Feijóo considera o pacto con Vox “homologable a calquera goberno europeo”

Feijóo, con Casado e o líder do PP andaluz na campaña electoral de Andalucía © PP

O presidente non cre que o acordo concreto en Andalucía vaia ter custo electoral para o PP pero engade que “no futuro, imos ver partido a partido”

“O que se asinou onte, entendo que non vai ter ningún custo; o futuro, imos ver partido a partido”. Así respondeu este xoves o presidente Feijóo cando se lle preguntou, na rolda de prensa tras a reunión semanal do Goberno galego, se teme que o pacto de investidura en Andalucía entre PP e Vox poida ter algún custo electoral para a súa formación. Pola contra, Feijóo asegurou que “o que se asinou onte é un documento claro, transparente e homologable a calquera goberno europeo”.

Feijóo, que o martes xa se pronunciara en defensa das políticas contra a violencia machista fronte á ambigüidade que vén mantendo a dirección estatal do PP no marco das negociacións con Vox, que pedía derrogar esas medidas, ratificouse este xoves nas súas palabras pero asegurou que non difiren das dos seus compañeiros en Madrid. Segundo dixo, a súa defensa da loita contra a violencia machista diferenciándoa doutro tipo de violencias é “compatible co que defende o presidente nacional do meu partido” e “compatible co asinado en Andalucía”

Feijóo, na súa rolda de prensa deste xoves Dominio Público Xunta de Galicia

“Aquilo que podemos compartir con Ciudadanos e Vox dixemos que si, e todo aquilo que se lle tivo que dicir que non, se lle dixo que non”

O presidente galego centrou as súas valoracións sobre o acordo en Andalucía en salientar que o documento é público, fronte ao suposto pacto de investidura de Pedro Sánchez como presidente do Goberno cos independentistas cataláns “que ninguén coñece”. Pero tamén tivo reproches para o distanciamento que está a amosar Ciudadanos do acordo entre PP e Vox: “Hai políticos aos que lles encanta a tortilla de patacas pero non que se lles vea romper os ovos en público”, dixo.

A Feijóo tamén se lle preguntou se o acordo con Vox confirma un xiro á dereita do PP. “Non sei se gobernar con Ciudadanos é xirar á dereita, e non sei se ter un pacto concreto con Vox o é”, foi a súa resposta, para engadir que o acordo limítase a constatar os puntos en común do PP con Ciudadanos e Vox. “Aquilo que podemos compartir con Ciudadanos e Vox dixemos que si”, explicou, e “todo aquilo que se lle tivo que dicir que non, se lle dixo que non”, concluíu

Outra das preguntas que se lle formulou a Feijóo foi sobre a relevancia que se lle está a dar a Vox ao comentar todas as súas declaracións e decisións. “Se vostede me pregunta por unha postura concreta dun partido concreto e eu non lle contesto, é que deixei de ser eu”, sentenciou. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.