0 Gardados para despois

Piden aproveitar a infraestrutura do Hospital Xeral de Vigo para usos sanitarios

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena


O pasado 3 de setembro pechabas súas portas o Hospital Xeral de Vigo, completándose o traslado dos seus servizos ao novo Álvaro Cunqueiro e ficando practicamente baleiro e con poucos usos. Veciños e veciñas do barrio no que se ubica o antigo Hospital Xeral, comerciantes da zona, Xunta de Persoal e colectivos en defensa da sanidade pública reclaman que se aproveite esta infraestrutura para dar resposta ás evidentes eivas que en materia sanitaria presenta a área viguesa sen ter que recorrer aos centros privados. 

Unha concentración pedirá que se "paralice o desmantelamento e destrución do actual edificio para evitar o deterioro social e económico do barrio" e se manteña o seu "uso sanitario"

Todos estes colectivos convocaron unha concentración, esta tarde ás 20 horas, ante o edificio, para pedir que se "paralice o desmantelamento e destrución do actual edificio para evitar o deterioro social e económico do barrio" e se manteña o seu "uso sanitario", de xeito que que as súas instalacións acollan varios servizos esenciais para os usuarios e usuarias da cidade: Centro de Alta Resolución, Servizo de Urxencias de Atención Primaria, Cirurxía Menor e Cirurxía Minimamente Invasora sen Hospitalización, Unidade de Fecundación in vitro, Unidade de Saúde Mental, Centro de Orientación Familiar, Servizo de Rehabilitación e Centro de Atención Primaria.

O Xeral foi inaugurado en 1955 co nome de Residencia Sanitaria Almirante Vierna. A torre, de 75 metros de altura, é un dos edificios máis altos de Galicia e gañou o nome de Pirulí, podendo verse dende unha gran distancia. É precisamente a torre a parte do Xeral que foi completamente baleirada e ficou sen uso, para ser entregada ao seu propietario, a Tesouraría da Seguridade Social, que decidirá, de acordo co Concello, o seu futuro. No Xeral si está activo o chamado Anexo 2, que funciona como centro de sáude, PAC, centro de orientación familiar e unidade de fecundación in vitro.

A proposta realizada por SOS Sanidade Pública pide a posta en marcha no edificio dun Centro de Alta Resolución que integre a Atención Primaria con Atención de Procesos que requiran hospitalización (asistencia, diagnóstico precoz, e resolución nun acto único) para evitar a saturación do Novo Hospital de Vigo e reducir as listas de espera. Así mesmo, demanda un Bloque de Consultas de Atención Especializada con gabinetes de exploracións diagnósticas e terapéuticas que achegue  a atención aos pacientes, sen ter que acudir ao Novo Hospital. E aposta porque o Xeral acolla un Servizo de Urxencias de Atención Primaria que integre os actuais servizos, dotado de laboratorio básico, diagnóstico por imaxe (Radioloxía, Eco, TAC ) e camas de observación con capacidade diagnostica e terapéutica "que desconxestione o servizo de urxencias do Novo Hospital".

SOS Sanidade Pública sinala que os servizos ofrecidos no Xeral poderían "desconxestionar o servizo de urxencias do Novo Hospital"

Propón igualmente que se ofrezan servizos de Cirurxía Menor e Cirurxía Minimamente Invasora que non requira Hospitalización, utilizando o bloque cirúrxico existente. Cres que se podería centralizar no xeral o Servizo de Rehabilitación "actualmente diseminado en varios hospitais, centros de especialidades e centros de saúde". E que tamén se podería crear aquí unha Unidade de Saúde Mental, lembrando o recente pecha dos centros de especialidades de Coia e Dobrada.

Sos Sanidade Pública lembra que "os centros sanitarios crean cidade ao seu redor atraendo servizos, centros comerciais, cafeterías, restaurantes, tendas, etc., pola circulación de persoas que acoden a recibir asistencia ou a acompañar aos seus familiares" e que isto "xera emprego, actividade económica e potencia mellóraa do urbanismo da zona". "Os edificios que perden a súa actividade sofren rapidamente un gran deterioro que se estende ao espazo social e urbano que os rodea", advirte.

 

A CIG alerta do peche dunha planta do Hospital do Salnés

CIG-Saúde alertou este mércores da posibilidade de que nos vindeiros días volva pechar o terceiro andar de hospitalización do Hospital Comarcal do Salnés, denunciando o prexuízo que isto tería tanto para os usuarios e usuarias coma para os traballadores e traballadoras. Dende a dirección do centro hospitalario comarcal sinálase que non hai ningunha decisión tomada ao respecto.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Denuncian falta de persoal e eivas técnicas nas unidades de saúde mental do novo hospital

O Movemento Galego da Saúde Mental vén de ofrecer a súa valoración sobre as Unidades de Hospitalización Psiquiátrica no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, destacando problemas de falta de dotación e persoal, así coma algunhas eivas técnicas. O MGSM celebra en todo caso o incremento de prazas de hospitalización, así coma a ubicación no novo centro das dúas Unidades de Hospitalización Psiquiátrica, previamente existentes no hospital Meixoeiro e no Nicolás Peña, o que dá cumprimento ás "indicacións que pretendían normalizar a ubicación da atención hospitalaria ás persoas con necesidades de atención psiquiátrica no mesmo lugar que todos os demais pacientes afectados por outras enfermidades ou trastornos".

Porén, denuncia que "no proceso de deseño e organización desas Unidades non se tivo en conta a participación dos profesionais desperdiciando deste xeito o caudal de coñecementos dos mesmos". E sinala que as dotacións de facultativos (psiquiatras e psicólogos clínicos) "atópanse por debaixo dos mínimos das recomendacións planificadoras", lembrando que "segundo criterios de planificación tanto do Documento de Bases para a elaboración do Plan Galego de Saúde Mental como do Plan Estratéxico de Saúde Mental, fan falla 2-3 Psiquiatras mais e 3-4 Psicólogos Clínicos, 1 Terapeuta Ocupacional e 1 Traballadora Social".

O Movemento conclúe que se produciu unha "perda de oportunidade de mellora nos recursos sanitarios da Área" e "unha perda de oportunidade para a maior implicación dos profesionais"