BNG, Anova e EU forman unha "fronte común" contra a reforma electoral do PP

Casa do Concello da Coruña, o máis endebedado do país © Concello da Coruña

BNG, Anova e EU, así coma outras entidades sociais, coma CIG e Fruga, participaron este venres na xuntanza convocada polo Bloque co obxectivo de formar "unha fronte común" contra a reforma electoral promovida polo PP. As organizacións que acudiron á reunión acordaron iniciar unha campaña explicativa á sociedade "dada a gravidade" do que se consideran “un atentado institucional contra a democracia”. De igual xeito, convocaron unha nova xuntanza para o vindeiro 17 de outubro "coa expresa vontade de sumar novas voces e novos colectivos e formular propostas para conformar esa fronte común".

Goretti Sanmartin sinalou que "a contrarreforma do PP vai seguir estando enriba da mesa"

A pesar de que este xoves o partido do Goberno anunciou a conxelación da súa proposta para cambiar o sistema de elección de alcaldes, Goretti Sanmartin, secretaria de Política Municipal do BNG, sinalou que "a contrarreforma do PP vai seguir estando enriba da mesa", pese a que "a contestación das forzas políticas, sindicais e colectivos sociais fixera recuar os populares aprazando a reforma".

“Concluímos que é absolutamente necesario facer esa fronte común contra a reforma antidemocrática do PP, que resta pluralidade política e que consideramos un golpe de estado á democracia, máis aló de que se pacte deixar a proposta ata despois dos comicios municipais de maio de 2015”, explicou Sanmartin. Neste senso, o BNG e as outras organizacións participantes, engadiu Sanmartin, “coincidimos en considerar moi importante que se sumen máis voces a esta fronte común e comprometémonos a traballar no próximo mes para que, cada unha das organizacións e dos colectivos aquí presentes, falen a súa vez con outras organizacións e colectivos para que se activen e estean dispostos a unha nova xuntanza para traer propostas concretas, para desenvolver unha intensa campaña social do que significa este atentado á democracia e pór en riba da mesa mesmo mobilizacións”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.