"Estamos ante un cambio de ciclo histórico e non o podemos desaproveitar"
"Estamos ante un cambio de ciclo histórico e non o podemos desaproveitar", así se expresou Gabriel Boric, candidato da alianza de esquerdas Apruebo Dignidad, tras confirmar que será o vindeiro presidente de Chile. Cunha participación próxima ao 60%, as votación da segunda volta dos comicios presidenciais do país outorgáronlle un apoio superior ao 55% fronte ao aspirante da extrema dereita, José Antonio Kast, que concorría baixo as siglas do Partido Republicano.
Con case dous millóns de votos máis que na primeira volta, o electorado chileno deu o triunfo a Boric e con el, ao movemento que hai unha década impulsou as protestas sociais para reclamar unhas mellores condicións de vida e avances democráticos. O daquela líder estudantil recibirá o vindeiro marzo a banda presidencial do dereitista Sebastián Piñera, o mesmo presidente contra o que a súa xeración se mobilizou en 2011.
Boric pararaseou a Salvador Allende tras confirmar a súa vitoria fronte ao aspirante da extrema dereita, José Antonio Kast, abertamente adherido ás teses de Pinochet
Como informa Meritxell Freixas para eldiario.es, o treito final da campaña estivo impregnada dun espírito semellante ao que, en 1988, marcou o plebiscito sobre a continuidade do réxime do ditador militar Augusto Pinochet. Non en van, o candidato da extrema dereita, Kast, identificouse abertamente coas teses políticas do golpista entre continuas apelacións a unha suposta necesidade de restablecer a orde no país.
Na banda contraria, como recolle a chilena Tele13, o xa presidente electo citou a Salvador Allende. "Esta noite debemos celebrar e farémolo con tranquilidade. Convídoos que vaian ás súas casas coa alegría sa da limpa vitoria alcanzada", parafraseu, evocando as palabras de Allende tras a súa vitoria electoral de 1970.
Neste sentido, o vencedor expresou no seu discurso da vitoria a liña histórica que segue o movemento político que o vén de levar á presidencia. "Eu veño de lonxe, do sur de Magallanes, case na Antártica, e teño 35 anos e teño claro que a historia non parte connosco. O noso proxecto é herdeiro dunha longa tradición, a de quen buscaron a xustiza, a defensa dos dereitos humanos e a protección das liberdades", sinalou á multitude que se congregou na avenida principal de Santiago, La Alameda.
O seu propósito, advirte, é a de ser "o presidente de todos os chilenos e chilenas, de quen elixiron outra alternativa e tamén de quen non concorreron a votar", engadiu tras unha decisiva votación cuxo resultado agradece "con especial énfase ás mulleres" de Chile. Elas, salientou, "organizáronse por todo o territorio para defender os dereitos que tantos lles custou alcanzar. Quero dicirlles moi forte: conten connosco, vostedes serán protagonistas do noso goberno".
Durante a xornada de votacións, partidarios de Boric alertaron de que o actual Goberno de Piñera dificultou o acceso aos colexios electorais mediante atrancos no transporte público. Os comicios contaron coa presenza de diversas delegacións internacionais, entre elas unha do grupo dos Verdes - Alianza Libre Europea do Parlamento Europeo, na que participou a voceira do BNG ante a UE e futura eurodeputada, Ana Miranda.