Tanto Mariano Rajoy como Alberto Núñez Feijóo levaron en cadanseus programas impedir as reformas da lei electoral sen consenso, isto é, impulsadas por un único partido. Isto non impediu, no entanto, que nos últimos anos ambos amagasen con mudar a normativa en Galicia e no Estado aínda que para facelo contasen só cos votos do PP. O presidente da Xunta fíxoo a finais da anterior lexislatura e teimou na actual cun plan que agora semella aparcado. Rajoy, pola súa banda, fixo o propio a dez meses das eleccións municipais coa intención de ilegalizar os gobernos de coalición nos concellos. O presidente do Goberno de España deu en renunciar á reforma no outono de 2014 e agora, tras o duro pau do 24M, desentérraa cando restan menos de 5 meses para as eleccións xerais.
O encargado de volver axitar a aposta polo cambio das regras do xogo electoral para impedir no futuro que os pactos entre varias formacións impidan que goberne a lista máis votada foi o novo responsable de organización do PP, Fernando Martínez-Maillo, tal e como informa Gonzalo Cortizo para eldiario.es. Coa proposta do PP, a lista que teña máis do 35% dos votos faríase co Goberno dos concellos de maneira automática sen dar posibilidade a que acordos entre outras formacións permita a formación de Gobernos sen a participación de quen recibise máis votos. Trataríase, en definitiva, de deixar atado o taboleiro de xogo para as vindeiras eleccións municipais e evitar o escenario que o 24M desbancou os populares dalgunhas das súas prazas históricas.
Se este modelo estivese vixente o 24M nas cidades galegas o PP mediríase en segunda volta á Marea Atlántica, Compostela Aberta, PSdeG e DO
No caso de que ninguén obteña esa cifra do 35% a aposta do PP pasa pola celebración dunha segunda volta na que, a priori, participarían as dúas formacións máis votadas. Se este modelo estivese en vigor nos últimos comicios locais os populares manterían a alcaldía de Ferrol, onde tiveron o 36%, impedindo a alianza de esquerda que goberna o consistorio. No resto de cidades teríanse que medir nunha segunda volta coa Marea Atlántica na Coruña -ambas forzas roldaron o 31%-, con Compostela Aberta en Santiago -a formación de Martiño Noriega foi a máis votada pero ficou a unhas décimas do 35%-, co PSdeG en Lugo e con Democracia Ourensana, en Ourense. Mentres, o PSdeG e o BNG obterían as alcaldías de Vigo e Pontevedra xa en primeira volta.
Un cambio de última hora
O PP amósase disposto a mudar as regras de xogo en solitario e nos derradeiros meses da lexislatura
Dadas as posturas manifestadas nos últimos meses polo resto do arco parlamentario no Congreso dos Deputados, este cambio de última hora sería impulsado só polo PP, que coa súa maioría absoluta podería cambiar o sistema para as municipais e tamén para as xerais. No caso das autonómicas a aplicación deste plan obrigaría a reformar diversos estatutos de autonomía e, no caso galego, a facer o propio coa lei de eleccións. Tendo en conta as datas e a correlación de forzas, se Feijóo quixese imitar o seu xefe de filas abordaría a modificación legal igualmente en solitario e tamén a poucos meses dos comicios.
Mentres xorde o interrogante de se esta operación chegará a culminar cun cambio na lei -os prazos son moi axustados e as Cortes ficarán disoltas no outono, precisamente pola convocatoria electoral-, o PP di estar disposto a impulsar os cambios en solitario e advirte de que "alguén se mostra contrario, terá que explicalo aos cidadáns", porque esta é unha proposta "sensata". Martinez-Maillo tamén lle resta valor ao feito de que aprobar unha norma coma esta neste momento deixe fóra formacións que, moi previsiblemente, estarán no vindeiro Congreso, como Podemos, Ciudadanos, ou outras forzas emerxentes: "O debate ten que estar no ámbito parlamentario", zanxa.