0 Gardados para despois

Por que o chaman "elección directa" cando queren dicir...?

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


"Elección directa de alcaldes". Nos argumentarios do PP prolifera dende hai meses esta expresión para darlle nome á reforma electoral que Mariano Rajoy di estar disposto a impulsar en solitario e que o PP galego, especialmente o presidente da Xunta, reclama con entusiasmo. Malia á incerteza existente en torno a esta posible modificación legal, da que pouco máis se sabe que o suposto ánimo dos populares para sacala adiante aínda que ninguén os apoie, os datos que foron transcendendo indican que o novo sistema estaría lonxe dunha elección directa e moito máis próximo á conversión do actual sistema proporcional noutro maioritario, no que a forza máis votada é primada coa maioría absoluta se supera o limiar do 40% dos votos.

Se ben na actualidade xa é posible facerse con máis da metade da corporación municipal sen lograr máis da metade dos votos -na Coruña, Ferrol e Santiago, por exemplo, o PP goberna con maioría absoluta tendo algo menos do 44% dos votos- este cambio legal institucionalizaría o coñecido como bonus para a lista máis votada, cuxo cabeza de lista dominaría o pleno municipal co 40% dos votos sempre que a segunda forza quedase a 5 ou máis puntos. Segundo algunhas fontes, no caso de non darse esta circunstancia habería lugar a unha segunda votación á que só poderían concorrer as dúas forzas máis votadas.

O plan de Rajoy non achegaría máis decisión directa da cidadanía sobre o Concello pero si ilegalizaría os gobernos de coalición

Este sistema é moi semellante ao que se aplica nos concellos franceses ou gregos e está notablemente afastado das lexislacións electorais nas que a Alcaldía ou os edís dos municipios si son elixidos directamente, xa sexa nunha única votación ou cun voto específico para a persoa que opta ao bastón de mando. Así as cousas, o plan de Rajoy non faría que a cidadanía gañase en poder de decisión directa sobre os concellos: as forzas políticas seguirían designando as listas e decidindo quen as encabeza e, ademais, as opcións que non fosen as máis votadas terían un papel meramente testemuñal na política local aínda que sumasen a maioría do pleno. No entanto, o que si lograría sería deixar fóra da lei a conformación de maiorías de coalición despois das eleccións.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.