0 Gardados para despois

O BNG propón unha "fronte común" contra a reforma electoral e o recorte de deputados

Redacción | @prazapublica

O BNG propón "unha fronte común" co obxectivo de "frear a ofensiva antidemocrática" que o PP prepara, segundo a formación nacionalista, a través do anunciado recorte do Parlamento galego e da reforma electoral para ilegalizar as coalicións postelectorais. Por iso, o Bloque vén de enviar unha carta a todas as forzas políticas con representación parlamentaria e ás forzas sindicais maioritarias para convocalas a unha xuntanza o vindeiro 11 de setembro en Compostela.

O BNG chama a forzas políticas, sindicais e sociais a xuntarse para "frear a ofensiva antidemocrática" do PP

Esta reunión, que se celebrará n'A Nave de Vidán, está aberta tamén -segundo aclara o BNG- á participación de calquera partido, sindicato, movemento social "e a quen queira asistir a título individual". Porque o Bloque cre que o PP iniciou unha “ofensiva desaforada” contra a democracia con dúas iniciativas que, “baixo o cínico rótulo da rexeneración, pretende perpetuarse no poder para gañar con trampas o que ten perdido na rúa".

Segundo o voceiro nacional do Bloque, Xavier Vence, estamos asistindo "a unha escalada autoritaria da dereita desesperada que pretende aproveitar a súa maioría absoluta para seguir no poder aínda que perda a maioría na sociedade”. Ante esta situación, o BNG  convoca esta xuntanza aberta "en defensa da democracia, da pluralidade e da participación política co obxectivo de facer unha fronte común e frear a ofensiva antidemocrática do PP".

"As demais forzas debemos traballar xuntas para trasladar propostas que reforcen a participación da cidadanía"

“Creemos que as demais forzas políticas debemos traballar conxuntamente para trasladar á sociedade propostas que reforcen a participación da cidadanía, que loiten contra a desafección, contra a idea do inmobilismo e da falta de solucións e propostas que permitan a pluralidade política”, explicou Vence. En definitiva, subliñou, “establecer entre todos unha axenda de traballo e de mobilizacións para enfrontar esta estratexia antidemocrática do PP”.

“Queremos máis democracia e máis pluralismo, como demanda a sociedade, non menos”, reiterou Vence, quen fixo fincapé na “desvergoña” do PP cando teima en repetir que “non pode gobernar quen non gañe”. En realidade, denuncia o portavoz, o que busca o PP coa reforma electoral “é gobernar sen gañar a maioría do apoio social” e subliña que “na súa hipocrisía” mesmo nega as regras aritmética básicas “ao querer converter o 40% no 50% reiventando o concepto da maioría absoluta que saben perdida nas urnas”.

“De demonizar o pluralismo político a demonizar a democracia só hai un paso”

“De demonizar o pluralismo político a demonizar a democracia só hai un paso”, advertiu Xavier Vence, quen destacou en que a concentración de poder que promove o PP "favorece as situacións de corrupción". Ademais, o portavoz nacional do Bloque advertiu que Galicia "segue a ter os mesmo problemas: desemprego, 100.000 fogares sen ingresos, recortes en servizos básicos como educación e sanidade que deterioran a calidade de vida, familias que non chegan a fin de mes, índices de pobreza como non se lembraban neste país". “Lonxe de achegar solucións, o PP crea novos problemas con reformas antidemocráticas”, asegura.

“A propaganda non recupera a economía nin o emprego, só recupera as rendas das empresas do IBEX, das grandes concesionarias de servizos publicos, das eléctricas ou da banca rescatada que agora nos pasa polos fociños os seus elevadísimos beneficios, mentres o PP continúa coas políticas que prolongan o sufrimento e afunden ás familias”, finalizou.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.