Pública sinala que os servizos ofrecidos no Xeral poderían "desconxestionar o servizo de urxencias do Novo Hospital"

As entidades que levaron a cabo este estudo esixen que se "renove a actividade asistencial no edificio", situando nel "os servizos sanitarios que Vigo necesita" e piden que se faga "antes que se deterioren definitivamente os equipos cirúrxicos e diagnósticos, outros equipamentos, locais de consultas e instalacións". SOS Sanidade Pública sinala que os servizos ofrecidos no Xeral poderían "desconxestionar o servizo de urxencias do Novo Hospital".

Subliñan que "as présas políticas da Xunta por inaugurar o Novo Hospital e da Concesionaria privada por empezar a cobrar o canon pola xestión do mesmo, a incapacidade dos xestores do SERGAS para organizar o traslado, a pechadura do edificio do Hospital Xeral (e da maioría dos centros de especialidades) e o abandono do Plan de Recursos previsto pola anterior administración para garantir a asistencia sanitaria integral de toda a poboación, están a deteriorar a atención en toda a área sanitaria". E fan fincapé no paradoxo de que a apertura do Novo Hospital incrementase "as carencias de recursos sanitarios" nunha das áreas de toda Galicia que xa amosaba máis deficiencias na súa sanidade pública.

"As présas políticas da Xunta por inaugurar o Novo Hospital e da Concesionaria privada por empezar a cobrar o canon están a deteriorar a atención en toda a área sanitaria"

SOS Sanidade Pública propón, por exemplo, que no edificio se sitúen "os recursos perdidos polo peche dos Centros de Especialidades de Coia", que acollía as consultas de dermatoloxía, xinecoloxía-obstetricia e hematoloxía-sintrom), e da Dobrada (medicina interna, otorrinolaringoloxía, traumatoloxía, dixestivo, uroloxía, cardioloxía, cirurxía xeral, anestesia, hematoloxía-sintrom). Ou que se instale un Centro de Alta Resolución e un Servizo de Urxencias Extrahospitalario "que acabe coa dispersión de recursos" na área sanitaria viguesa.

Hospital Xeral de Vigo CC-BY-SA HombreDHojalata
Proximidades do hospital, na rúa Padre Feijoo © Google Maps

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.