Os populares galegos saen a distanciarse en público das posturas que relativizan o problema como “violencia doméstica”
“As políticas contra a violencia machista témolas que mellorar, non derrogar”. Así se pronunciou este martes o presidente Feijóo na súa primeira comparecencia en público tras a polémica deriva dos últimos días de diversos membros da dirección estatal do PP que relativizaron a importancia da violencia machista presentándoa como violencia doméstica. Unhas verbas directas as de Feijóo, como as doutros destacados membros do PP galego que están a saír a pronunciarse sobre a cuestión, que contrasta co dobre discurso empregado polo presidente estatal do partido, Pablo Casado, que ao tempo que presenta a súa formación como a que máis fixo para loitar contra a violencia dos homes contra as mulleres, acepta o marco do debate xerado por Vox na negociación para formar goberno en Andalucía no que a formación de extrema dereita reclama rebaixar a protección das mulleres fronte a outras situacións de violencia.
Este martes Feijóo, preguntado por xornalistas pola negación do termo “violencia machista”, evidenciou que esta “existe” e hai que loitar contra ela con “políticas que poden ser mellores”, pero que non deben debilitarse. “Soamente deixarán de aplicarse medidas contra a violencia machista cando non exista a violencia machista”, engadiu. O presidente, ante a reclamación de Vox ao PP de reducir as partidas contra a violencia machista, mesmo salientou que os recursos económicos que destina o seu Goberno a ese problema son os maiores da historia.
A Xunta convocou de urxencia un acto non previsto no que Feijóo fixo as súas primeiras declaracións para distanciarse da ambigüidade do PP estatal sobre a violencia machista
Nas súas declaracións, que se produciron nunha visita a unha escola infantil que foi convocada de urxencia este mesmo martes despois de varios días sen ningún acto da Xunta ao que acudise o presidente, Feijóo evidenciou que o PP galego quere distanciarse nesa cuestión do PP estatal non só nas declaracións públicas, e citou o pacto contra a violencia machista acadado por todos os grupos do Parlamento de Galicia, cuxo cumprimento garantiu. Unhas verbas que chegan un día despois de que a viceportavoz parlamentaria do PP, Paula Prado, centrase nesa cuestión a tradicional comparecencia dos luns ante a prensa no Parlamento de Galicia, retomada tras os festivos do Nadal nos que se produciu a polémica sobre a relativización da violencia machista. Nesa primeira comparecencia en público, o principal anuncio de Prado foi que o grupo popular reactivaría de xeito inmediato as conversas co resto de grupos para avanzar no deseño de novas medidas consensuadas contra a violencia machista, contactos que se concretarían poucas horas despois. Ata a actual reactivación do debate público sobre a cuestión, a comisión parlamentaria na que se analizan esas políticas estaba case inactiva desde o pasado verán malia reiteradas peticións da oposición de que se cumpra de xeito íntegro a lei galega contra a violencia de xénero.
Igualmente, nesa liña de evidenciar que o PP galego non secunda a ambigüidade da dirección do PP estatal, tamén este martes se pronunciou sobre a cuestión o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidente da formación na provincia de Pontevedra, quen insistiu en que en ningún caso aceptará “calquera conduta encamiñada a diminuír ou baixar” a protección contra a violencia machista.