A loita pola educación pública en Chile continúa

Mobilización estudantil en Chile Dominio Público Praza Pública

O movemento estudantil chileno reactívase trala primeira marcha nacional do 2012. Cunha pacífica e masiva participación, os estudantes volven ás rúas tras oito meses de manifestacións ininterrompidas durante o curso anterior. Segundo os convocantes, a Confederación de Estudiantes de Chile (Confech) e os estudantes secundarios, preto de 80.000 chilenos asistiron á mobilización mentres que as autoridades, Carabineros de Chile, cifran en 48.000 a asistencia.

As demandas a prol dunha educación pública, gratuíta e de calidade gañan forza malia que o Goberno presentase este luns un novo proxecto de financiamento para a educación superior

As demandas a prol dunha educación pública, gratuíta e de calidade gañan forza malia que o Goberno presentase este luns un novo proxecto de financiamento para a educación superior. Dita proposta substitúe o actual Crédito con Aval del Estado (CAE) por un sistema integrado no que o Estado rempraza aos bancos no seu rol de outorgar financiamento. Gabriel Boric, Presidente da Federación de Estudiantes de la Universidad de Chile (Fech),  declarou que a proposta do Goberno é insuficiente.

“O que queremos cambiar é a concepción da educación como un ben de consumo, segue habendo unha educación para ricos e outra para pobres”, matizou o líder estudantil. A reforma financeira tamén suscita rexeitamento nos docentes, Rodolfo Jiménez, Presidente da Asociación Académicos de la Universidad de Santiago considera que isto “non produce ningún cambio no sistema” e defende que se graven as rendas máis altas para que “a educación poida ser gratis coma no resto dos países de América Latina”.

Harald Beyer, ministro de Educación, enfatizou que o Executivo non é partidario da gratuidade na educación por tratarse dunha “política inxusta”

O titular da carteira de Educación, Harald Beyer, afirmou en rolda de prensa horas despois da marcha estudantil que as portas para o diálogo “están abertas” aínda que enfatizou que o Executivo non é partidario da gratuidade na educación por tratarse dunha “política inxusta”.  No entanto, milleiros de estudantes non conformes coa resposta gobernamental claman pola imposición da educación coma un dereito universal é, á súa vez, a derrogación da Lei Orgánica Constitucional de Enseñanza (LOCE) promulgada en 1990 durante a ditadura de Augusto Pinochet, só catro días antes de que o ditador entregase o poder.

Actualmente o 25% do sistema educativo chileno é financiado polo Estado mentres que os estudantes aportan o outro 75%

Actualmente o 25% do sistema educativo chileno é financiado polo Estado mentres que os estudantes aportan o outro 75%. Fernanda Sandoval, estudante da Universidad Diego Portales explica que o prezo da matrícula universitaria na carreira de Dereito é de arredor de 3.800.000 millóns de pesos chilenos (uns 5.900 euros) o que provoca un sistema no que  se “lucra ao sector privado grazas ao endebedamento das familias”. Segundo os datos de 2011 do Instituto Nacional de Estatísticas de Chile, o salario mínimo interprofesional no país é de 180,000 pesos brutos, o equivalente a 283 euros.

 

Eloisa González, voceira da Asamblea Coordinadora de Estudantes Secundarios, denunciou a cancelación da matrícula de varios dos seus compañeiros por secundar as manifestacións anteriores, así como as ameazas de expulsión  aos restantes.

Represión ante as demandas sociais

Eloisa González, voceira da Asamblea Coordinadora de Estudantes Secundarios, denunciou a cancelación da matrícula de varios dos seus compañeiros por secundar as manifestacións anteriores, así como as ameazas de expulsión  aos restantes. Varios alumnos “están tratando de ocupar o Liceo Alessandri en sinal de protesta e solidariedade cos afectados. Ao mesmo tempo recordou as detencións ilegais e a forte represión da pasada manifestación do 15 de marzo dispersada polos Carabineros de Chile con gases lacrimóxenos e carros de auga.

As tensións entre o movemento estudantil e as forzas de seguridade agraváronse trala morte do estudante de 16 anos Manuel Gutiérrez ao ser disparado por un suboficial da policía de Carabineros durante unha manifestación fai oito meses. Dende entón, seu irmán, Gerson Gutiérrez esixe que “os Caraboneros sexan xulgados polo civil e non polo militar”. Alega que non se fixo “xustiza” pola morte de seu irmán xa que “algúns dos axentes implicados seguen en activo”.

Varios sectores, coma o estudantil, estanse a mobilizar na procura de melloras sociais. Estas topáronse, na súa maioría cunha reposta máis encamiñada cara a represión que ao consenso. A comezos de abril Adimark, empresa de Investigación de mercado e opinión pública, concluíu que máis dun 70% da poboación chilena desaprobou a xestión do Executivo ante os conflitos sociais e o 56% apoia como a xente mostrou as súas inquietudes.

Tanto os organizadores, a Confech e os estudantes secundarios, coma o Goberno resaltaron o carácter pacífico da marcha estudantil , na que só se rexistraron “pequenos altercados” e non descartan que a manifestación deste mércores sexa tan só “a primeira do ano”.

Dominio Público Praza Pública
Mobilización estudantil en Chile Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.