Rajoy recupera o plan para ilegalizar as coalicións a dez meses das municipais

Feijóo, Rajoy e Conde Roa, nun mitin de campaña das municipais de 2011 CC-BY-SA PPdeG

Santiago, 10 de maio de 2011. O PP celebra unha cea-mitin no vestíbulo do pavillón Fontes do Sar. O seu gabinete coloca nos primeiros lugares os medios de comunicación estatais e ubica nos últimos os galegos mentres, entre as arredor de 300 persoas presentes, avanzan Gerardo Conde Roa e Mariano Rajoy. Na súa quenda de palabra quen daquela era líder da oposición no Congreso dos Deputados explicou que acudira á capital galega porque "quero o mellor para Santiago". "Como quero o mellor e creo que o mellor é Gerardo, veño para pedir o voto para Conde Roa", explicou. Ademais, e saíndose dos grandes argumentos de campaña, prometeu unha reforma electoral para impedir os gobernos de coalición nos concellos, a mesma que vén de recuperar a dez meses das vindeiras municipais co entusiasmo de, entre outros, o presidente da Xunta.

Tras o pau sufrido nas eleccións europeas o pasado luns Rajoy explicou ante a cúpula do PP que chegar ao momento de desenvolver o punto do seu programa electoral no que os conservadores prometeran "promover a reforma do sistema electoral municipal para respectar a vontade maioritaria dos veciños garantindo, ao mesmo tempo, a estabilidade dos concellos". Este vago principio desenvolveuno un chisco máis este martes en Panamá: "Penso que o alcalde debería ser a persoa á que vota o pobo; non pode haber unha coalición de cinco partidos, que perden as eleccións os cinco, para poñérense de acordo para botar a aquel que ten máis apoio da xente". Ao seu xuízo o único que "habería que ver" é "se ese alcalde, ao chegar a determinada porcentaxe, ten xa unha maioría ou se, pola contra, hai que facer unha segunda volta". Todo isto, di, plasmarase nunha reforma que enviará ás Cortes no outono.

Rajoy xa lanzara a proposta en 2011, nun mitin de apoio a Conde Roa

Esta aposta por desbotar o xogo das maiorías para o ámbito municipal non é moi diferente da formulada naquel mitin de Compostela, na que presentou o seu plan como un antídoto contra o que acontecía "aquí e noutras cidades de Galicia". "Podes encabezar unha lista dun concelleiro, sair só e ser o alcalde", caricaturizou. "Isto non pasa no resto dos países de Europa e isto hai que cambialo e eu vou promover ese cambio" que, para o líder da dereita, significa que "o que gana, goberna". En todo caso, naquela ocasión non "importaba moito" porque Conde Roa ía "ter a maioría absoluta" e íalles impedir a PSdeG e BNG "volver facer" o de eleccións anteriores, isto é, conformar unha maioría de goberno.

Feijóo secúndao dende a FAES e pide ir máis alá

A iniciativa de Rajoy, que busca ao PSOE para desenvolvela, foi celebrada este mércores por Feijóo, un dos principais valedores da idea. O presidente da Xunta, que acudiu ao campus de verán da Fundación FAES para participar no foro La Constitución territorial y el desafío secesionista, concibiu a reforma formulada polo seu xefe de filas como un inicio, máis que como un obxectivo en si mesmo. "Por algo hai que empezar", sinalou ao ser preguntado ao respecto da posibilidade de que nunhas autonómicas ou nunhas xerais abonde coa maioría simple para ter garantido o goberno deixando de lado, polo tanto, o xogo de maiorías parlamentarias.

Feijóo abre a porta a que a maioría simple abonde para gobernar tanto no ámbito autonómico como no estatal

Para Feijóo impedir a conformación de coalicións non é máis que aplicar o principio de que "a democracia consiste en que gobernen os que gañan as eleccións, en que a maioría poida gobernar". "É un contrasentido -abondou- que un ancalde a falta dun concelleiro se convirta en líder da oposición e un candidato que perdeu claramente as eleccións sen convirta en alcalde". "Iso afástanos da democracia, do valor das urnas", afirma, antes de definir os acordos postelectorais para conformar maiorías como "pactos nos despachos en contra do resultado das urnas".

Estas declaracións chegan xusto despois de que en Galicia as eleccións europeas debuxasen un panorama marcado non só polo peor resultado do PP en vinte e cinco anos, senón tamén por un marcado xiro á esquerda das sete grandes cidades. Na Coruña, Pontevedra, Santiago, Vigo e Ferrol as forzas consideradas de esquerda rupturista superaron en votos tanto ao PP como ao PSdeG. Se a lectura se realiza nun eixo esquerda-dereita o apoio ao PP nas sete urbes foi notablemente inferior ao recibido por PSdeG, AGE, Podemos e BNG.

Rajoy, ante a prensa en Panamá © Goberno de España
Feijóo, con Aznar no Campus FAES © FAES
© PP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.