0 Gardados para despois

Cumprir o programa impediríalle ao PP aprobar as reformas electorais en Galicia e no Estado

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


"Teño que cumprir o programa electoral". A aposta do PP por reformar unilateralmente as leis electorais galega e española segue protagonizando a axenda política no país e as preguntas ao presidente da Xunta, xa sexa en sede parlamentaria ou dende a bancada da prensa tras a reunión semanal do Goberno galego. A apelación ao cumprimento do programa electoral foi este xoves, de novo, o argumento esgrimido por Alberto Núñez Feijóo para defender o seu recorte ao Parlamento, isto é, a modificación da Lei de Eleccións á que se opoñen PSdeG, AGE e BNG. Malia á a énfase presidencial nas cuestións programáticas o certo é que, se os conservadores cumprisen integramente o seu programa, ningunha das dúas reformas podería realizarse, cando menos na actualidade.

O impedimento para a tesoirada ao lexislativo galego estaría, no caso de ser cumprido, nas promesas electorais coas que os conservadores retornaron ao poder en 2009. Como vén informando Praza Pública Feijóo incluíu no seu programa modificar a lei para que as reformas electorais tivesen que ter o apoio de, cando menos, dous terzos do Parlamento, tal e como reclamara durante a frustrada reforma estatutaria. Así, o daquela aspirante á Presidencia prometía que, no caso de chegar ao poder, ía "establecer unha maioría cualificada de dous terzos para aprobar e reformar a lexislación electoral galega" porque esta norma é "a que fixa as regras básicas do xogo", de aí "a conveniencia de que concite o maior acordo posible".

Se instaurase o requisito da maioría cualificada, como prometeu, Feijóo non tería escanos dabondo para a reforma

Deste xeito, se Feijóo fai efectivo o compromiso de "cumprir o programa electoral" non podería levar á práctica o precepto incluído nos compromisos de 2012, entre os que se conta reducir a Cámara de 75 a 61 escanos. Isto sucede porque ningún grupo diferente do PP apoia a reforma e o Grupo Popular conta na actualidade con 41 deputados, polo que necesitaría cando menos 9 máis para chegar á devandita maioría cualificada.

A promesa incumprida de Rajoy

No caso de que a pouco usual doutrina de cumprir o programa electoral se estendese tamén ao Goberno central Rajoy tampouco podería culminar o seu plan para ilegalizar os gobernos locais de coalición. Nas súas propostas programáticas de 2011 inclúese, efectivamente, o vago principio de "promover a reforma do sistema electoral municipal" para "respectar a vontade maioritaria dos veciños garantindo, ao mesmo tempo, a estabilidade dos concellos". Así e todo, xusto no parágrafo anterior Rajoy prometía "promover o establecemento de maiorías parlamentarias cualificadas [isto é, por exemplo, dous terzos ou tres quintos do Congreso] para a aprobación e modificación dos estatutos de autonomía e das normas básicas de funcionamento das institucións do Estado", categoría na que cabe incluír a Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral.

Feijóo obvia parte das promesas do PP pero insta a cumprir as do PSOE e as da UCD

Neste escenario Feijóo obvia as promesas do seu propio partido relativas á instauración destes requisitos legais para lembrar outros programas, os do PSOE na década pasada e nos 90 e mesmo os da UCD de Adolfo Suárez. En todos eses programas, mantén, "se propuxo que da lista máis votada saíse o alcalde do pobo, da vila, da cidade" e chegou o momento de "implementar o que lles levamos ofrecendo aos españois dende hai 35 anos". Trátase, di, de "iniciar un diálogo para cumprir o programa das tres forzas que gobernaron España". Se o resto de grupos se negan é que "non teñen ningún interese por consensuar", conclúe.

Ao carón destas esixencias o presidente da Xunta rebaixa, non obstante, o nivel da esixencia que, en días pasados, o levou a el mesmo e a outros baróns populares a reclamar a doutrina da lista máis votada tamén para as eleccións autonómicas. "No programa electoral do PP non levábamos que o presidente da Xunta fose o deputado máis votado na lista que gañase as eleccións" e "non vou abrir ese debate", di. Non obstante, "que o presidente autonómico sexa o líder do partido" máis votado, isto é, trocar o sistema proporcional por un maioritario, é "unha posibilidade racional que convén plantexar e dialogar, probablemente".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Rajoy conxela a súa pretensión de mudar o sistema de elección de alcaldes

Por Luz Sanchís

A pretensión do Goberno e do PP de cambiar o sistema de elección de alcaldes para que só goberne o do partido máis votado quedou nun caixón. Socialistas e conservadores mantiveron este xoves unha reunión para abordar o paquete de medidas de rexeneración democrática, pero a reforma electoral ficou aparte. O plan é separala completamente de iniciativas como os dous proxectos de lei para controlar a actividade financeira dos partidos e os estatutos dos altos cargos e que poidan ser aprobadas antes de final de ano.

Desta forma, os socialistas lograron que no PP dean, polo momento, o seu brazo a torcer. Desde o partido do Goberno non se insiste en que estean dispostos a lograr unha reforma electoral sen consenso cos socialistas. O feito de que se aveñan a que se estude nunha futura mesa na que estean presentes os partidos e fóra do Parlamento abona a teoría.